Euskadi suma a Galicia, Asturias e Cantabria a un novo 'lobby atlántico' ante Madrid e Bruxelas en defensa do tren e o hidróxeno

O lehendakari, Íñigo Urkullu, recibe o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este 13 de marzo en Vitoria-Gasteiz CC-BY Irekia-Goberno Vasco

O goberno vasco pon o foco tamén na protección do litoral fronte ao cambio climático, cuestión que o Goberno galego obviou no seu comunicado sobre o encontro

O pazo de Ajuria Enea, sede do Goberno Vasco en Vitoria-Gasteiz, acolleu este luns unha reunión entre os presidentes de Euskadi, Galicia, Asturias e Cantabria na que os catro se comprometeron a impulsar un novo lobby ou grupo de presión en defensa ante Bruxelas e Madrid dos intereses das comunidades autónomas do atlántico fronte a un “contexto” no que “se está a producir un desprazamento do eixo de influencia europeo cara ao leste”. O Goberno Vasco salientou como principais cuestións de interese a defensa das infraestruturas en materia ferroviaria ou de transporte de hidróxeno así como a protección do litoral fronte ao cambio climático, cuestión esta última que a Xunta obviou no seu comunicado oficial sobre o encontro. 

Os presidentes convocados por Urkullu e as súas conselleiras de infraestruturas ante o pazo de Ajuria Enea, sede do Goberno Vasco, este luns CC-BY-SA Irekia - Goberno Vasco

A reunión deste luns foi convocada polo lehendakari Íñigo Urkullu como presidente actual da Comisión do Arco Atlántico, un foro no que están presentes rexións atlánticas de toda Europa, tamén Galicia. Pero a súa intención é impulsar un grupo de presión doutro tipo, unha “Macrorrexión Atlántica”, como a denominou, “desde a que trazar unha visión estratéxica conxunta para actuar en defensa dos nosos intereses e non quedar fóra de foco”. “Apostamos por Europa e non queremos perder capacidade de influencia”, dixo Urkullu.

Fronte a esa Macrorrexión Atlántica que agora impulsa Urkullu e á que se suma Galicia, da que non se concreta a súa forma xurídica, hai cinco anos Feijóo apostaba por ampliar a actual Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, con personalidade xurídica propia como agrupación europea de cooperación territorial (AECT), cara a Castela e León a través doutra Macrorrexión.

O encontro de Vitoria-Gasteiz chega despois de que nas últimas semanas a Xunta estivese centrada na reclamación de maiores investimentos no Corredor Atlántico de mercadorías ferroviarias, cuestión na que foi da man de Asturias e Castela e León. Ese elemento é recollido e asumido polo novo foro impulsado polo lehendakari, que salienta que Euskadi será o punto de unión do Corredor Atlántico coa rede ferroviaria francesa, estado ao que reclama máis implicación. Do mesmo xeito, Euskadi tamén quere ser enlace co resto de Europa da rede ibérica de transporte de hidróxeno e que esta non só se conecte a través de Catalunya.

O Goberno Vasco di que "as solucións que atope o industrializado porto de Bilbao para protexer a súa infraestrutura" fronte o cambio calimático "poden ser válidas para Vigo", e a Xunta aposta polo "potencial da eólica mariña"

Pero a esas dúas cuestións o Goberno Vasco sumou unha terceira á que dá similar relevancia no seu comunicado pero que a Xunta obvia no seu. Euskadi salientou como problema de interese común ás catro comunidades autónomas o cambio climático e o seu efecto sobre o litoral, con poboacións e infraestruturas industriais e de transporte concentradas “na costa ou en zonas de influencia das mareas”. Ante este feito, di o Goberno Vasco, “estes territorios están chamados a arbitrar respostas para paliar as vulnerabildades” de xeito que talvez “as solucións que atope o industrializado porto de Bilbao para protexer a súa infraestrutura poden ser válidas para Xixón, Vigo ou Santander e viceversa”. “Poderíase traballar no desenvolvemento dun sistema de anticipación e resposta a eventos climáticos extremos ou redeseñar a planificación urbana nas aglomeracións costeiras máis vulnerables”, pon como exemplo o Goberno Vasco. 

Pola contra, o comunicado da Xunta nada di desa cuestión pero si aposta polo “potencial da eólica mariña”. Segundo o Goberno galego, “é unha industria que chegou para quedarse e á que non imos renunciar”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.