A cooperación descentralizada galega, ante o 28M: concellos e deputacións solidarias co Sur global

Unha acción da Coordinadora Galega de ONGD © CONGD

Un gran número de concellos galegos e tamén deputacións provinciais colaboran activamente en proxectos de cooperación internacional que contribúen ao desenvolvemento e á xustiza social en países do sur global, especialmente nas zonas máis empobrecidas de América Latina

Un gran número de concellos galegos e tamén deputacións provinciais colaboran activamente en proxectos de cooperación internacional que contribúen ao desenvolvemento e á xustiza social en países do sur global, especialmente nas zonas máis empobrecidas de América Latina. Este traballo de cooperación descentralizada é un labor silandeiro, pouco coñecido en moitas ocasións, pero que consegue resultados visibles nestas comunidades.

Normalmente non o fan directamente, senón que publican convocatorias para o financiamento de proxectos, destinados ás ONGD que traballan con entidades e organizacións do Sur Global. Estes colectivos do Sur, denominados polas ONGD contrapartes, son na súa maioría de carácter civil e asociativo e non dispoñen de apoios institucionais nin de grandes recursos. Neste contexto, o papel das ONGD galegas é a de ponte entre a sociedade civil galega e a dos Países do Sur co apoio das administracións locais.

Proxecto de Amigas da Terra e da Asociación Mulleres Defensoras da Vida en Honduras, no que colabora a Deputación de Pontevedra © CONGD

A Coordinadora quere facer fincapé na importancia deste apoio emprestado por algunhas administracións locais galegas, destacando particularmente o esforzo de concellos como Vigo, Santiago ou Lugo e deputacións como a da Coruña ou Pontevedra

Esta falta de apoios e recursos moitas veces "ten que ver coa súa labor de reivindicación e loita sobre dereitos vulnerados nas súas comunidades e que as sitúan, a miúdo, na diana de ameazas, ataques e persecución", destacan dende a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. "Falamos de defensa do territorio fronte a intereses económicos -en moitos casos foráneos-, de soberanía alimentaria, de igualdade de xénero ou do acceso a dereitos básicos como a educación, a cultura ou a sanidade de comunidades como a indíxena, especialmente vulnerábel", explican.

No contexto da campaña electoral dos comicios municipais do vindeiro 28 de maio, a Coordinadora quere facer fincapé na importancia deste apoio emprestado por algunhas administracións locais galegas, destacando particularmente o esforzo de concellos como Vigo, Santiago ou Lugo e deputacións como a da Coruña ou Pontevedra.

A achega local galega

Nas convocatorias públicas en concorrencia competitiva para proxectos de cooperación ao desenvolvemento que lanzan Vigo, Santiago ou Lugo pode presentarse calquera organización que cumpra os requisitos. O resultado das axudas concedidas responde a criterios técnicos e de calidade dos proxectos. Segundo explican dende a Coordinadora Galega, “esta formula é a que mellor se adapta a criterios de transparencia e a que mellor responde ás necesidades de calidade que deben ter os proxectos de cooperación ao desenvolvemento”. En canto ás catro institucións provinciais galegas, só teñen convocatorias en réxime de concorrencia competitiva a Deputación da Coruña e a de Pontevedra. Algúns concellos de menor tamaño, como Oleiros, non publican convocatorias, pero tamén destinan orzamentos a iniciativas de cooperación.

Mesmo os concellos e deputacións máis implicados nesta cuestión limitan o seu apoio económico a porcentaxes que se moven entre o 0,09% e o 0,17% dos seus orzamentos

A Coordinadora lembra que o esforzo económico das administracións locais para a axuda ao desenvolvemento. debería achegarse progresivamente ao 0,7% do orzamento total, un obxectivo fixado hai xa 50 anos polas Nacións Unidas e que tamén recolle a nova Lei de Cooperación para o Desenvovemento Sostible e a Solidaridade Global. Porén, a realidade é moi distinta e mesmo os concellos e deputacións máis implicados nesta cuestión limitan o seu apoio económico a porcentaxes que se moven entre o 0,09% e o 0,17% dos seus orzamentos. A Deputación da Coruña é a administración local galega que destina unha parte máis importante dos seus fondos a proxectos de cooperación.

