As mulleres son maioría nas ONGD galegas: 6 de cada 10 socias e máis do 70% das traballadoras e voluntarias

Actividade das ONGD galegas en Guatemala © CONGD

As mulleres representan o 62% das persoas socias, o 70% do voluntariado e o 71% do persoal contratado polas ONG de Desenvolvemento galegas

Dende hai anos distintos informes e estudos revelan o carácter maioritario das mulleres na organización, actividade e apoios das organizacións non gobernamentais e de axuda ao desenvolvemento. Así o amosa tamén a última edición do Informe sobre o traballo das ONGD galegas no mundo, publicado pola Coordinadora Galega de ONG de Desenvolvemento (CGONGD).

As mulleres representan o 62% das persoas socias, o 70% do voluntariado e o 71% do persoal contratado polas ONG de Desenvolvemento galegas. O 64% dos postos de coordinación e dirección técnica das equipas están ocupados, tamén, por mulleres. E, igualmente, as mulleres son maioría entre as persoas que se benefician directamente da actividade destas entidades, sumando o 63% das beneficiadas pola cooperación galega. 

Actividade de Agareso na República Dominicana © CONGD

O informe conclúe que o traballo das ONGD galegas "nace do impulso da sororidade entre mulleres diversas para construír un mundo máis xusto para todas"

O informe conclúe que o traballo das ONGD galegas "nace do impulso da sororidade entre mulleres diversas para construír un mundo máis xusto para todas". Pódese falar dun sector altamente feminizado en todos os ámbitos, agás nos cargos de máxima representación nas directivas das ONGD, eido no que ao longo dos últimos anos aumentou un 10% o número de mulleres, situándose actualmente no 54%, aínda lonxe das porcentaxes de participación como socias, voluntarias ou persoal contratado. Unha fenda de xénero que o propio informe insta a reverter.

En relación con isto, o informe subliña que as diferenzas entre mulleres e homes en canto ás condicións laborais son lixeiramente máis favorables para elas, sendo maior a porcentaxe de mulleres con contratos indefinidos e con xornadas completas. Con todo, a temporalidade e a parcialidade no sector son elevadas, o que podería provocar certas dificultades para exercer unha carreira profesional a longo prazo.

O documento tamén informa de que en 2020 as ONGD galegas contribuíron a mellorar as condicións de vida de 376.365 persoas en 22 países de América Latina, África e Asia

O documento tamén informa de que en 2020 as ONGD galegas contribuíron a mellorar as condicións de vida de 376.365 persoas en 22 países de América Latina, África e Asia. En conxunto, impulsaron 68 proxectos cun custe total de 10,2 millóns de euros que tiñan por obxectivo garantir dereitos básicos como a saúde e a educación, así coma fortalecer a defensa dos dereitos humanos. A rexión de Centroamérica e o Caribe acolleu o 50% dos proxectos e máis dun 60% dos fondos investidos. No ano 2020, as ONGD galegas ingresaron un total de 14,3 millóns de euros dos que un 48% procedían de fondos públicos e un 52%, de fondos privados.

Actividade de ACPP en Níxer © CONGD

En conxunto, impulsaron 68 proxectos cun custe total de 10,2 millóns de euros

Outro dos aspectos destacados é o impacto da Covid. Durante o 2020, as ONGD galegas reforzaron a súa actividade en acción humanitaria e axuda de emerxencia, unha liña de acción que no informe anterior, de 2018, ocupaba a décima posición en canto aos esforzos investidos polas organizacións e que no 2020 sube ata a quinta, cun 13% de proxectos orientados a dar resposta ás crises humanitarias. Desenvolvéronse un total de 8 proxectos nesta área, 6 dos cales estiveron directamente orientados a paliar os efectos da COVID-19 en países empobrecidos e beneficiaron a preto de 80.000 persoas. Así mesmo, un dos sectores prioritarios de intervención dos proxectos foi o sector saúde (cun 32% dos proxectos centrados neste eido).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.