Condenadas seis construtoras do AVE a pagar a un obreiro mil horas extra por xornadas de 12 horas seis días á semana

Treito Campobecerros-Portocamba do AVE no que sucederon os feitos Dominio Público Adif

Seis empresas construtoras do AVE entre Ourense e a Meseta veñen de ser condenadas a pagar a un obreiro máis de 10.000 euros en concepto dunhas mil horas extra non aboadas durante dez meses nos que tivo xornadas de traballo de doce horas diarias, de oito da mañá a oito da tarde, cunha hora para comer, cinco e mesmo seis días á semana. A sentenza, do pasado día 10 deste mes de outubro, divúlgaa agora a CIG, para quen “explica a alta sinistralidade” das obras do AVE galego, que ese mesmo día da pasada semana rexistraba un novo falecido, o noveno desde que comezaron os traballos en 2001, seis deles desde 2013, cando se intensificaron na liña de conexión coa Meseta. Un xulgado de Verín ten aberta unha investigación penal por delitos contra os traballadores por eses falecementos.

A CIG considera que a sentenza “explica a alta sinistralidade” das obras do tren de alta velocidade, que acumulan nove mortos desde o seu comezo e están a ser investigadas penalmente

A sentenza agora coñecida do xulgado do Social número 1 de Ourense condena á empresa Revestimientos Túneles y Encofrados SL, para a que traballaba o obreiro como oficial de segunda, pero tamén, de xeito solidario, ás outras construtoras que a subcontrataran a través da Unión Temporal de Empresas (UTE) Portocamba, que en 2012 se adxudicou o treito Campobecerros-Portocamba por 84 millóns de euros: Sacyr SA, Río Valle Construcción y Obra Pública SL, Cavosa Obras y Proyectos SA y Construcciones Mariano López Navarro SA. No xuízo só compareceu a propia UTE.

Segundo a sentenza, o traballador foi contratado en xullo de 2015 e prestou servizos ata decembro de 2017, pouco antes de que Adif dese por rematados os traballos dese treito en febreiro deste mesmo ano. O xuíz dá por probado que “realizou a seguinte xornada e horario: 1ª xornada de luns a venres en horario de 8 a 20 horas cunha hora para comer, 2ª xornada de luns a sábado en horario de 8 a 20 horas cunha hora para comer”. E calcula a continuación cantas desas horas superaron, ao longo de dez meses de traballo durante 2017, o que debera ser a xornada ordinaria máxima, concluíndo que foron arredor de mil horas extra, ás que engade vacacións non desfrutadas polo traballador, polo que cifra nun total de 10.793,35 euros a contía que as seis empresas teñen agora que aboarlle.

As laborais non son as únicas irregularidades cometidas pola UTE adxudicataria, liderada por Sacyr, que recibiu polo menos tres sancións por danos a un regato cuxo cauce desapareceu por completo ao longo de varios centos de metros

As laborais non son as únicas irregularidades cometidas pola UTE Portocamba na construción do treito Campobecerros-Portocamba, obras polas que recibiu polo menos tres sancións da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, reveladas por Praza.gal. Unha delas foi polo “desvío e entubado do cauce” do regato Foxo Vello que desapareceu por completo ao longo de varios centos de metros “causando danos ao dominio público hidráulico”. A sanción foi de só 7.588 euros, o 0,009% dos 84 millóns de euros polos que se adxudicou o treito.

Concentracións da CIG

Para a CIG a nova sentenza laboral, emitida o mesmo día no que morría o noveno traballador nas obras do AVE, “explica a alta sinistralidade nos treitos do AVE e o desleixo absoluto dos órganos de control de abusos do Estado para impedir este tipo de situacións”. Esa situación levou ao sindicato a presentar unha denuncia que provocou a apertura a principios deste ano dunha instrución penal nun xulgado de Verín por delito contra os traballadores. Agora, tras a última morte, que o sindicato pide que se incorpore á investigación xudicial, a CIG convoca concentracións de protesta este venres ás 12 horas na praza do Concello de Verín e ás 12.45 horas no treito da obra do túnel de Cerdedelo, en Laza, no que se rexistrou o último falecemento.

A CIG convocou concentracións este venres e critica que Adif e o delegado do Goberno visitasen a zona só cinco días despois da última morte "para celebrar o avanzo das obras"

O sindicato critica que a administración “fai ouvidos xordos a este grave problema, que aparella que operarios que acoden ao seu posto de traballo se xoguen a vida en xornadas interminábeis e, en moitos casos, sen as medidas de seguridade preceptivas. Un “problema aínda máis grave cando se fala do colectivo de traballadoras/es transfronteirizos”, en referencia aos obreiros portugueses, “que sofren en maior medida a arbitrariedade e a desprotección”. A CIG tamén critica que, malia esta situación, esta mesma semana, só cinco días despois da última morte, o director de construción de Adif e o delegado do Goberno en Galicia visitasen a zona “para celebrar o avanzo das obras”.

Fragmento da condena pola que as seis empresas deberán pagar de xeito solidario as horas extra do traballador Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.