"As cifras da cooperación local galega están en consonancia con concellos e deputacións do Estado, pero moi lonxe de concellos como Vitoria-Gasteiz (0,73%), Pamplona (0,78%), Gijón (0,64%) ou Córdoba (0,58%)"

A Coordinadora, que lembra que Santiago publicou en 2022 a súa convocatoria tras catro anos de suspensión, destaca que "en xeral, as cifras da cooperación local galega están en consonancia con bastantes concellos e deputacións do Estado, pero moi lonxe de concellos como Vitoria-Gasteiz (0,73%), Pamplona (0,78%), Gijón (0,64%) ou Córdoba (0,58%) ou dalgúns concellos cataláns, como La Garriga ou Castellbisbal, que se sitúan no 1%". Son exemplos, engade, que "abranguen todo o espectro político democrático", o que "demostra que as políticas que se desenvolven en cuestións tan sensibles como os dereitos humanos poden estar á marxe das cores partidarias".

Como traballan as ONGD galegas?

"Non traballamos nunca de maneira illada nun territorio: traballamos con contrapartes locais que son as que deciden”, destacan

As entidades galegas traballan sempre con organizacións do Sur Global. Dende Asamblea de Cooperación Pola Paz (ACPP) en Galicia, explican que as ONGD "non traballamos nunca de maneira illada nun territorio: traballamos con contrapartes locais que son as que deciden”. “Facemos xiras con activistas e contrapartes que axudan a explicar aquí a nosa labor, pero a visión de que marchamos de viaxe a arranxar o mundo segue aínda presente na sociedade”, engaden. O mesmo apuntan dende Solidariedade Internacional, que detallan que “apoiamos as organizacións no que fan” e explican que “non somos nós quen vai e di o que hai que facer. Elas están alí, son de alí, e coñecen o contexto”.

As ONGD galegas, por tanto, facilitan recursos e coñecementos técnicos, coordinan coas contrapartes os proxectos, fan o seguemento dos mesmos e levan a cabo, aquí, o que se chama labor de incidencia: iniciativas para situar no discurso e nas políticas públicas cuestións de especial interese en relación á defensa e garante dos dereitos humanos. En definitiva, ser altofalantes de realidades esquecidas ou silenciadas e daquelas persoas e colectivos que sofren exclusión e vulneración dos seus dereitos.

Proxecto de Amigas da Terra en Nicaragua, no que colabora o Concello de Vigo © CONGD

En xeral, trátase de proxectos que teñen relación cos dereitos das mulleres, entedidos tamén como a pedra angular do desenvolvemento sostible das comunidades

Isto inclúe un contacto constante coas forzas políticas e cos representates nas distintas administracións, así como cos medios de comunicación, colectivos diversos e sociedade civil. Pero tamén a presentación de propostas concretas para que o discurso non quede só nunha declaración de intencións, senón que vaia acompañado dun posicionamento firme e de recursos estables.

En xeral, trátase de proxectos que teñen relación cos dereitos das mulleres, entedidos tamén como a pedra angular do desenvolvemento sostible das comunidades. As ONGD galegas levan anos asumindo esta responsabilidade social traballando con diversas sociais locais feministas e consideran que "traballar a prol da igualdade de xénero é unha obriga do sector da cooperación". En 2020, o 63% da poboación destinataria dos proxectos executados polas entidades membro da CGONGD foron mulleres e metade dos proxectos executados orientáronse de xeito directo á mellora da súa calidade de vida.

Os resultados tanxibles desta cooperación local: de Lugo a Bolivia

A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento ofrece información sobre algúns destes proxectos, que conseguen que moitas persoas vexan melloradas as súas condicións de vida. Por exemplo, o Concello de Lugo, cuxa cuxa liña de convocatorias é a máis antiga de Galicia e que achegou financiamento á ONGD Solidariedade Internacional, que colabora co movemento feminista boliviano Mulleres Creando no retellamento e reforma dunha das súas dúas casas autoxestionadas.

