O Igadi reclama máis ambición coa acción exterior galega a todos os candidatos no 18F

Reunión o pasado marzo do Consello de Acción Exterior de Galicia CC-BY-SA Xunta de Galicia

O instituto de análise propón aumentar o rango dos departamentos internacionais da Xunta, executar con accións concretas a Estratexia Galega de Acción Exterior e a Lei Paz Andrade e crear unha Casa da Lusofonía

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) fixo públicas este mércores as súas propostas de mellora da acción exterior galega co obxectivo de que sexan tidas en conta polas formacións políticas que concorren ás eleccións do 18 de febreiro. Unhas medidas que inclúen, entre outras cuestións, o aumento do rango dos departamentos internacionais do Goberno galego, executar con accións concretas a Estratexia Galega de Acción Exterior e a Lei Paz Andrade e crear unha Casa da Lusofonía.

Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, nunha intervención no Comité das Rexións Dominio Público Xunta de Galicia

O Igadi constata que nos últimos anos aumentou o orzamento para internacionalización de empresas ou do turismo mentres que a acción exterior como política pública "perdeu orzamento e capacidade de intervención".

O documento do Igadi comeza facendo balance da acción exterior da Xunta na última década e media, cos gobernos do PP, cando aumentou o orzamento para internacionalización de empresas ou do turismo mentres que a acción exterior como política pública "perdeu orzamento e capacidade de intervención". Tamén sinala como avances a aprobación en 2015 dun decreto de Acción Exterior, en 2018 dunha Estratexia Galega de Acción Exterior e en 2021 da nova Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento. 

Igualmente, en 2014, froito dunha iniciativa cidadá, o Parlamento aprobou por unanimidade a denominada Lei Paz Andrade para promover o portugués en Galicia e conectar o país co mundo de lingua portuguesa. Porén, lamenta o Igadi, "na práctica non se está a empregar a potencialidade" de todo este marco xurídico "xa que a Lei de Acción Exterior ou a Lei Paz Andrade non contan con recursos, nin coordinación ou seguimento específico".

Para tentar reverter esta situación o Igadi propón que na nova lexislatura a actual Dirección Xeral ascenda a Secretaría Xeral de Acción Exterior dentro da estrutura da Presidencia da Xunta e se eleve "o status xurídico-político da actual Fundación Galicia-Europa", embaixada de Galicia en Bruxelas.

Tamén reclama un Plan de Acción para executar a Estratexia Galega de Acción Exterior con obxectivos e actividades avaliables e "que integre a participación das cidades, universidades e o conxunto do ecosistema da acción exterior de Galicia" e un Plan Director da Lei Paz Andrade.

© IGADI

E como medidas máis sectoriais propón a creación en colaboración co Ministerio de Asuntos Exteriores dunha Casa da Lusofonía e o lanzamento de proxectos pilotos para Brasil e China de coordinación dos distintos esforzos que se veñen facendo desde hai décadas en ambos países por parte de diversos departamentos da Xunta.

En xeral o Igadi reclama "potenciar o consenso arredor da plusvalía que ten o perfil internacional de Galicia: somos unha das nacionalidades históricas do Estado, cunha diáspora que permite unha rede de contactos humanos, comerciais ou culturais que poucos países poden exhibir".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.