Fomentar a produción e o consumo responsables desde os municipios

Feira organizada en Lugo polo Día Mundial do Comercio Xusto © Fondo Galego

O Congreso Forestal Mundial declaraba hai medio século o 28 de xuño como Día da Árbore, co gallo de conmemorar a súa importancia como elementos esenciais da terra. A protección dos recursos naturais é precisamente unha das claves contempladas nos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados por Nacións Unidas, tanto naqueles centrados no medio ambiente coma nos que entroncan con esta cuestión de xeito colateral. Tal e o caso do ODS 12, dedicado a “garantir modalidades de consumo e produción sustentables”, un eido no que os municipios poden desenvolver un papel fundamental, e así acontece con Lugo.

O Concello de Lugo vén de ser nomeada Cidade polo Comercio Xusto, converténdose na primeira de Galicia en ter esta distinción

O ODS 12 defende que se poden producir máis e mellores cousas con menos recursos, só hai que empregalos dun xeito eficiente e respectuoso coa natureza e coas persoas. Débese reducir o desperdicio de alimentos, fomentar os cultivos ecolóxicos e minguar os residuos que xeramos. Tamén o turismo pode ser sostible, así coma os transportes ou as compras que fan as administracións públicas responsables. Neste senso, o Concello de Lugo vén de ser nomeada Cidade polo Comercio Xusto, converténdose na primeira de Galicia en ter esta distinción outorgada polo Programa de Cidades polo Comercio Xusto que a nivel estatal coordina a organización Ideas.

Para obter esta declaración, hai que cumprir cando menos cinco criterios: compromiso institucional e iniciativas de compra pública ética, accesibilidade aos produtos de comercio xusto, compromiso da comunidade empresarial, sociedade civil e comunidade educativa; accións de sensibilización e comunicación dirixidas á cidadanía e, por último, creación dun grupo de traballo local. A nivel práctico, estes requisitos tradúcense en cuestións tan simples e tan valiosas coma o feito de ofrecer produtos de comercio xusto nas cafeterías das instalación municipais ou nas máquinas expendedoras.

Salarios dignos, rexeitamento do traballo infantil, igualdade de xénero e respecto ao medio ambiente son algunhas das condicións que ampara esta etiqueta

Salarios dignos, rexeitamento do traballo infantil, igualdade de xénero e respecto ao medio ambiente son algunhas das condicións que ampara esta etiqueta, que desde os municipios tamén podemos contribuír a divulgar ben con actividades propias ou ben a través de redes coma o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Nos seus recén cumpridos 22 anos de andaina, esta asociación conformada por un cento de administracións locais e provinciais ten fomentado o ODS 12 tanto a través de accións de sensibilización como de proxectos en países empobrecidos, mesmo de turismo sustentable ou de agricultura ecolóxica.

Este Obxectivo de Desenvolvemento Sostible expón interesantes retos para os diferentes niveis de goberno, pero tamén para cada persoa no seu día a día, pois non debemos subestimar o poder dos distintos modos de consumo. Mellorar as condicións de vida das persoas, nos países do Norte e do Sur, tamén está nas nosas mans.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.