SOS, castelo de Navia!

Ponte e castelo de Navia de Suarna © Isabel Cadenas Pérez

Este texto, por expreso desexo do seu autor, publícase na variante dialectal extremo oriental do galego

 

Seguramente, fóra da provincia de Lugo, e aínda nela, haberá moitas galegas e galegos que non nos coñezan. Situémonos, pois. Falo de Navia de Suarna (Os Ancares, Lugo). Eilí, no estremeiro, onde as terras de Galicia se dan a mau coas veciñas e amigas terras de Asturias e de León. Onde ós angazos lles chamamos runqueiros; á machada, brosa; ás maceiras, pumares; ás cereixas, zreixas; ós roxóns, turrullois; ós cans, cais; ós becerros, xatos; ás merlas, cochosas; ós escánceres, esgónzaros; ás troitas, truitas, ou trutias; ós pantalóns, pantalois; ós irmáns, irmaus; e á nai, mai. Eilí, onde os Altamira impuxeron o seu señorío e os deseñadores do “Gran Suarna” estiveron a piques de cometer un imperdoable crime. Falo das terras de Óliver Laxe e de Constantino Bértolo Cadenas (Tino de Féliz).

Eilí, no medio e medio da vila da Proba de Navia de Suarna, temos un castelo medieval boquexando. Ai, o noso castelo... Cuanto delouzo eu co noso castelo... E digo "noso" porque teño mui claro que, se os naviegos e naviegas temos dignidade, debemos luitar para conseguir que o castelo que foi dos condes de Altamira, en maus privadas na actualidade, acabe sendo noso, do pobo. Porque quen ol ergueron non foron os Altamira; nin, quizais, os Osorio. Non, non; que ol ergueron foron os nosos antepasados, seguramente, traballando de sol a sol por unha miserenta comida. Si, sen dúbida, suor e sangue lles custou. Porque tou seguro de que muitos dos canteiros e xornaleiros que contribuíron a erguer tal fortaleza resultaron feridos na obra; e ben puidese ser que, mesmo, algún morrese no empeño. Que pouco sabemos do noso castelo! Nin sequera sabemos con certeza de que século é. Segundo unha versión que se move a cabalo da lenda e da posibilidade, xa no século XI foi doado como dote a unha fermosa doncela. Por que as doncelas sempre son fermosas? Dáse por feito que, despois, nas revoltas irmandiñas do século XV, foi derrubado; mais tampouco isto se pode afirmar con certeza segundo me contou unha persoa mui documentada e autorizada na materia. Os actuais propietarios son os herdeiros de Manuel López Ernesto, un cura que ol mercou polo mediar do século XX e que ol despersonalizou, destinandol a vivendas para alugar; pero, dende hai xa anos, non vive naide nel e o deterioro é evidente e mui preocupante. 

O que si sabemos é que o binomio ponte–castelo de Navia de Suarna constitúen unha xoia patrimonial non só para as veciñas e veciños de Navia, senón, tamén, para todas as galegas e galegos. E o castelo ta a piques de virse abaixo, co risco que tal desastre suporía para as persoas e para as casas próximas. Se isto acontecese, non só perderiamos a xoia que en si representa este ben; perderiamos, tamén, a nosa memoria e a nosa dignidade. Ademais, a recuperación desta fortaleza para uso público, dende o punto de vista da revitalización do rural que tanto lle preocupa á Xunta de Galicia, sería fundamental para o futuro de Navia de Suarna e faría de panca para a promoción turística; e, consecuentemente, para a dinamización económica do concello.

Navia, a cunca encantada que se agocha ó pé dos Ancares galegos, despois de salvar a vida da ameaza do “Gran Suarna”, veise de novo ameazada de morte como consecuencia do despoboamento e do escasísimo interese que os diferentes gobernos mostraron e mostran por nosoutras e nosoutros. Somos un concello cunha riqueza paisaxística, patrimonial, etnográfica, gastronómica e, incluso, lingüística indubidable; e temos unha vila atravesada por un fermoso riu que chega dende as terras altas do Cebreiro, cun emprazamento único e cunha personalidade arquitectónica mui definida; talmente, unha cunca encantada, unha verdadeira xoia para a promoción turística; de certo, quen chega a Navia e visita paseniño a vila e o concello, experimenta unha grande sorpresa, un verdadeiro abraio. Si, porque, dende os 350 metros de altitude da vila ata os 1650 do Porto de Ancares, máxima elevación do concello, hai muito que ver: rius, regueiros e regueiras; vales, valicatos e chaulas; calangros e canóns, como os do Ser e o propio Navia; tesos e montañas, alzadas e brañas, reboleiras, soutos, erbedeiros e fragas… 

Saben unha cousa? Vóullela contar, que devezo por facelo. En Navia, onde todos os homes somos “bois”, pero as mulleres non son vacas, temos muitas singularidades. Entre outras, ademais dunha variante dialectal ben estudada e conservada, que é a que nos autoriza a todos os homes a ser bois, quizais sexamos o único concello de Galicia, España, mundo… que construímos a Casa do Concello enriba dun río… Tal e como llelo conto, para quen non ol saiba. Pola mesma beira da nosa praza Maior, corren teimudas as augas do regueiro de Curveira e, a menos de cen metros de se entregar este ó pai Navia, veise sepultado polo edificio do Concello. Sería aló pola década dos 70 cuando, por falta de cuartos e de axudas públicas, ós nosos representantes políticos do momento, co visto e prace de todas as administraciois competentes da época, se lles ocorreu tal solución. Que cousas, diría Castelao! Necesitamos un concello? Non hai cuartos para mercar un solar? Tranquilos, o regueiro ta libre. E así foi como foi.

