Veciñanza de Navia de Suarna loita contra a derruba do seu "rañaceos" modernista

Casa Benedicto, en Navia de Suarna, que o Concello quere derrubar para ampliar a praza principal da vila © Asociación Patrimonio Naviego

O Concello xa ten orzamento para tirar o edificio, levantado hai cen anos, polo seu deterioro e para ampliar a praza da vila, pero unha mobilización veciñal defende o seu valor histórico e que sexa rehabilitado

É un edificio de tres pisos de altura, pero iso en Navia de Suarna convérteo no "rañaceos" municipal. Unha silueta con formas modernistas, levantada hai un século, na década de 1920, que veciñanza da vila leva tempo resistíndose a perder ante a intención do Concello de derrubalo polo seu deterioro. Unha batalla que se vén producindo desde hai anos, entre favorables e contrarios a tiralo para ampliar a praza principal do núcleo urbano, pero que agora vén de reavivarse porque xa hai partida orzamentaria para a derruba, prevista para os próximos meses.

O edificio foi levantado hai cen anos por Víctor Fernández Pardo, que non chegou a habitalo. O nome co que é coñecido, Casa Benedicto, deullo unha xastrería que houbo no seu baixo durante moitos anos. Cando esta pechou, o inmoble foise deteriorando e en 2005 a Deputación de Lugo mercouno para cederllo ao Concello. Baixo propiedade municipal o deterioro continuou e sucesivos gobernos locais coincidiron en propoñer a súa derruba polo seu elevado custo de rehabilitación e mantemento. Unha operación que facilitaría ampliar a praza principal da vila.

A Asociación Patrimonio Naviego está a desenvolver diversas actividades en defensa do edificio

A proposta de derrubar o edificio xa provocou en 2017 unha campaña veciñal para salvalo que contou co apoio do Colexio Oficial de Arquitectura de Galicia (COAG). Pero agora os dous bandos veñen de dar novos pasos. O Concello, gobernado polo PSdeG, vén de obter 27.000 euros para a derruba e urbanización da praza do Plan Deputación, unha lista de investimentos e axudas a concellos por parte da Deputación de Lugo aprobada por unanimidade do seu Pleno o pasado marzo. Enfronte, veciñanza contraria agora está organizada na Asociación Patrimonio Naviego, que está a desenvolver diversas actividades en defensa do edificio. 

Casa Benedicto en 2005, cando foi mercada pola Deputación de Lugo para cederlla ao Concello, e debuxo da campaña para a súa defensa © Asociación Patrimonio Naviego

Hai uns días celebrouse na praza da vila, a carón do edificio, unha mesa redonda en defensa dos valores do inmoble coa participación dos arquitectos Jorge Duarte, que foi concelleiro de Urbanismo en Santiago e decano do Colexio Oficial de Arquitectura de Galicia (COAG), e Carlos Fernández Coto, da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal). E un dos impulsores de Patrimonio Naviego, Ovidio Fernández, cámara de televisión recentemente xubilado, vén de elaborar un vídeo no que veciñanza e visitantes de Navia de Suarna relatan o que supón para eles o seu particular "rañaceos".

Fernández salienta que o obxectivo da asociación é que o edificio sexa rehabilitado e pase a ter un uso público. Para iso, propoñen que o Concello dedique os 27.000 euros xa orzamentados para o derrubamento a restauralo, xunto con posibles axudas europeas que confían que recibiría unha iniciativa deste tipo. A asociación tamén está a analizar a situación urbanística do inmoble e a súa posible protección patrimonial, desaparecida no plan de urbanismo municipal aprobado en 2023 pola Xunta.

Mesa redonda en defensa de Casa Benedicto en Navia de Suarna © Asociación Patrimonio Naviego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.