O BNG pregunta á UE que vai facer para que España cumpra a norma que obrigaba a unha análise independente de Angrois

Vítimas de Angrois con Ana Miranda, voceira do BNG en Bruxelas, nunha das súas visitas á Comisión Europea Dominio Público Praza Pública

A portavoz nacionalista en Bruxelas, Ana Miranda, critica como “unha vulgar manipulación por puro cálculo electoral” as manobras de Fomento en defensa da versión oficial que culpou o maquinista do accidente 

A portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, anunciou este luns que preguntará á Comisión Europea a través do Parlamento Europeo que vai facer para que España cumpra a normativa comunitaria que obriga a todos os estados a facer unha análise técnica independente dos accidente ferroviarios. A Axencia Ferroviaria Europea concluíu hai seis anos que a investigación realizada por España do accidente de Angrois de 2013 foi incorrecta, pero documentos internos aos que agora tiveron acceso Praza.gal e infoLibre revelan que o Ministerio de Fomento manobrou para intentar ocultar ou rebaixar aquelas críticas, que non foron públicas ata despois das eleccións xerais de xuño de 2016.

Vítimas de Angrois con Ana Miranda, voceira do BNG en Bruxelas, nunha intervención no Parlamento Europeo CC-BY-NC-SA BNG

Para Miranda, “estamos diante dunha vulgar manipulación por puro cálculo electoral”. A nacionalista foi precisamente unha das persoas -xunto coa plataforma de vítimas do accidente, coa que vén colaborando activamente desde hai anos conseguindo importantes avances tamén na causa xudicial- que reclamou en 2016 que se fixese público o documento da Axencia Ferroviaria Europea. Tanto a ela como á plataforma de afectados a Comisión trasladoulles que alegacións do Goberno de España demoraran o documento, pero agora sábese máis dos movementos internos en Fomento para tentar rebaixar ou impedir a publicación do mesmo.

A UE vén reclamando sen éxito a España que faga unha nova investigación técnica independente do accidente

Pero Miranda vai máis alá das manobras de 2016 e desde hai tempo vén preguntando reiteradamente á Comisión Europea que vai facer para que España cumpra coa súa obriga de analizar correctamente os accidentes ferroviarios. Tras aquel informe de 2016 que considerou que a investigación técnica feita sobre Angrois non era válida, España non volveu realizar outra. A comisión de investigación foi reformada naquel momento para darlle máis independencia e sucesivos gobernos tanto de PP como de PSOE veñen argumentando que agora os investigadores  xa son independentes e xa non poden darlles ordes para que fagan unha nova investigación sobre Angrois, ao que a propia comisión de investigación segue negándose malia peticións expresas da UE.

Vítimas de Angrois e Ana Miranda en Bruxelas con responsables da Axencia Ferroviaria Europea Dominio Público Plataforma de Vítimas de Angrois

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.