Todo ou nada. Ao contrario do acontecido en Galicia, onde a caída de algo menos de catro puntos en votos non supuxo este 28M para o PSdeG unha forte perda de poder institucional alén do Concello de Ferrol e da Deputación de Pontevedra, o lixeiro retroceso xeral do PSOE no Estado, de pouco máis dun punto nas eleccións municipais pero acrecentado polas pronunciadas caídas e divisións no espazo de Unidas Podemos, si implicou duras perdas institucionais. Máis aínda tendo en conta a decena de territorios onde se celebraban eleccións autonómicas.
"Só hai un método infalible para disipar as dúbidas: a democracia", alega Sánchez, que asegura asumir "en primeira persoa" os resultados das municipais e das autonómicas que tamén se celebraron este 28M
Este é o pano de fondo co que Pedro Sánchez vén de executar un golpe político de primeira magnitude e, a priori, incerto resultado. O vindeiro 23 de xullo, primeiro domingo a contar dende hoxe no que é legalmente posible, celebraranse eleccións xerais. El, di, "asume en primeira persoa" os resultados do 28M malia tratarse de votacións de "alcance municipal e autonómico" e por iso cre "necesario dar unha resposta e someter o noso mandato democrático á vontade popular", sinalou nunha comparecencia institucional na Moncloa.
"Só hai un método infalible para disipar as dúbidas: a democracia", agrega quen é xa tamén candidato á reelección polo PSOE. "O mellor é que os españois e españolas tomen a palabra e se pronuncien sen demora", considera ás portas de "superar unha etapa de crise derivada da COVID-19 e da guerra de Ucraína".
Os comicios que renovarán Congreso e Senado e ditaminarán a correlación de forzas para elixir o próximo Goberno de España celebraranse apenas un mes despois das constitucións das corporacións municipais elixidas este 28 de maio -os plenos celebraranse o 17 de xuño, agás no caso de recursos contra os resultados-. Así, a precampaña que xa queda lanzada a efectos prácticos desenvolverase tamén en plenas negociacións do PP de Alberto Núñez Feijóo con Vox para armaren maiorías nas comunidades onde os populares precisan a extrema dereita para desbancaren o PSOE.
A decisión de Sánchez obriga, ademais, a abreviar ao máximo as negociacións de Sumar, a plataforma de Yolanda Díaz, con Podemos e outras formacións sobre concorreren ou non xuntas ao 23X. A lei electoral, no seu artigo 44, establece que "os partidos e federacións que establezan un pacto de coalición para concorreren conxuntamente" deben rexistralo na Xunta Electoral "nos dez días seguintes á convocatoria"
Rueda, desbota sumarse ao adianto
En clave galega, a primeira consecuencia do adianto electoral decidido por Pedro Sánchez foi que o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, contou con apenas unhas horas de marxe para decidir unha eventual coincidencia dos comicios galegos coas xerais do 23X, a dous días do Día Nacional de Galicia. Non en van, para cumprir o prazo legal, fixado nun mínimo de 54 días, tería que deixar ditado o decreto de disolución do Parlamento este mesmo 29 de maio.
O presidente da Xunta e do PPdeG desbota anticipar as eleccións galegas ao 23X alegando a súa "axenda de estabilidade"
Tras varias horas de incerteza en múltiples ámbitos políticos, a valoración do equipo do actual presidente deu en desbotar o anticipo. Nun discurso ante o Comité Executivo do PPdeG -xa previsto para avaliar os resultados do 28M, pero marcado polo anticipo das xerais-, Rueda xustificou a súa decisión aludindo a "moitos motivos" para manter a "axenda de estabilidade" do seu Goberno. "As urxencias electorais de Pedro Sánchez non son as de Galicia", agregou, ao tempo que instou os seus a traballar para contribuír a que o vindeiro presidente do Goberno de España sexa Feijóo.
Nas últimas semanas, Rueda afirmara a súa intención de que os comicios galegos non cadren cos xerais, cando a convocatoria estatal estaba implicitamente prevista para o vindeiro decembro. O adianto para xullo, combinado co éxito do PP de Feijóo a nivel xeral, cun crecemento moi superior ao dos populares galegos en votos e poder institucional local, reabriu un debate que, non obstante, morreu en poucas horas para o 23X.