A documentación deixa en evidencia o intento infrutuoso de que a UE ocultase ou rebaixase un informe crítico coa investigación do sinistro feita por España, demorado a despois das eleccións xerais de 2016
Documentación interna do Ministerio de Fomento á que tiveron acceso infoLibre e Praza.gal desvela agora manobras infrutuosas en maio e xuño de 2016 para que a UE non revelase ou rebaixase un informe crítico coa investigación oficial de España que atribuíu ao maquinista o accidente de tren de 2013 en Santiago no que morreron 80 persoas. A divulgación dese informe da UE, que supuxo un paso relevante para que a investigación xudicial do accidente pescudase máis alá do maquinista, realizouse finalmente tras as eleccións xerais do 26 de xuño daquel 2016 malia que estaba rematado desde cinco meses antes.
A Comisión Europea xa desvelara naquel momento que alegacións do Goberno de España estiveron detrás do adiamento do informe a despois dos comicios, pero agora pódese coñecer algo máis dos movementos internos para parar ou minimizar a súa publicación.
Un ano despois do descarrilamento do Alvia na curva de Angrois, en xuño de 2014 a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento chegou á conclusión de que “a causa do accidente foi un exceso de velocidade por non respectar o persoal de condución o establecido”. Elevaba así a oficial a versión que desde o mesmo momento do sinistro divulgaron cargos do PP no goberno e do PSOE na oposición. Pola contra, oito anos despois no banco dos acusados vai sentar non só o maquinista do tren por despistarse ao recibir unha chamada do interventor e non frear a tempo antes da curva de Angrois, senón tamén un cargo de Adif en postos de confianza tanto con populares como socialistas por non habilitar as medidas de seguridade que evitasen ou paliasen o previsible erro humano.
O foco da investigación xudicial sobre a actuación de Adif e non só do maquinista acrecentouse cando en 2016, a instancias da Plataforma de Vítimas do accidente e do BNG, a Comisión Europea fixo público un informe da Axencia Ferroviaria da UE (European Union Agency for Railways, ERA, en inglés) crítico co xeito en que a CIAF se centrara no condutor e non analizara outras “causas fundamentais” do sinistro. Ese informe fora encargado pola Comisión Europea á ERA no marco dun procedemento de infracción aberto contra España por, entre outras cuestións, a falta de independencia da CIAF como órgano encargado de investigar tecnicamente os accidentes. O procedemento de infracción pechouse cando España reformou a CIAF para aumentar a súa independencia do ministerio, pero o informe elaborado pola ERA non só certificaba esa falta de independencia previa senón tamén as eivas da súa investigación sobre o accidente de Angrois e recomendaba facer unha nova análise daquel sinistro aínda hoxe non realizada.
O secretario de Estado de Infraestruturas, que era presidente de Renfe cando o accidente, consultou de xeito urxente á Abogacía do Estado sobre as posibles medidas para parar o informe que tiña rematado a Axencia Ferroviaria Europea
O informe da ERA asinouno o xefe da súa unidade de Seguridade, Christopher Carr, o 26 de xaneiro de 2016, pero a Comisión Europea rexeitou facelo público, como reclamaban vítimas e BNG, mentres ela mesma non resolvese sobre o procedemento de infracción que o motivara. O 26 de maio o Ministerio de Fomento tivo coñecemento do peche do expediente de infracción e, ao tempo, dunha “próxima decisión” da Comisión sobre a divulgación do informe da ERA. O daquela secretario de Estado de Infraestruturas, Julio Gómez-Pomar, que era presidente de Renfe cando ocorreu o accidente, consultou de xeito urxente á Avogacía do Estado se a Comisión Europea podía facer público o informe, se a ERA podía divulgalo cando a causa penal de Angrois aínda estaba a ser instruída nos tribunais españois, se a Comisión podía pedir á ERA que analizase a investigación da CIAF española sobre Angrois e mesmo se a ERA, ao facelo, estaba incorrendo nunha “extralimitación das competencias”.
A resposta da Avogacía do Estado foi que a ERA si estaba habilitada para facer o informe a petición da Comisión Europea pero que non podía divulgalo co argumento de que versaba sobre un procedemento xudicial en marcha, unha das excepcións que permiten ao executivo comunitario denegar unha petición como a das vítimas e o BNG.
A Avogacía do Estado tamén matizaba que a Comisión non tiña por que consultar con España se podía ou non divulgar o informe porque o documento era da súa propiedade. En todo caso, eses días de finais de maio e comezos de xuño varios altos cargos do Goberno de España dirixiron diversas cartas a responsables da Comisión e da ERA cos seus argumentos para intentar que non divulgasen o informe.
