O alto tribunal admite a trámite un recurso da plataforma de vítimas que o levará a analizar tamén en xeral “a posición xurídica dos afectados en accidentes” ante as investigacións oficiais de sinistros
O Tribunal Supremo vén de admitir a trámite un recurso presentado pola plataforma de vítimas de Angrois que o levará a decidir se a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento que se vén negando a realizar unha investigación independente do sinistro de Santiago está a actuar ou non de xeito legal.
A CIAF concluíu un ano despois do accidente unha investigación oficial que puxo o foco só no maquinista do tren Alvia sinistrado, unha análise que a UE non considera que fose independente, como esixe a normativa comunitaria. A plataforma de vítimas reclamou formalmente á CIAF esa investigación independente e, ante o seu silencio e a demora do xuízo penal que aínda comezou hai un mes, abriu un segundo proceso xudicial, neste caso na vía contencioso-administrativa, que lle deu parcialmente a razón. A sentenza limitouse a condenar á CIAF a contestar a petición das vítimas, pero estas recorreron e agora o Supremo analizará máis cuestións relacionadas co caso.
A investigación que no seu momento fixo a CIAF apuntando en exclusiva ao maquinista foi desmontada en 2016 pola Axencia Ferroviaria Europea por non analizar outras cuestións e pola composición non independente que daquela tiña aquela comisión oficial do Ministerio de Fomento. A Comisión Europea, segundo trasladou por escrito hai tres meses ás vítimas, segue considerando que España aínda non fixo a investigación técnica independente que esixe a normativa comunitaria. Pero a actual composición da CIAF négase a facer outra investigación e o Ministerio de Transportes di que agora esa nova CIAF xa é independente e polo tanto non lle pode dar ordes.
O Supremo di que o recurso das vítimas "suscita cuestións xurídicas de alcance xeral e transcendencia social", relevantes e extrapolables "a outras 'grandes catástrofes', ou 'sucesos con vítimas múltiples'"
Hai medio ano unha sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid condenou á CIAF a contestar, sen entrar no sentido da resposta, a petición expresa da plataforma de vítimas de que faga esa investigación independente. Pero o tribunal non aceptou outras peticións dos afectados para que considerase ilegal a composición da CIAF ou a obrigase a propia xustiza a iniciar esa investigación.
Agora, ante o recurso da plataforma contar aquela sentenza, o Supremo si analizará esas cuestións. O auto de admisión a trámite do recurso, co que o Supremo sinala que cuestións son as que teñen interese casacional para resolver sobre elas, indica que co recurso das vítimas “suscítanse cuestións xurídicas de alcance xeral e transcendencia social como a relativa á investigación dos accidentes ferroviarios e que transcenden do caso obxecto do proceso, cunha significación relevante para a interpretación do ordenamento xurídico en materia de accidentes ferroviarios extrapolable a outras ‘grandes catástrofes’, ou ‘sucesos con vítimas múltiples’, nos que as garantías da investigación e a posición que ostentan no procedemento as vítimas e os seus familiares son cuestións de afectación xeral”.
Ante esa relevancia xeral que o Supremo dá ao caso, analizará se a regulación da CIAF cumpre coas “esixencias de independencia, imparcialidade e obxectividade” previstas na normativa europea e estudará “a posición xurídica dos afectados en accidentes ferroviarios” á hora de intervir nas investigacións e reclamar actuacións á CIAF.
A investigación oficial, non independente segundo a UE, puxo o foco só no maquinista. Na súa defensa manobrou o Ministerio de Fomento de Ana Pastor
A investigación técnica oficial realizada no seu momento pola CIAF de xeito incompleto e non independente, segundo estableceu a UE, e en cuxa defensa manobrou o daquela Ministerio de Fomento e a propia ministra, Ana Pastor, influíu nos inicios da investigación penal do accidente que agora agora vén de chegar a xuízo en Santiago. Nel están acusados non só o maquinista sinalado pola CIAF senón tamén o ex-director de Seguridade na Circulación de Adif Andrés Cortabitarte.