O Concello de Lugo achegou financiamento á ONGD Solidariedade Internacional, que colabora co movemento feminista boliviano Mulleres Creando no retellamento e reforma dunha das súas dúas casas autoxestionadas

Neste espazo, que tamén acolle actividades políticas e culturais, esta entidade ofrece asesoramento, coidado e acompañamento a mulleres (víctimas de violencia de xénero, violencia LGTBIQ+, indíxenas,...) en diferentes situacións de vulnerabilidade. Hai 600 usuarias habituais da casa, que atende a unha media de 3.000 mulleres ao ano.

Concello de Lugo e Deputación da Coruña apoian, tamén en Bolivia, á ONGD Taller de Solidaridad, que colabora na cidade de Cochabamba coa congregación das Servas de San Xosé. Este proxecto, con fases previas xa finalizadas e apoiadas por ambas entidades galegas, ten como obxectivo o empoderamento dun cento de mulleres e o desenvolvemento dos barrios de Alto Miraflores-Alto Litoral, Monte Olivos e San Francisco con perspectiva de xénero, a través de diversas accións, como alfabetización e formacións de perfil profesional en costura e gastronomía.

Proxecto de Arquitectura sen Fronteiras en Guatemala no que colabora a Deputación da Coruña © CONGD

Apoio dende Compostela a El Salvador

O Concello de Santiago apoia o proxecto de Asamblea de Cooperación Pola Paz coa súa contraparte Redes para fortalecer as capacidades de mulleres e mocidade e mellorar a súa organización social e económica no municipio de Berlín, no departamento salvadoreño de Usulután. Este proxecto, pensado para fortalecer a autonomía e a autoxestión de varias familias, baséase na economía circular e no comercio de proximidade, pero comeza por traballar na soberanía alimentaria da comunidade.


A Deputación da Coruña, con proxectos en Honduras e Guatemala

A Deputación da Coruña financia, entre outros, o proxecto de Enxeñería sen Fronteiras actualmente activo nos municipios hondureños de Amapala, Alianza, San Lorenzo e Marcovia

A Deputación da Coruña financia, entre outros, o proxecto de Enxeñería sen Fronteiras actualmente activo nos municipios hondureños de Amapala, Alianza, San Lorenzo e Marcovia. Neste proxecto a ONGD galega traballa da man do Comité de Defensa e Desenvolvemento da Flora e Fauna do Golfo de Fonseca-CODDEFFAGOLF na mellora da sustentabilidade marisqueira e pesqueira artesanal como fonte de ingresos para grupos organizados de mulleres.

A entidade provincial tamén contribuíu ao proxecto de Arquitectura sen Fronteiras no municipio guatemalteco de Champerico. Neste caso a organización galega traballou coa Asociación Indíxena Agripecuaria Pro-Desenvolvememto Integral-Asiaprodi no acompañamento no proceso de asentamento da comunidade Mam Cajolá, formada por 267 familias indíxenas recén reubicadas na zona. Na meirande parte dos casos, nais solteiras ou viúvas. O proxecto garantizou as condicións necesarias para a propia gobernanza e a planificación territorial da comunidade, garantindo o respecto cultural e medioambiental e aplicando perspectiva de xénero.

A Deputación de Pontevedra: apoio para El Salvador e Honduras

O ano pasado o Concello de Vigo apoiou un proxecto en Nicaragua impulsado por Amigas da Terra e o seu socio local Fundación LIDER, consistente na mellora da competitividade e eficiencia produtiva de emprendementos liderados por mulleres socias das tres cooperativas agrarias

Tamén a Deputación de Pontevedra contribúe á cooperación ao desenvolvemento a través das súas convocatorias. Por exemplo, nos anos 2021 e 2022 Solidariedade Internacional en Galicia puido promover, coas organizacións locais ASPS e a Asociación Salvadoreña de Axuda Humanitaria Provida, a organización comunitaria -e por tanto a mellora da situación económica e alimentaria- de 280 mulleres en El Salvador.

