O Concello de Navia de Suarna pretende derrubar o edificio modernista máis singular da vila

A 'Casa Benedicto', antiga xastrería da vila © http://www.manuelgago.org

O Concello de Navia de Suarna adquiriu hai uns anos a Casa Benedicto, un edificio modernista situado na praza principal da vila. Esta antiga xastrería é o inmoble máis emblemático e singular da localidade, onde se poden ver outros inmobles modernistas. A pesar do seu valor arquitectónico, o edificio non está catalogado e non conta con protección de ningún tipo e atópase dende hai anos abandonado e en proceso de degradación. Agora o Goberno local iniciou os trámites para derrubalo e así ampliar a praza, para así gañar espazo para o aparcamento de tres ou catro vehículos.

Vén de iniciarse unha campaña nas redes que lle demanda ao Concello e á Xunta a paralización do derrube e a protección para o inmoble. A iniciativa en change.org abriuse esta noite e supera xa o medio milleiro de sinaturas. "Por desgraza, cóntanse por centos os exemplos de valiosa arquitectura destruída ó longo de todo o territorio. Nomeadamente por intereses especulativos ou por decisións urbanísticas que condenaron sen remedio boa parte do noso patrimonio e que agora lamentamos de xeito xeneralizado. Non podemos permitir que Casa Benedicto pase a formar parte dese dramático e vergoñento Arquivo Fotógráfico que constitúe todo o patrimonio perdido da nosa historia recente", destacan.

Plataformas como Canibalismo urbanístico. Maltrato da Paisaxe uníronse xa á reclamación que, de momento, busca evitar unha demolición que semella inminente, pois ao non estar protexido, o edificio pode ser derruído apenas cunha licenza municipal.

Os promotores da iniciativa lembran tamén a situación na que se atopan outros valiosos elementos do patrimonio na localidade, coma o Castelo de Navia de Suarna, construído no século XI pero ao que nos últimos anos se lle realizaron numerosos engadidos que deformaron a súa estrutura.

 

A 'Casa Benedicto', antiga xastrería da vila © http://www.manuelgago.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.