O COAG pídelle ao Concello de Navia de Suarna que non derrube o edificio modernista

A 'Casa Benedicto', antiga xastrería da vila © http://www.manuelgago.org

A Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) adoptou o acordo de solicitarlle ao Concello de Navia de Suarna que "desista da súa vontade de derrubo" da Casa Benedicto, un edificio modernista que pode ser botado abaixo para ampliar a praza principal da vila. O COAG demándalle ao Goberno municipal da localidade que "promova a súa protección" de cara a evitar "o deterioro" do inmoble, salientando "o especial valor deste edificio, singular mostra da arquitectura modernista nos Ancares".

Os arquitectos galegos destacan que a Casa Benedicto "atópase no centro da vila, cunha importante presenza na praza, destacando polo seu estilo, tipoloxía e volumetría, así como pola influencia de elementos patrimoniais da contorna como a Ponte Vella ou o Castelo" e engaden que "posúe este núcleo un singular valor histórico, nunha contorna característica dos Ancares, de extraordinarios valores paisaxísticos que debería non só facer desistir do derrubo deste edificio, senón que tamén promova a recuperación e posta en valor do conxunto así como a concreta protección patrimonial". O COAG ofrece "a súa axuda e colaboración en defensa dos valores, recoñecemento e posta en valor da calidade da arquitectura de Galicia".

O edificio, que non está catalogado nin conta con figura de protección ningunha, foi adquirido polo Concello de Navia de Suarna hai unha década. Os promotores da campaña para salvar o inmoble denunciaron hai dúas semanas que o Goberno local iniciou os trámites para derrubalo e así ampliar a praza principal da vila, para así gañar espazo para o aparcamento de vehículos. Pola súa banda, o alcalde José Fernández Fernández (PSdeG-PSOE) puxo en dúbida en declaracións a La Voz de Galicia o valor do edificio: "Entendo que é unha casa relativamente nova. Ademais a metade está feita con ladrillo, area do río e cemento e parte do piso por dentro é de pino". Asegurou ademais que o derrubo aínda non ten data fixada.

 

A 'Casa Benedicto', antiga xastrería da vila © http://www.manuelgago.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.