A Comisión Europea aínda non pode dicir, en resposta a unha pregunta do BNG, se o Estado cumpre a lexislación comunitaria dous anos despois de abrirlle un procedemento de infracción por, entre outras cuestións, como se realizan as análises de risco que fallaron co Alvia
En febreiro de 2019 a Comisión Europea informou á portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, que a denuncia que ela mesma formulara dous anos antes contra España por incumprir normas comunitarias en materia de seguridade ferroviaria derivara na apertura dun procedemento de infracción contra o Estado. Naquela carta a propia Comisión sinalaba que, entre outras cuestións, se estaba a analizar se España realizaba de xeito adecuado as avaliacións de riscos das liñas ferroviarias, cuestión pola que está a piques de ser xulgado, xunto co maquinista, o cargo de Adif que validou o AVE Ourense-Lugo no que ocorreu o accidente de Angrois en 2013.
Miranda xa preguntou en varias ocasións pola situación do procedemento de infracción aberto hai xa máis de dous anos e a Comisión Europea vén de contestarlle que segue a supervisar o plan de acción co que España intenta dar resposta ás dúbidas comunitarias sobre a súa correcta execución da directiva comunitaria de 2004 en materia de seguridade ferroviaria. Unha resposta na que a Comisión Europea sinala que “debido á pandemia da COVID-19, as autoridades españolas tiveron que aprazar varias accións e actividades do plan de acción de seguridade ferroviaria”.
Para a nacionalista, “as escusas sucédense desde a apertura do procedemento de infracción en xaneiro de 2019: primeiro foi o período electoral, despois o goberno en funcións, e agora é a pandemia”.
En 2019 a Comisión Europea ligou o procedemento de infracción aberto a España coa denuncia formulada por Ana Miranda polo accidente de Angrois, e citaba dúbidas sobre como se realizan as análises de risco, elemento clave na causa penal do sinistro de Santiago
Xa cando, a comezos de 2019, a UE fixo público o inicio do procedemento de infracción contra España polas súas dúbidas sobre o cumprimento da normativa comunitaria en materia de seguridade ferroviaria, a propia Comisión desligouno de calquera accidente concreto. Porén, na carta que enviou daquela á portavoz europea do BNG si ligaba a investigación coa súa denuncia de dous anos antes derivada do accidente de Angrois. A Comisión Europea admitía non só que estaba a estudar a correcta avaliación de riscos ("proper risk assessment") por parte de España, cuestión clave na investigación penal sobre Angrois, senón tamén o xeito en que España investiga os accidentes ferroviarios, despois de que a Axencia Ferroviaria Europea criticase que a investigación técnica oficial que fixo Fomento sobre o de Angrois puxese o foco só no maquinista e non nas causas fundamentais do sinistro.
Na nova resposta que lle dá a comisaria europea de Transportes, Adina Vălean, a Miranda, a través do Grupo da Esquerda no Parlamento Europeo do que é socio o BNG, lémbrase que “o procedemento de infracción non está relacionado coa obriga de investigar os accidentes ferroviarios en España nin con ningún accidente concreto, senón que ten por obxecto garantir que o sistema ferroviario xeral en España cumpre plenamente os requisitos da Unión”. Unha cuestión sobre a que a UE segue a ter dúbidas e polo tanto “está supervisando rigorosamente a situación para garantir o seu seguimento”.
Ana Miranda critica "non só a falta de dilixencia do Goberno español, senón tamén a falta de transparencia da Comisión Europea á hora de trasladar a información requirida”. A nacionalista expresa a súa sorpresa ao respecto "tendo en conta a axilidade da comisaria de Transportes anterior, Violeta Bulc, quen recibiu ás vítimas do Alvia en diversas ocasións". “Resulta moi curioso que a Comisión diga que non pode confirmar un prazo para o procedemento de infracción porque hai outras medidas da propia Comisión Europea que dependen da execución satisfactoria do plan de acción de seguridade ferroviaria en España pero que non detalle ningún aspecto concreto”, critica.
Despois de que en 2016 a Axencia Ferroviaria Europea certificase que a investigación oficial de Angrois no fora independente, tanto a anterior como a actual comisaria europea lembraron en varias ocasións que España segue pendente de realizar esa análise á marxe da causa xudicial
Sobre o caso concreto de Angrois a ERA xa se pronunciou en 2016 certificando que o organismo que investigou o accidente, a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento, non era independente e non analizara outras casusas do sinistro máis alá do despiste do maquinista. Posteriormente o ministerio reformouna e argumenta que como agora xa é independente non pode darlle a orde de que volva analizar o accidente de Angrois, ao que a propia CIAF se nega. Porén, tras a constatación por parte da ERA en 2016 de que España non realizara unha investigación técnica de acordo coa normativa comunitaria, tanto a anterior como a actual comisaria europea de transporte veñen periodicamente lembrando que esa análise segue pendente. Ao tempo, ante a negativa do ministerio de cesar os membros da CIAF por non realizar esas nova investigación, a plataforma de vítimas do accidente vén de abrir unha nova vía xudicial no eido contencioso-administrativo.