A plataforma de afectados acusa á ex-ministra de “ocultar todo o que tiña que ver” co accidente mentres “prometía non descansar ata saber a verdade”
Tras revelar Praza.gal a carta coa que a daquela ministra de Fomento Ana Pastor manobrou en 2016 ante a UE na defensa da versión oficial que culpou o maquinista do accidente de Angrois, a plataforma de vítimas do sinistro vén de facer público un comunicado no que a acusan de ser “a persoa que máis traballou desde as institucións para ocultar as causas do accidente”.
Os afectados tamén veñen de ter acceso, a través doutro procedemento de transparencia independente do iniciado por Praza.gal, á carta de Pastor á comisaria europea de Transportes. Nela a ministra advertía de que España “se reserva o dereito de adoptar medidas” ante a suposta “indefensión” que lle causaba un informe europeo crítico con como se investigara o accidente. A Comisión acabou facendo público o documento uns días despois das eleccións xerais de 2016 e o seu contido supuxo un paso relevante para que a investigación xudicial do sinistro pescudase máis alá do maquinista e que no xuízo que comeza o vindeiro mércores en Santiago sente tamén no banco dos acusados un ex-cargo de Adif. A plataforma de vítimas acusa á ex-ministra de “ocultar todo o que tiña que ver” co accidente mentres “prometía non descansar ata saber a verdade”.
A plataforma de vítimas critica que Pastor utilizou na súa carta “o argumento de indefensión do Reino de España para protexerse e ocultar as súas mentiras e a súa mala xestión, xa que o informe da UE concluía que o goberno incumpriu a obriga de investigar o accidente por falta de independencia e por non analizar as causas que implicaban ao seu ministerio”. Porén, din que “o que realmente xeraba e xera indefensión ao Reino de España, en particular aos seus cidadáns, é que os seus dirixentes, por protexerse, traten de ocultar os incumprimentos da lei en materia de seguridade e as causas técnicas dun accidente que deixou 80 mortos e máis de 140 feridos”.
Os afectados lembran que Ana Pastor comprometérase ante eles e no Congreso a “actuar con toda transparencia” e asegurara que as vítimas tiñan o seu “compromiso” de que non descansaría “ata saber a verdade”. Porén, din que iso non era así e que Pastor “tampouco querería que se soubese que sendo ministra se desconectou o sistema de seguridade ERTMS porque xeraba demoras ‘sen previamente realizar unha avaliación do risco’, como sinala o auto do xuíz” que instruíu o caso que agora chega a xuízo.
Para as vítimas "o intento do actual Ministerio de Transportes de ocultar a carta" de Pastor é "unha proba máis de que o pacto da curva entre PP e PSOE segue vixente
A plataforma tamén critica “o intento do actual Ministerio de Transportes de ocultar” a carta de Pastor, coñecida agora despois de que así llo ordenase hai uns días o Consejo de Transparencia e despois de nove meses de recursos que chegaron mesmo ante o Defensor do Pobo Europeo. Para os afectados os obstáculos do actual Goberno de España son “unha proba máis de que o pacto da curva entre PP e PSOE segue vixente”, un suposto pacto “que impide que se leve a cabo a investigación técnica independente que a UE leva reclamando anos a raíz da publicación do informe que se tratou de ocultar”.
Para denunciar estas cuestións os afectados concentraranse o próximo luns ás 11.30 fronte ao Congreso dos Deputados, onde Ana Pastor é agora vicepresidenta segunda da Cámara.
A eurodeputada do BNG Ana Miranda, que xunto coas vítimas foi quen reclamou á UE que fixera público o informe crítico con España, considera un "escándalo" a actuación de Ana Pastor
Por outra banda, tamén a eurodeputada do BNG Ana Miranda, que xunto coas vítimas fora quen reclamara á Comisión Europea que fixera público o seu informe crítico con España, cualificou este venres de “escándalo” a actuación de Ana Pastor. A nacionalista di que “estas manobras amosan unha absoluta falta de respecto ás vítimas” e considera “impresentable que mentres o BNG e as vítimas reclamabamos á Comisión Europea que presentara o informe que tiña elaborado, Ana Pastor presionaba á Comisaria de Transportes para que non o fixera público”.