Unha nova lei agora paralizada pretendía dar máis autonomía aos entes de análise de sinistros, que no ferroviario afronta un preito no Supremo por incumprir a normativa europea e no marítimo vén de desatender á Audiencia Nacional na causa do afundimento en Terra Nova
Ademais das investigacións xudiciais penais cando se rexistran mortes ou persoas feridas, os accidentes de avión, tren ou barco son investigados por comisións técnicas co obxectivo de evitar que se volvan producir. Son a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) e a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (CIAIAC). Pero o grao de independencia desas comisións do Ministerio de Transportes convértese en cuestión de conflito cando as súas investigacións, ademais de para evitar novos accidentes, interfiren ou axudan á xustiza na determinación de culpas dos sinistros xa ocorridos.
No caso do accidente de Angrois de hai dez anos, con 80 mortos, a CIAF foi descualificada pola UE pola súa falta de independencia e afronta actualmente un preito no Tribunal Supremo por negarse a facer unha nova investigación do sinistro acorde coa normativa europea que pescude máis alá do despiste que sufriu o maquinista do tren Alvia. Pola súa banda, a CIAIM vén de desatender á Audiencia Nacional ao decidir pola súa conta a saída cara a Terra Nova do somerxible que está a analizar os restos do pesqueiro Villa de Pitanxo, en cuxo afundimento hai un ano morreron 21 mariñeiros.
Nos dous casos o Ministerio de Transportes -e antes o de Fomento do PP no caso de Angrois- asegura que as dúas comisións son independentes e non pode darlle ordes. Ao tempo, remitiu ao Congreso unha nova lei para dar máis independencia ás investigacións técnicas de sinistros coa creación dun novo ente con personalidade xurídica e fondos propios. Unha nova norma cuxo futuro queda paralizado coa convocatoria de eleccións xerais.
No caso de Angrois a investigación técnica que no seu momento fixo a CIAF apuntando en exclusiva ao maquinista foi desmontada en 2016 pola Axencia Ferroviaria Europea por non analizar outras cuestións -finalmente no xuízo que se está a celebrar en Santiago tamén está acusado un director de Seguridade de Adif- así como pola composición non independente que daquela tiña como comisión oficial que era do Ministerio de Fomento. A Comisión Europea mesmo abriu un procedemento de infracción contra España por esa falta de independencia, pero pechouno cando o Goberno central reformou a CIAF e fixo que os seus membros, que antes nomeaba directamente Fomento, pasasen a ser propostos polo ministerio pero nomeados polo Congreso.
No caso de Angrois a Audiencia da Coruña rebaixou o valor da investigación feita pola CIAF, pero no Pitanxo foi a propia xustiza quen pediu á CIAIM que a axude a investigar para establecer as responsabilidades penais
A CIAF xa é tan independente como reclamaba Bruxelas, malia que á Comisión Europea aínda lle quedan dúbidas por posibles "deficiencias na forma en que o organismo nacional de investigación analiza e investiga os accidentes". Pero o que si ten claro a Comisión Europea sobre o caso concreto de Angrois é que España aínda non fixo a investigación técnica independente que esixe a normativa comunitaria. O problema é que agora o Goberno de España, tanto co PP como co PSOE, di que a CIAF xa é independente e polo tanto non pode darlle ordes ao respecto, e a propia CIAF négase porque teima en que a súa análise foi adecuada e non ve necesario reabrila.
Algo similar ocorre coa investigación da CIAIM no caso do Pitanxo. Pero se en Angrois o informe da CIAF sobre o sinistro foi só unha máis das múltiples peritaxes que se realizaron e a Audiencia da Coruña rebaixou a súa validez fronte a outras máis independentes, no Pitanxo a propia xustiza encargou á CIAIM que a axude a investigar o sinistro para establecer as posibles responsabilidades penais.