Ademais, Amigas da Terra puido desenvolver con esta convocatoria do ente provincial pontevedrés un proxecto de mellora do exercicio dos dereitos das mulleres rurais en comunidades de Corpus (Honduras), xunto coa súa socia local Asociación de Mujeres Defensoras da Vida-AMDV.
 

Vigo: proxectos en Nicaragua

Finalmente, o ano pasado o Concello de Vigo apoiou un proxecto en Nicaragua impulsado por Amigas da Terra e o seu socio local Fundación LIDER, consistente na mellora da competitividade e eficiencia produtiva de emprendementos liderados por mulleres socias das tres cooperativas agrarias do departamento de Chinandega. Baixo un enfoque de economía circular, promoveuse o aproveitamento de novos produtos e subprodutos de plátano, millo e anacardo a través de procesos de diagnose da situación, de innovación e de formación, así como a súa comercialización a través da plataforma web local Mercadito de las Montañas Nicaragüenses.

Proxecto de Solidariedade Internacional e Mujeres Creando en Bolivia no que colabora o Concello de Lugo © CONGD

As necesidades das ONGD galegas

Que precisan as ONGD para abordar os seus proxectos dun modo máis eficiente? Estas entidades destacan que, en primeiro lugar, necesitan "simplificar a burocracia"

Que precisan as ONGD para abordar os seus proxectos dun modo máis eficiente? Estas entidades destacan que, en primeiro lugar, necesitan "simplificar a burocracia" pois as convocatorias públicas "adoitan ignorar nas súas bases e requisitos a realidade administrativa dos países nos que se desenvolve o proxecto ou o propio feito de seren proxectos transnacionais". Por iso, as organizacións reclaman "fórmulas alternativas que flexibilicen o proceso sen menoscabo do control do diñeiro público". 

E, como complemento a esta simplificación dos procesos, apostan tamén por facilitar coñecementos técnicos aos equipos que, na administración púbica, reciben as propostas e documentacións para valorar e validar. “Cando nós presentamos proxectos”, explican dende a Asamblea de Cooperación Pola Paz, “o persoal da administración vese desbordado polo material que presentamos e os conceptos técnicos que manexamos". "Non saben intepretar ben os proxectos, porque, dende o punto de vista do desenvolvemento técnico, cooperación e administración falamos linguaxes distintas. E isto, ademais de complicar o proceso, xéralles moita frustración”, din.

Proxecto de Solidariedade Internacional, ASPS e Provida en El Salvador no que colabora a Deputación de Pontevedra © CONGD

As entidades reclaman "o compromiso real e sostido no tempo das administracións", pois "un apoio puntual sirve para unha acción concreta, mentres que unha convocatoria estable abre a porta a planificar procesos, como mínimo, no medio prazo"

Pero, alén da cuestión organizativa, as entidades reclaman "o compromiso real e sostido no tempo das administracións", pois "un apoio puntual sirve para unha acción concreta, mentres que unha convocatoria estable abre a porta a planificar procesos, como mínimo, no medio prazo", destacan dende a Coordinadora. "Poñendo un exemplo sinxelo, non se tarda o mesmo en construír unha escola que en que todos os nenos e nenas dunha comunidade con altas taxas de absentismo estuden de maneira regular", din.

Finalmente, a Coordinadora conclúe que "o gran reto, probablemente, sexa manter esa liña de diálogo e colaboración coas administracións aberta e activa, pero tamén coa sociedade. Botar man de pedagoxía para ser quen de explicar que son e que fan, máis alá de prexuízos e estereotipos, as organizacións que traballan na cooperación ao desenvolvemento".

Proxecto de Taller de Solidariedade-San José en Bolivia no que colaboran o Concello de Lugo e a Deputación da Coruña © CONGD

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.