Vigo non terá rematada a súa estación de tren ata 2021, dez anos despois de tirar a anterior

Recración do complexo comercial da nova estación de Vigo-Urzáiz Dominio Público Adif

Este venres comezaron as obras, cun prazo de 30 meses, do complexo comercial sobre as vías soterradas xa en servizo en Urzáiz

En agosto de 2011 o daquela ministro de Fomento, o socialista José Blanco, inauguraba en Vigo a denominada estación provisional de Guixar, xunto ao porto, que permitiría que Vigo mantivese servizos ferroviarios mentres se desenvolvía a complexa obra de chegada do AVE do Eixo Atlántico a través dun túnel desde Redondela á tradicional estación de Urzaiz, que tiña que ser derrubada e soterrada. Esa nova terminal soterrada púxose en servizo en 2015 de xeito provisional, pero o resto do complexo sobre ela, que inclúe un centro comercial e que levará anexo unha estación de autobuses para garantir a intermodalidade, comeza a construírse aínda agora e non estará rematado ata mediados de 2021, dez anos despois de derrubarse a anterior estación.

Autoridades presentes este venres na presentación da nova estación de Vigo Dominio Público Adif

A Xunta construirá unha estación de autobuses anexa ao novo complexo comercial, o Concello remodelará os espazos anexos e os accesos e Adif deberá decidir que fai coa estación provisional de Guixar

Este venres, cun acto ao que asistiron os máximos responsables de Adif, a Xunta e o Concello, deuse comezo oficialmente á obra que acometerá unha concesionaria á que Adif encargou a construción e xestión posterior do complexo comercial durante 50 anos por 83 millóns de euros e un prazo de execución de 30 meses. Unha cifra moi inferior aos 152 millóns de euros en que foi valorado inicialmente un edificio deseñado por Thom Mayne e que nestes anos viu recortada a súa envergadura e sufriu diversas demoras. Inicialmente o complexo ía ir ligado a unha recualificación urbanística da zona para financialo en parte coa construción de vivendas, pero a crise tombou esa vía e dificultou atopar empresas interesadas no proxecto. Posteriormente a anulación xudicial do plan de urbanismo de Vigo supuxo un novo obstáculo que acabou sendo superado tras a aprobación por parte da Xunta dunha lei específica para facilitar grandes proxectos como este.

Vella estación de Urzaiz derrubada en 2011 Dominio Público Adif

Anexa ao novo complexo comercial a Xunta construirá unha estación de autobuses que facilitará a intermodalidade e substituirá á agora existente na avenida de Madrid. Este mesmo xoves o Goberno galego aprobou a expropiación dos terreos necesarios. Pola súa banda, o Concello reformará os espazos anexos e os accesos ao complexo con achegas económicas de Adif e Xunta. Posteriormente, Adif terá que decidir que fai coa estación supostamente provisional de Guixar, na que seguen a operar os trens de longa distancia e os de tracción diésel cuxos gases impiden que poidan empregar o túnel electrificado co que se chega á nova de Urzáiz. Para o futuro, a nova terminal soterrada de Urzáiz está preparada para facilitar unha hipotética saída sur en túnel cara ao Porriño e Portugal.

Recreación da estación intermodal de Vigo-Urzáiz Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.