A familia dun dos mariñeiros falecidos expresou as "dificultades para atopar un lugar en Galicia onde poder darlle sepultura de acordo ás súas crenzas relixiosas"
A vila de Portosín amenceu este venres de loito logo de que dous dos seus veciños falecesen o xoves ao envocar o barco no que volvían de faenar á altura de Cedeira. Embarcacións atracados e mariñeiros en terra renden homenaxe a Kiko Betanzos e Abdelkabir Aniba.
No medio da traxedia, a familia de Abdelkabir, xunto ao armador do barco, Ángel Güeto, e á confraría de Portosín, reclamaron axuda ao constatar "as dificultades para atopar un lugar en Galicia onde poder darlle sepultura de acordo ás súas crenzas relixiosas".
A familia de Abdelkabir, marroquí pero con máis de dez anos de residencia en Portosín, amosou a súa predilección por que fose soterrado nun cemiterio musulmán en Galicia, unha das poucas comunidades autónomas que non ten ningún recinto deste tipo.
A ausencia de cemiterios musulmáns impediu o desexo da familia de enterrar a Abdelkabir Aniba en Galicia
"A muller quería enterralo aquí co ritual funerario musulmán pero resulta que non hai sitio ningún; desde a confraría, xunto co armador e o propio alcalde de Portosín, fixemos xestións pero non houbo maneira", explica a Praza.gal Isaac Gaciño. patrón maior.
Desde hai tempo, a comunidade islámica galega, de case 30.000 persoas, reclama a construción de cemiterios musulmáns en Galicia, unha demanda que Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) se comprometeron a estudar hai xa tres anos. Tamén, asumindo un mandato do Parlamento, o Executivo autonómico comprometérase a adoptar a súa norma sanitaria para permitir os enterramentos islámicos, nos que o corpo é envolto nunha tea branca e depositado nunha foxa en contacto directo coa terra.
Malia que o proxecto para elaborar un novo decreto de sanidade mortuoria de Galicia que evite o veto ao "enterramento ou incineración de cadávares sen o correspondente féretro ou recipiente funerario" empezou a súa tramitación hai xa dous anos, segue pendente de aprobación.
O corpo de Abdelkabir será finalmente repatriado a Marrocos
A alternativa da comunidade musulmá é a de optar por algún dos cemiterios islámicos que hai en España --o máis próximo é o de León-- ou repatriar o cadáver aos seus países de orixe. Nesta ocasión, segundo conta Gaciño, a familia acabou aceptando a opción de que o corpo de Abdelkabir fose trasladado a Marrocos desde Pontevedra, logo de que fose velado polo rito musulmán no tanatorio.
"Buscamos todas as posibilidades e alternativas pero non as atopamos, así que a familia acabou aceptando a solución que lles deron membros da súa comunidade", explica Ganciño, que aclara que os gastos da repatriación serán cubertos polo seguro.