As ONG alertan de que a conxelación dos fondos da Xunta para cooperación chega no contexto internacional "máis complicado"

Acto da Coordinadora Galega de ONGD CC-BY-NC-SA Coordinadora Galega ONGD

O pasado mes de xuño o Parlamento galego aprobou o V Plan director da cooperación galega, que prevía que os fondos de cooperación aumentasen cando menos o mesmo que os orzamentos para o 2024. Porén, mentres que as contas públicas medran un 5%, esta partida crece menos do 1%

O pasado mes de xuño o Parlamento galego aprobou o V Plan director da cooperación galega, que debía marcar a estratexia do goberno galego neste ámbito nos seguintes catro anos. O Plan, aprobado previamente polo Consello da Xunta e mais polos axentes de cooperación representados no Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, incluía unha previsión de crecemento dos fondos achegados pola Xunta para cooperación que sería igual ou maior que o incremento do orzamento total. 

Os orzamentos da Xunta para o ano 2024 prevén un aumento do gasto do 5%, que debería ser, polo tanto, a porcentaxe mínima de incremento dos fondos para axuda ao desenvolvemento. Porén, os primeiros orzamentos aprobados dende a aprobación deste compromiso recollen unha conxelación desta partida (que non chega a subir nin o 1%), o que levou este mércores á Coordinadora Galega de ONGD para o Desenvolvemento a manifestar a súa "preocupación" e a criticar o "incumprimento" do compromiso adquirido polo Goberno galego.

Sinatura dun dos convenios de colaboración entre a Xunta -con Rueda daquela como Vicepresidente- e a Coordinadora Galega de ONGDs © Xunta

A Coordinadora Galega de ONGD para o Desenvolvemento critica "incumprimento" do compromiso adquirido polo Goberno galego e lembra que "estamos a vivir un dos contextos internacionais máis convulsos e complicados en décadas”

“Non entendemos esta decisión no momento no que as ONGD e as poboacións máis vulnerables do mundo necesitan máis apoio”, di María Paz, presidenta da Coordinadora Galega de ONGD. Paz chama a atención sobre o feito de que "estamos a vivir un dos contextos internacionais máis convulsos e complicados en décadas”, en referencia á guerra de Ucraína, á invasión de Gaza e a outros conflitos bélicos, como o que se vive en Afganistán. Desta tamén as "severas crises migratorias" que se están a producir, con máis de 108 millóns de persoas desprazadas no mundo e as consecuencias do cambio climático. 

Así mesmo, advirte da "auxe dos gobernos autoritarios", nomeadamente en Centro América, un dos territorios prioritarios dentro da Cooperación Galega, e da "persecución continua a ONGs e activistas en multitude de países".

“Estes orzamentos supoñen darlle as costas á realidade e á nosa responsabilidade coa xustiza social global”, conclúe María Paz, presidenta da Coordinadora

A entidade explica que cumprir co incremento pactado supoñía unha suba "de apenas 400.000 euros", unha cantidade, prevista, coas que as organizacións xa comezaran a facer os seus plans de traballo para o ano 2024. E critica que a pesar das "reiteradas demandas" da Coordinadora e da oposición dende que se publicou o borrador dos orzamentos, e das propias declaracións do vicepresidente Diego Calvo que asegurou en sede parlamentaria que o orzamento dedicado á cooperación sería “incluso superior ao que estaba comprometido”, finalmente non houbo modificacións. “Estes orzamentos supoñen darlle as costas á realidade e á nosa responsabilidade coa xustiza social global”, conclúe María Paz.

Xunta Directiva da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento (CGONGD), que se renovou o pasado mes de xuño © CONGD

A conxelación dos fondos para cooperación chega despois de anos de lentas pero constantes subas dende o ano 2015, cando se puxo fin aos duros recortes que esta partida experimentara dende a chegada de Núñez Feijóo á Presidencia da Xunta (caeu de 12 a 4 millóns en catro anos)

A conxelación dos fondos para cooperación chega despois de anos de lentas pero constantes subas dende o ano 2015, cando se puxo fin aos duros recortes que esta partida experimentara dende a chegada de Núñez Feijóo á Presidencia da Xunta (caeu de 12 a 4 millóns en catro anos). Cómpre lembrar, neste senso, que o investimento para 2024 está aínda por debaixo do ano no que máis se dedicou á cooperación en Galicia, aquel ano 2009, que contou cun orzamento de 12,2 millóns de euros, fronte aos 9 millóns actuais.

Con todo, é certo que dende o 2015 a cifra si viñera medrando. “O compromiso adquirido pola Xunta era insuficiente pero progresivo”, sinala María Paz. E, por exemplo, durante toda a vixencia do anterior Plan Director da Cooperación Galega no período 2018-2021, e durante o ano 2022 (ano de prórroga) o orzamento para cooperación viña medrando por riba do 11%. 

En 2023 a Xunta dedicou 3,35 euros euros por habitante á Cooperación, moi por debaixo da media española (8,42 euros), e aínda máis lonxe dos 23,25 euros por habitante de Euskadi ou os 27,23 de Navarra

Segundo o informe de cooperación descentralizada publicado pola Coordinadora Estatal de ONG, Galicia ocupa o posto 11 no ránking por comunidades autónomas cun investimento do 0,06%, unha cifra moi afastada da media estatal do 0,13%, e aínda máis lonxe do obxectivo do 0,7% que recolle a nova Lei de Cooperación para o Desenvolvemento Sostible e a Solidariedade Global, aprobada no Congreso dos Deputados co apoio de todos os partidos, agás de Vox.

En 2023 a Xunta dedicou 3,35 euros euros por habitante á Cooperación, moi por debaixo da media española (8,42 euros), e aínda máis lonxe dos 23,25 euros por habitante de Euskadi ou os 27,23 de Navarra, as dúas comunidades autónomas máis avanzadas na materia.

Integrantes da actual Xunta Directiva da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento (CGONGD), que se renovou o pasado mes de xuño © CONGD

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.