Esta semana quedou ratificado oficialmente que as vindeiras eleccións europeas se celebrarán entre o 6 e 9 de xuño de 2024, o que no caso do Estado español suporá que a chamada ás urnas sexa o domingo desa semana, o día 9. A confirmación da cita chegou en plena campaña das municipais deste 28M e, no caso galego, desatou de vez un debate que, en boa medida, leva vivo dende que hai un ano Alberto Núñez Feijóo dimitiu como presidente da Xunta e deixou como substituto a Alfonso Rueda: cando se celebrarán as vindeiras eleccións ao Parlamento de Galicia.
Rueda mantén que as eleccións galegas "non van coincidir coas xerais", polo que serán en 2024, cando está xa fixada a cita do 9X para os comicios ao Parlamento da UE
O sinalamento do 9 de xuño para os comicios ao Parlamento Europeo provocou a obvia pregunta sobre se Galicia terá o seu propio 9X. Máis aínda porque Rueda teima en asegurar que non provocará que as eleccións galegas se celebren o mesmo día que os xerais, que previsiblemente se celebrarán o vindeiro decembro -moi probablemente, o domingo 10 ou o domingo 17-. "Non van coincidir coas xerais, queda un ano de lexislatura e como presidente da Xunta quero facer moitas cousas", respondeu este venres.
A mesma cuestión saltou ao debate público en Euskadi, onde xa se manexa o 9X como probable, o cal non é en absoluto menor tendo en conta que ambos comicios levan celebrándose xuntos dende 2009, cando o daquela lehendakari Ibarretxe chamou ás urnas para o 1 de marzo despois de que o presidente galego, o socialista Emilio Pérez Touriño, tomase esa decisión. En 2012 (21 de outubro), 2016 (25 de setembro) e 2020 (inicialmente 5 de abril e tras o adiamento pola pandemia, 12 de xullo) Feijóo segundou a data electoral decida polo Goberno vasco. Rueda, polo momento, xa admite que no seu recente encontro xa "falou" con Íñigo Urkullu para "tentar coincidir, como se fixo en ocasións anteriores". "Pero nada máis que falar; despois cada un tomará as súas decisións", engadiu.
Se Rueda optase por levar a lexislatura ao límite legal podería convocar no inicio de setembro, o que levaría a unha improbable campaña en pleno agosto
Se Rueda optase por ese 9 de xuño de 2024, a aplicación da lei do réxime electoral xeral e mais da lei galega de eleccións implicaría disolver o Parlamento o 16 de abril, xa que a convocatoria ten que formalizarse, a máis tardar, 54 días antes. Os comicios celebraríanse así nunhas datas de agre recordo para os conservadores galegos; non en van, perderon a Xunta fronte a PSdeG e BNG o 19 de xuño de 2005, data preferida pola dirección do PP que encabezaban Aznar e Rajoy e que non era do gusto de Manuel Fraga, que gustaba de convocar as eleccións no outono.
Se, pola contra, Rueda optase por estirar a lexislatura ata o límite legal tería que ter en conta que o 7 de agosto se fan catro anos da constitución da Cámara, polo que non podería convocar ás urnas máis tarde do vixésimo quinto día anterior a esa data, isto é, o 13 de xullo. Deste xeito, o derradeiro domingo no que poderían celebrarse as eleccións galegas sería o 1 de setembro dese 2024. Esa data preséntase, a priori, como pouco probable porque implicaría que toda a campaña electoral se celebrase en pleno mes de agosto.
Entre a coincidencia coas xerais -desbotada por Rueda en declaracións aos medios-, facelas cadrar coas europeas do 9 de xuño ou levar a lexislatura ao límite habería aínda cando menos unha opción intermedia con innegable significado político: levalas a marzo. O día 1 dese mes cumpriranse 15 anos das eleccións galegas de 2009, as da primeira vitoria do PP por maioría absoluta con Feijóo á fronte tras lograr 38 escanos, un máis que a suma de socialistas e nacionalistas, cuxa suma de votos era maior á lograda polos populares.
Outra eventual hipótese sería votar cadrando co 15º aniversario das eleccións de 2009, as da primeira vitoria de Feijóo, escenario moi condicionado polo que aconteza nas xerais de decembro
Esta -votar o 3 ou o 10 de marzo, por exemplo- podería ser unha hipótese sobre a mesa dos conservadores no caso de que o ex-presidente lograse gobernar en España porque combinaría dous elementos: achegar os comicios galegos ás xerais para que Rueda se beneficiase da vaga expansiva dunha eventual vitoria no Estado -e o consecuente impacto na esquerda- e viralos nunha caste de dupla homenaxe política a un Feijóo na cúspide da súa carreira política.
Para celebrar as eleccións galegas en marzo década e media despois habería que convocalas en xaneiro, cando previsiblemente estaría a negociarse a composición da maioría que dea soporte ao vindeiro Goberno de España. Se a dereita lograse sumar, a convocatoria e campaña das galegas podería cadrar cun pacto de Feijóo coa extrema dereita.
Se, pola contra, a esquerda dese armado unha nova maioría, cadraría cos trámites para investir outra volta a Pedro Sánchez, coas consecuentes influencias políticas en cada caso. E aínda cabería a posibilidade doutra contaminación do debate galego: a opción dunha repetición electoral no Estado (como en 2015-16 e 2019) por non existir maioría dabondo para a investidura.