O que pasa é que a CIAIM non ten medios propios, tenllos que facilitar o Ministerio de Transportes, que foi quen contratou, a petición da xustiza, o somerxible e o barco para que os técnicos da comisión analicen o Pitanxo. Pero unha vez contratados, di o ministerio, é cousa da CIAIM decidir sobre eles, segundo contestou Transportes á petición de explicacións da Audiencia Nacional polo feito de que se iniciase a expedición a Terra Nova sen contar coa autorización xudicial. A CIAIM, como a CIAF, di o ministerio, dependen orgánicamente del, pero son independentes funcionalmente e non pode darlles ordes.
O Supremo ten pendente decidir se ordena á CIAF, como piden vítimas e UE, que investigue de novo Angrois, o que propio tribunal di que ten "trascendencia" máis alá do accidente concreto e pode ser "extrapolable a outras grandes catástrofes ou sucesos con vítimas múltiples"
Esta situación levou no caso de Angrois a un bloqueo da investigación técnica que a UE considera que aínda non se fixo conforme coa normativa comunitaria. Ante a negativa da CIAF a reabrila e a resposta do Goberno de que el non pode darlle ordes, a plataforma de vítimas do accidente iniciou un procedemento xudicial paralelo, na vía contencioso-administrativa, para que sexan os tribunais quen a obriguen a facer esa nova análise técnica. O caso está no Tribunal Supremo, que mesmo recoñeceu a relevancia da decisión que tomará para a investigación de futuros accidentes de todo tipo.
Así o estableceu no auto de admisión a trámite do asunto: “Suscítanse cuestións xurídicas de alcance xeral e transcendencia social como a relativa á investigación dos accidentes ferroviarios e que transcenden do caso obxecto do proceso, cunha significación relevante para a interpretación do ordenamento xurídico en materia de accidentes ferroviarios extrapolable a outras ‘grandes catástrofes’, ou ‘sucesos con vítimas múltiples’, nos que as garantías da investigación e a posición que ostentan no procedemento as vítimas e os seus familiares son cuestións de afectación xeral”.
Pola súa banda, o ministerio asegura que as comisións de investigación de accidentes son independentes, pero ao tempo vén de remitir ao Congreso un proxecto de lei no que traballa desde hai dous anos co que quere ampliar a súa independencia. Para iso quere crear un ente independente único que aglutine, en tres seccións diferentes, aos investigadores de sinistros aéreos, ferroviarios e marítimos. Se antes era o ministerio quen nomeaba directamente os integrantes das comisións de investigación, e tras Angrois e o procedemento de infracción europeo pasou a ser o Congreso quen o fai formalmente a proposta do ministerio, o novo ente quere dar aínda máis independencia tamén pola vía económica.
A comezos de maio o Congreso acolleu un seminario de análise do novo ente único de investigación de accidentes no que varios asistentes lamentaron que non estivese presente ningún deputado de ningún partido
A nova Autoridade Independente de Investigación Técnica de Accidentes xa non se financiará con cargo aos orzamentos do ministerio, como as actuais comisións, senón que terá ingresos directos a través de porcentaxes nas taxas existentes aos transportes aéreo, marítimo e ferroviario. E engadirán unha nova independencia orgánica, non só funcional, xa que pasarán a ter personalidade xurídica diferenciada. Isto é, os xulgados xa non terán que tratar co novo ente a través do ministerio senón que o farán de xeito directo.
A lei que regulará o novo ente foi aprobada polo Consello de Ministros en marzo e chegou a iniciar a súa tramitación no Congreso, onde os pasados 4 e 5 de maio se celebrou un seminario de análise dos distintos modelos internacionais de investigacións técnicas de accidentes. Nel [aquí o vídeo da sesións] participaron responsables de entes doutros países, técnicos, expertos e mesmo vítimas, a través dos presidentes da plataforma de Angrois e da asociación do accidente de Spanair en Barajas en 2008.
Porén, varias persoas comparecentes lamentaron, durante as súas intervencións, que entre os asistentes non houbera ningún deputado ou deputada de ningún partido, que serán os que validen a nova lei. Pero iso será xa nunha nova lexislatura, porque a convocatoria de eleccións xerais vén de paralizar o proceso.