A CIAF do Ministerio de Transportes, que avalou a versión oficial de que a culpa foi do maquinista, vense negando a realizar unha nova análise independente, como reclama a UE, pero agora terá que argumentalo oficialmente
O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid vén de emitir unha sentenza na que obriga a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Transportes a tramitar e responder unha petición expresa da Plataforma de Vítimas de Angrois para que se realice unha nova investigación técnica independente do sinistro. No seu momento a CIAF concluíu que o maquinista fora o único responsable do sinistro, pero a Comisión Europea, malia manobras do ministerio en favor desa versión oficial, considerou que a comisión de investigación non fora independente e invalidou a súa análise. De feito, na causa penal polo accidente van ser xulgados a partir de outubro non só o maquinista senón tamén un ex-director de seguridade de Adif.
A sentenza agora emitida non presupón o resultado da resposta que debe dar a CIAF ás vítimas, que podería ser negativa, e rexeita outras peticións dos afectados que querían que o ministerio mude a composición da comisión ou que o propio tribunal obrigase directamente a que se realice a investigación.
A investigación da CIAF sobre Angrois culpando só ao maquinista rematou un ano despois do accidente, en 2014, e influíu nas primeiras fases da investigación xudicial penal. Pero en 2016 a UE fixo pública a súa conclusión de que aquela análise non fora válida nin polo seu contido nin pola composición non independente da comisión. Para daquela o Goberno de España xa mudara a CIAF para facela independente, como lle obrigaba a normativa comunitaria, e a súa nova composición vense negando desde aquela a facer unha nova investigación, malia as peticións expresas desde a UE. E o Goberno de España argumenta que ao ser xa independente agora non lle pode ordenar que faga unha nova investigación.
En 2016 a UE invalidou a investigación da CIAF polo seu contido e pola súa falta de independencia, pero nunca se volveu facer unha nova investigación técnica independente, como reclaman as vítimas e a Comisión Europea
Ante este bloqueo, e á espera da resolución da causa penal cuxo xuízo aínda comezará en outubro, a Plataforma de Vítimas decidiu abrir unha nova causa xudicial na vía contencioso-administrativa. Reclamou directamente á CIAF que abra unha nova investigación e ao ministerio que a obrigue e que mude a súa composición para cumprir coas esixencias da UE. Ante a resposta negativa do Goberno e o silencio oficial da CIAF, a plataforma presentou un recurso contencioso-administrativo que é o que agora resolve o Tribunal Superior de Madrid.
A sentenza agora emitida rexeita a petición das vítimas de que o ministerio nomee unha nova comisión de investigación porque considera que a actual xa si cumpre as esixencias de independencia. Tamén rexeita que sexa a xustiza quen decida se se abre esa nova investigación. Pero si avala o dereito das vítimas, como de calquera cidadán, a dirixir peticións expresas á administración que esta ten que responder argumentándoas “conforme a dereito”. Isto é, a CIAF deberá responder de xeito argumentado á petición das vítimas, pero esa resposta pode ser negativa.
Desde a Plataforma de vítimas avánzase que xa se está a estudar a sentenza para analizar as posibilidades de recorrela ante o Tribunal Supremo e que poidan ser atendidas tamén as outras peticións que realizaban. Igualmente, valórase como un éxito o xa conseguido xa que agora a CIAF terá que responder de xeito oficial e con argumentos xurídicos que poderán ser igualmente recorridos ante a xustiza ordinaria.