Cóntolles outra particularidade mui nosa? Veña, xa postos, aló vai! Alá por onde me mova, e a actos culturais aínda vou a alguis, unha boa parte das parroquias galegas contan con algún tipo de local social; sabémolo todas e todos, non si? Pasemos ás capitalidades de concello, ás vilas, coñecen algunha que non teña unha casa da cultura, un centro social, un salón multiusos, un auditorio… onde a veciñanza poida reunirse para celebrar calquera actividade de tipo social ou cultural? Vostedes non? Eu, si: A Proba de Navia de Suarna. Temos unha praza maior grande e fermosa, temos unhas beiras do riu engaiolantes, pero… se chove ou aperta o friu, a onde imos? Nin unha vella escola restaurada onde meternos… Nada! Ai…

Outro día falareilles de máis singularidades, hoxe terei que volver ó rego. Ao rego do futuro. O futuro dunha vila que estivo a piques de desaparecer pola animalada aquela do “Gran Suarna” e que agora volve estar ameazada de morte polo despoboamento, pola pasividade e polo desleixo. A despoboación é a consecuencia da hemorraxia migratoria das décadas dos 60, 70, 80 e, aínda, 90; a pasividade e o desleixo son consecuencia directa dunha veciñanza envellecida e resignada e dunhas administraciois incoherentes e que só administran os recursos públicos en función dos votos comprometidos e das afinidades políticas entre as distintas capas administrativas, sen teren unha visión de país nin un mínimo coñecemento da realidade e das necesidades de cada un dos concellos da nosa terra. Ai…

Se realmente houbese unha visión de país, a Xunta de Galicia debería saber que o rural é imprescindible para garantir o futuro; porque as cidades tan colapsadas e deshumanizadas e faise necesario un reequilibrio da poboación. Si, cumpriría ser minimamente coherentes cos textos que se deseñan para as campañas publicitarias como aquela de “O rural importa”. Cumpriría coñecer o país e saber que en Navia de Suarna (Os Ancares, Lugo) existe un castelo en maus privadas a piques de caer derrotado por falta de entendemento e de posibilidades económicas da masa hereditaria propietaria do ben. Debería saber que é o momento de mercar esta fortaleza e de darlle unha nova vida e unha nova funcionalidade, acorde ós tempos que corren. Por outra parte, o investimento tampouco sería tan elevado; é cuestión de vontade e de darlle prioridade a aquilo que é máis urxente, necesario e razoable. Aínda que o feudalismo chegou nestas terras ata ben entrado o século XX, hoxe, a estas alturas do século XXI, é o momento de mirar cara a adiante con intelixencia. Da mesma maneira que se lle mercou o castelo de Pambre (Palas de Rei, Lugo) á congregación relixiosa que ol posuía e se fixo eilí unha mui interesante restauración –todo o meu recoñecemento e toda a miña gabanza neste caso-, en Navia tamén chegou o momento de actuar. Agora ou nunca! 

Certamente, muito delouzo co noso castelo… Si, porque vexo nel, despois diso: de mercalo e de sometelo a unha reforma integral, un enorme potencial. Esta fortaleza, empoleirada nunha espectacular atalaia rochosa de lousa, que no seu día seguramente foi ergueita para asegurar a recadación do pontazgo que terían que aboar as xentes que entraban na vila pola ponte medieval, preside a praza do Chau da Torrre e ocupa un solar enorme. Onde estaría mellor a nosa Casa do Concello e non enriba dunha canle fluvial? Onde mellor un Museo Etnográfico dos Ancares? Onde mellor unha sala multiusos para exposiois e celebraciois de actividades sociais e culturais? Onde mellor unha biblioteca pública? É tanto pedir por parte dunha vila que leva anos, décadas, pouco menos ca abandonada? Sería unha gran obra para Navia, pero, á vez, sería unha gran obra para Galicia enteira; porque visto dende unha perspectiva colectiva, este concello ten muito que recibir; mais, tamén, muito que ofrecer.

Xa que logo, naviegas e naviegos, amigas e amigos de Navia, maus á obra. Tomemos conciencia do que temos, poñámolo en valor e reivindiquemos, con amabilidade e teimosía, o dereito a seguir vivos como comunidade e a manter con vida e funcionalidade o noso torrón e o noso patrimonio. Nosoutros seremos os primeiros beneficiados, mais, ao mesmo tempo, Galicia enteira sentirá orgullo deste noso e seu concello que leva por nome Navia, nome que lle pediu prestado á deusa das augas e dos rius; nome de moda, que muitas familias galegas escollen, dun tempín para acó, para nomearen as súas fillas.

Castelo de Navia de Suarna © Isabel Cadenas Pérez
Mobilización polo castelo de Navia de Suarna © Isabel Cadenas Pérez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.