Tres estudantes do IV Seminario Xornalismo social e cooperación internacional impartido na USC atópanse en Marrocos para coñecer de primeira man a loita das organizacións locais a prol do desenvolvemento. A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) e a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) promoven esta iniciativa para sensibilizar as e os novos profesionais da comunicación sobre o seu papel na consecución dun mundo máis xusto.
O obxectivo é sensibilizar as e os novos profesionais da comunicación sobre o seu papel na consecución dun mundo máis xusto
Pepa Fontal (Sarria), Sara Torreiro (Arzúa) e Nuria R. Lago (A Coruña) resultaron seleccionadas para desprazarse a Nador e Tánxer canda a coordinadora da actividade en Agareso, Carmen Novas, e co apoio da delegación de ACPP en terreo. Alí están a coñecer e a visibilizar os proxectos apoiados por senllas entidades en materia de saúde, xénero, migracións, educación, medio ambiente, etc.
A expedición inciouse o 10 de agosto e durante os primeiros días na zona de Nador as mozas xornalistas tiveron a oportunidade de visitar centros de mulleres onde se traballa pola igualdade ou achegarse aos campamentos nos que as e os migrantes agardan para cruzar o Estreito. Tamén puideron coñecer iniciativas para dotar de auga corrente as vivendas ou para a comercialización de peixe en condicións hixiénicas. Todo isto da man de entidades locais coma Homme et Environnement e Asticude. Ata o vindeiro luns o equipo permanecerá en Tánxer para profundar coa ONG Ahlam sobre as intervencións nas áreas educativa e sanitaria.
Teñen previsto ademais achegarse ao traballo en materia de xénero de asociacións como 100% Mamans e Atawassoul, así como comprobar de primeira man a represión á que se está a someter a activistas que defenden os dereitos humanos
Entrevistaranse asemade con xornalistas e feministas. Teñen previsto ademais achegarse ao traballo en materia de xénero de asociacións como 100% Mamans e Atawassoul, así como comprobar de primeira man a represión á que se está a someter a activistas que defenden os dereitos humanos. As vivencias das tres comunicadoras plásmanse no blog De Nador a Tánger, dispoñible nesta ligazón. A través das súas reportaxes, entrevistas, fotografías e vídeos amósanse ao tempo os resultados da cooperación para o desenvolvemento en Marrocos.