O ente que agrupa as cidades de Galicia e o Norte de Portugal presenta aos grupos políticos un documento crítico coa inacción da Xunta en materia de acción exterior
O Eixo Atlántico, o ente que agrupa as 34 principais cidades e vilas de Galicia e o Norte de Portugal, vén de entregar este xoves no Parlamento de Galicia un informe dirixido a todos os grupos políticos no que analiza a política de acción exterior de Galicia. O documento amósase crítico coa inacción da Xunta na materia e aposta, entre outras cuestións, por “refundar” a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal dando entrada á participación de “axentes máis activos”, e crear unha macrorrexión europea do Arco Atlántico máis ambiciosa que a que está a impulsar a Xunta só no noroeste peninsular.
O documento de análise, coordinado polo ex-conselleiro socialista José Luis Méndez Romeu, está elaborado con achegas de expertos en diversas áreas concretas: Xulio Ríos en materia de acción exterior galega, Andoni Aldekoa sobre o exemplo da acción exterior do País Vasco, Daniel Prieto Renda sobre a internacionalización da empresa galega e José Palma Andrés sobre as estratexias macorrexionais europeas.
“Aínda que a capacidade competencial está recoñecida, a actual liña política ten perfil baixo carecendo de profundidade estratéxica”, lamenta o informe
O documento comeza asegurando que “non censura as iniciativas executadas, simplemente sinala o que aínda non se abordou sendo necesario”, pero amósase crítico coa falta de iniciativa da Xunta en materia de acción exterior. Así, nas súas conclusións ás achegas realizadas polos expertos, o documento do Eixo Atlántico di sobre o Goberno galego que “aínda que a capacidade competencial está recoñecida, a actual liña política ten perfil baixo carecendo de profundidade estratéxica” e engade que “a Comunidade Autónoma carece neste momento tanto dunha visión global dos seus intereses e necesidades como das estruturas necesarias para desenvolvelos así como das relacións de cooperación internas con outros actores necesarios para unha actuación global”.
O Eixo Atlántico de cidades considera que o órgano de participación para impulsar a acción exterior galega debera ser o Consello de Acción Exterior (CAEX), que na actualidade está composto maioritariamente por cargos da Xunta e do que considera que “debe integrar todos os sectores non institucionais, incluíndo a representación de todas as forzas parlamentarias para que a acción exterior responda a un debate institucional integrador e 'de Estado'”. Ao tempo, di, a Fundación Galicia-Europa, a través da que a Xunta xestiona a súa representación institucional ante a Unión Europea, “debe recuperar o seu papel como punto de encontro de intereses institucionais e privados, potenciando o seu papel en Bruxelas” constituíndose tamén como “think-tank especializado e foro de debate entre expertos e coa sociedade civil”.
O documento do Eixo Atlántico suxire “promover a creación duns Estados Xerais da Eurorrexión, como Asemblea de electos, dotándoa dunha Comisión Executiva”
Sobre a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, o informe sinala que actual comunidade de traballo formada pola Xunta e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal “debe reactivarse converténdose nun órgano de debate e xestión participativa” no que a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT), a figura xurídica comunitaria que ampara a eurorrexión, “debe configurarse como a secretaría permanente”. Nesa liña de institucionalizar a eurorrexión, o Eixo aconsella “impulsar un proceso democrático e participativo, que cristalice nun proceso refundacional protagonizado polos axentes da cooperación máis activos e con maior traxectoria histórica”. Ata o punto de que propón “promover a creación duns Estados Xerais da Eurorrexión, como Asemblea de electos, dotándoa dunha Comisión Executiva”.
Ademais de potenciar a eurorrexión, o informe aposta por unha macrorrexión máis ampla da que impulsa a Xunta e que chegue a Francia, similar ás outras catro xa existentes na UE
O informe tamén cuestiona de xeito implícito a aposta da Xunta por unha macrorrexión do noroeste peninsular, que pide revisar “tendo en conta que as estratexias marítimas xa aprobadas pola Unión Europea fan posible o impulso dunha Macrorrexión do Arco Atlántico, coa participación das rexións costeiras de Francia, España e Portugal, estendendo a problemática marítimas aos hinterland da súa influencia, dotándose dunha estratexia de desenvolvemento económico e social a 15-20 anos e definindo unha axenda exterior propia”. Esa macorrexión atlántica, di, “debería ter o mesmo grao de respaldo que lograron as catro macrorrexión actualmente en vigor" que xa contan formalmente cunha Estratexia Macrorrexional.
Áreas da UE que contan cunha Estratexia Macrorrexional (EMR)
“Os poderes locais non deben ser alleos a unha visión global de Galicia no exterior”, di o Eixo Atlántico de cidades de Galicia e Norte de Portugal
O informe do Eixo Atlántico de cidades tamén reclama que “os poderes locais de Galicia, como os seus homólogos doutros países, son parte esencial dos procesos de crecemento económico e cambios socioculturais. Non deben ser alleos a unha visión global de Galicia no exterior”.