En resposta a unha pregunta de En Marea, o Executivo suma outros tres casos de falecidos por “causas non traumáticas” aos nove que xa se coñecían en toda Galicia desde o comezo das obras en 2001
O Goberno central, nunha resposta a unha pregunta por escrito da eurodeputada de En Marea Alexandra Fernández, vén de elevar a 12 o total de mortes relacionadas coas obras de construción do AVE galego de que se ten constancia. Ata esta resposta sabíase de nove falecementos desde o inicio dos traballos en 2001 en toda Galicia, tres deses casos fóra da liña de conexión coa Meseta. Porén, agora o Goberno sinala que só entre Zamora e Ourense ten rexistrados nove casos, dos que tres falecementos, non individualizados nin coñecidos ata agora, debéronse ao que define como “causas non traumáticas”. Varias das mortes, as producidas na provincia de Ourense nos últimos anos, están a ser investigadas penalmente por un xulgado de Verín tras unha denuncia da CIG.
O Goberno sinala que os índices de accidentalidade nas obras do AVE a Galicia “teñen valores moi inferiores aos índices que rexistra o sector da construción en España”
Segundo a información oficial do Goberno, en resposta con data do pasado 4 de febreiro a unha pregunta formulada por En Marea tras o último falecemento do que se tiña constancia, o pasado outubro, aquel sinistro produciuse ao envorcar o camión que conducía o falecido cando se encontraba parado descargando. Segundo o Goberno, a empresa adoptara medidas preventivas correctas e tras o accidente “reforzou mediante charlas dirixidas aos traballadores a necesidade de adoptar as medidas preventivas que xa estaban definidas”.
O Goberno sinala que os índices de accidentalidade nas obras do AVE a Galicia “teñen valores moi inferiores aos índices que rexistra o sector da construción en España” e, malia as mortes que admite, asegura que nelas “cúmprese rigorosamente a Lei de Prevención de Riscos Laborais”. Segundo o Goberno, cando se produce un accidente nunha obra concreta, Adif informa ao resto de empresas para que analicen as súas actuacións e eviten que se repitan sinistros polas mesmas causas.
Os accidentes mortais tanto no Eixo Atlántico como na liña á Meseta coinciden cos periodos de maior intensidade das obras en ambas as dúas actuacións
A primeira pedra do AVE galego, do que daquela non ía ser máis que unha reforma da vella vía entre A Coruña e Vigo, púxose o 21 de xullo de 2001. E a primeira redución considerable dos tempos non chegaría ata a inauguración en 2007 do AVE Madrid-Valladolid, co que o galego, na súa conexión coa Meseta, comparte os primeiros quilómetros entre Madrid e Olmedo. Foi ese mesmo ano, o 7 de setembro de 2007, cando se produciu a primeira morte nas obras en Galicia cando se derrubou un viaduto en construción no Carballiño e morreu un capataz vigués de 45 anos da empresa Comsa e resultaron feridos outros catro traballadores. Aquel primeiro accidente mortal saldouse no xulgado dez anos despois sen culpables penais. Dúas semanas máis tarde un obreiro de Ferrovial de 23 anos de Mazaricos morreu ao envorcar a súa escavadora en Cerceda. E en xullo de 2009 un topógrafo de 27 anos de Salvaterra do Miño foi aplastado por un camión nun túnel en Arcade. Esas tres primeiras mortes, no Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo e na liña Ourense-Santiago, non están incluídas nas nove das que agora informa o Goberno só entre Ourense e Zamora.
Eses primeiros anos coincidiron coa maior intensidade dos traballos nas liñas do Eixo Atlántico e Ourense-Santiago, que se puxeron en servizo a partir de 2011. Non volveu rexistrarse outro accidente mortal ata que volveu haber outro incremento notable da actividade, desta volta na liña á Meseta. Foi alí, en Vilar de Barrio, onde o 2 de abril de 2013 morreu un enxeñeiro madrileño de 37 anos de Vías y Construcciones atropelado nun túnel dun treito que acumula todo tipo de irregularidades. Un ano máis tarde, o 15 de abril de 2014, un mecánico asturiano de 53 anos de Copisa faleceu golpeado por unha pa no túnel da Canda, no fronteirizo municipio zamorano de Lubián, sen que a súa morte transcendese en Galicia. E dous meses despois, o 17 de xuño de 2014, un traballador de 42 anos de Sevial Proyectos y Obras morreu ao caer a escavadora que conducía por un noiro entre A Gudiña e Vilariño de Conso.
O 15 de setembro de 2015, en Laza, cedeu a cesta dunha grúa na que traballaba un operario asturiano de 31 anos que resultou falecido e quedou ferido grave outro traballador. Durante os tres anos seguintes non se produciu ningún accidente mortal máis ata o falecemento o 28 de xuño do pasado ano dun traballador portugués de 41 anos en Pedralba (Zamora) cando lle caeron enriba uns ferros. E menos de catro meses despois rexistrábase o último accidente mortal do que hai constancia concreta ata agora, ao envorcar cun camión en Laza o 10 de outubro un home de 60 anos de Vilardevós que traballaba para a empresa subcontratada Excanando.
A estas nove mortes das que había constancia pública agora o Goberno suma outras tres "por causas non traumáticas".