A comisión de investigación de Fomento pediu á axencia europea que non falase de "debilidades" senón de "puntos de mellora" na investigación de Angrois, pero o organismo comunitario finalmente non mudou nada das súas conclusións
Ao tempo, o 6 de xuño, en Bruxelas, a CIAF e a ERA, encabezadas polo secretario da primeira, Edmundo Parras, responsable directo da investigación de Angrois, e polo autor do informe europeo, Christopher Carr, mantiveron unha reunión de dúas horas. Segundo a “acta” da mesma que Parras e outra técnica de Fomento levantaron e comunicaron ao ministerio, a CIAF, que xa alegara previamente por escrito ao informe da ERA, defendeu novamente en persoa o seu traballo e tentou que a axencia europea rebaixase o seu nivel de críticas. Na súa posterior memoria anual sobre as súas actividades en 2016 a CIAF deixou constancia de que alegara por escrito á ERA en abril, pero ocultou esa posterior reunión presencial do 6 de xuño.
Parras, dise na acta dese encontro do 6 de xuño, comunicou á ERA que fixera a investigación de Angrois “o mellor que soubo, que recoñece que é mellorable, pero que abarcou todos os ámbitos”. A acta engade que “pide a CC [Christopher Carr] que o “advise” [o informe da ERA] non fale de “debilidades”, senón de “puntos de mellora”, e "que non opine sobre o que a Comisión no lle preguntou, en particular, sobre que a investigación non vale e que hai que reabrila”. “Estes serían os mínimos cambios se o informe se vai facer público”, engade a acta, que remata indicando que Carr “pensarase se retoca o informe” e que a decisión de facelo público ou non tomaríaa a ERA “o 20 de xuño a máis tardar”.
Dez días máis tarde, os días 15 e 17 de xuño, a outros dez días das eleccións xerais do 26 de xuño, a Comisión Europea comunica a BNG e Plataforma de Vítimas que deben agardar aínda uns días máis porque se toma un tempo “para considerar unha última alegación legal de España”. A finais de xuño documentos internos de Fomento dan xa por tomada a decisión da Comisión de divulgar o informe, polo que varios cargos consideran innecesaria unha nova reunión que aínda intentan fixar para finais de xullo Parras da CIAF e Carr da ERA.
Finalmente, o 7 de xullo o presidente da Plataforma de Vítimas, Jesús Domínguez, e a voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, reciben en man o informe da ERA e fano público. Nel non se muda nada do que pedira a CIAF na reunión presencial en Bruxelas e segue falándose das “debilidades” da investigación española, da falta de independencia da CIAF e da necesidade de facer unha nova investigación que analice tamén as causas fundamentais do accidente.
A UE vén reclamando sen éxito a España que faga unha nova investigación técnica independente do accidente
Ás tres horas de que Miranda e Domínguez divulgasen o informe da axencia europea, os servizos de comunicación do Ministerio de Fomento remitiron aos medios un comunicado de resposta á ERA supostamente elaborado pola CIAF pero sen ningunha sinatura nin encabezamento oficial. Nel insistíase na independencia da CIAF e criticábase que a ERA tardase dous anos en emitir o seu informe sobre a investigación española rematada en xuño de 2014. Días despois a ERA replicou ratificándose na súa postura crítica con España. Pola súa banda, o ministerio vén argumentando desde aquela, tanto co PP como co PSOE á fronte, que a CIAF xa é independente e xa non pode darlle ordes para que faga unha nova investigación sobre Angrois, ao que a propia CIAF segue negándose malia peticións expresas da UE.
Ante ese bloqueo, a Plataforma de Vítimas de Angrois vén de abrir unha nova causa xudicial paralela á penal sobre o accidente, neste caso contencioso-administrativa, para tentar obrigar ao Estado a que cumpra a normativa europea e faga a investigación independente do sinistro que a UE aínda considera pendente.
Por outra banda, as manobras para ocultar ou minimizar as críticas da UE á investigación da CIAF que puxera o foco no maquinista estarían dirixidas en todo caso á opinión pública e non á causa xudicial. Antes incluso de facerse público o documento europeo a Audiencia Provincial da Coruña xa establecera que o informe da CIAF sobre o accidente de Angrois “non pode ser tido como unha avaliación de axentes independentes”, e non lle dera máis relevancia dentro da instrución xudicial do caso que a doutros informes aportados por diversas partes persoadas na causa.
O que si fixo posteriormente o xulgado instrutor foi pedir outras aclaracións á ERA que contribuíron a considerar, á espera do que resolva o xuízo previsto para os próximos meses, que Adif non paliou como debía o risco que existía na curva de Angrois.