A daquela ministra popular advertiu á comisaria de Transportes de “medidas” se facía público un informe crítico coa investigación do sinistro feita por España, demorado a despois das eleccións xerais de 2016
O pasado xaneiro documentación interna do antigo Ministerio de Fomento á que tiveron acceso Praza.gal e infoLibre desvelou manobras infrutuosas en maio e xuño de 2016 para que a UE non revelase ou rebaixase un informe crítico coa investigación oficial de España que atribuíu ao maquinista o accidente do tren tren Alvia de 2013 na curva de Angrois, en Santiago, no que morreron 80 persoas. Agora, tras unha petición de transparencia formulada a raíz daquela documentación, tamén sae á luz a implicación persoal da daquela ministra, a popular Ana Pastor, nas manobras ante a UE.
A documentación á que tivo acceso este diario permitía saber da existencia dunha carta de Ana Pastor á comisaria europea de Transportes, pero non do seu contido. Solicitada a misiva en xaneiro por Praza.gal en aplicación da lei de transparencia, e tras varias negativas do actual Ministerio de Transportes, o Consejo de Transparencia resolveu hai uns días que debía ser pública. Entregada no límite do prazo polo ministerio, nela pode lerse como Pastor en persoa advirte á comisaria europea de que España “se reserva o dereito de adoptar medidas” ante a suposta “indefensión” que lle causaba aquel informe europeo.
Malia que o informe estaba rematado desde cinco meses antes, a Comisión Europea non o fixo público ata mes e medio despois das manobras de Fomento, dúas semanas despois das eleccións xerais do 26 de xuño daquel ano. O seu contido supuxo un paso relevante para que a investigación xudicial do accidente pescudase máis alá do maquinista e que no xuízo que comeza o vindeiro 5 de outubro en Santiago sente tamén no banco dos acusados un ex-cargo de Adif que ocupou postos de confianza cos gobernos de PSOE e PP.
A Comisión Europea xa desvelara naquel momento que alegacións do Goberno de España estiveron detrás do adiamento do informe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA nas súas siglas en inglés) a despois das eleccións xerais, pero grazas á documentación que vén revelando este diario pódese coñecer algo máis dos movementos internos para parar ou minimizar a súa publicación. E eses movementos implicaron á propia ministra, que o 26 de maio enviou a carta en cuestión á comisaria europea de Transportes, Violeta Bulc, anexándolle outra carta que ela mesma recibira do seu secretario xeral de Infraestruturas, Manuel Niño, na que a informaba do "asunto", isto é, de que viña de ter coñecemento de que a Comisión Europea ía facer público o informe crítico con España.
Igual que lle transmitía o secretario xeral, a ministra argumenta á comisaria europea que o feito de que España descoñecese ese procedemento podía causarlle indefensión. Por iso, di a ministra á comisaria, xa encargara ao seu servizo xurídico un informe “sobre as súas repercusións”. E pídelle que “tome nota” de que España “se reserva o dereito de adoptar medidas”.
No informe europeo finalmente divulgado non mudou nada do que solicitara España e asentou o camiño para que a investigación penal que agora chega a xuízo acabase acusando tamén a un ex-cargo de Adif ao mesmo nivel que ao maquinista
Vinte días máis tarde, a só dez días das eleccións xerais do 26 de xuño, a Comisión Europea comunicou á Plataforma de Vítimas do accidente e ao BNG, que solicitaran que se fixera público o informe, que debían agardar aínda uns días máis porque se tomaría un tempo “para considerar unha última alegación legal de España”.
Tras as manobras de España foi finalmente o 7 de xullo, dez días despois das eleccións xerais, cando o presidente da Plataforma de Vítimas, Jesús Domínguez, e a voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, recibiron en man o informe europeo e o fixeron público. Nel non se mudou nada do que pediran os representantes do ministerio e o documento puxo en tela de xuízo as “debilidades” da investigación técnica oficial española, aínda non corrixidas, e asentou o camiño para que a investigación penal que agora chega a xuízo acabase acusando tamén a un ex-cargo de Adif ao mesmo nivel que ao maquinista do Alvia.