As ONGD galegas impulsaron ao longo do ano 2017 68 proxectos de cooperación internacional en 23 países, principalmente en Centroamérica. Estas iniciativas, cun orzamentos duns 6,1 millóns de euros melloraron as condicións de vida de máis de 108.000 persoas, sobre todo mulleres, promovendo melloras na educación, a saúde e no acceso á auga potable e fortalecendo a defensa dos dereitos humanos.
Son as principais conclusións do Informe 2018 da Coordinadora Galega de ONGD. As ONGD no mundo, que se fixo público este mércores e que achega por primeira vez información sobre o traballo das organizacións galegas nos países empobrecidos, a súa base social e os fondos recibidos. Nesta ligazón poden consultarse os datos dos 68 proxectos de cooperación.
As ONGD galegas impulsaron ao longo do ano 2017 68 proxectos de cooperación internacional en 23 países, principalmente en Centroamérica
Guatemala é o país con máis presencia de ONGD galegas, un territorio cunha crise social e política cronificada no que as organizacións galegas traballan dende hai anos. En 2017, leváronse a cabo 11 proxectos cun custe de 4 millóns de euros que contribuíron a mellorar a vida de 32.000 persoas. Na lista de países con máis fondos executados en proxectos de cooperación, aparecen despois O Salvador, Nicaragua, Perú e Honduras. África é o destino do 24% dos proxectos e do 16% do orzamento, sobre todo en países como Guinea Bissau, Burkina Faso e República Democrática do Congo.
Unha masa social de 23.000 persoas en Galicia
A Coordinadora Galega de ONGD está formada por 46 ONG de Desenvolvemento que traballan en cooperación internacional, acción humanitaria e educación para o desenvolvemento e a cidadanía global. Na actualidade máis de 23.000 galegas e galegos colaboran de forma directa coas ONGD. 21.422 son persoas socias que pagan unha cota económica: e delas o 60% (12.849) son mulleres.
As mulleres son o 60% das persoas socias, o 68% das voluntarias e o 72% das traballadoras
Outras 1.628 persoas participan como voluntarias no día a día das organizacións analizadas no informe. Un 68 % son mulleres e o perfil máis habitual son mozas de entre 25 e 34 anos seguido das mulleres de máis de 55 anos. No caso dos homes, o perfil maioritario é de 55 anos en adiante.
105 persoas traballan nestas ONGD. De novo, as mulleres son as que teñen unha maior presencia nos postos remunerados: un 72 % fronte ao 28 % de homes. Tres de cada catro ONGD contan con persoal contratado en Galicia. As condicións laborais dos homes e das mulleres son parecidas: predominan os contratos temporais (54 % das mulleres; 52 % dos homes) e as xornadas parciais son maioría (55 % das mulleres; 59 % dos homes).
A gran feminización do sector non se ve reflectida nos postos de dirección: só a metade das presidencias e postos de máxima representación están ocupados por mulleres, unha proporción maior que noutros sectores pero que está por debaixo do peso real que elas teñen nas ONGD.
O efecto dos recortes
"Actualmente, o groso dos fondos que manexan as ONGD galegas depende máis da vontade individual da cidadanía galega que da vontade política das administracións públicas"
A evolución dos ingresos das ONGD veu marcada dende 2010 polos recortes nos orzamentos de Axuda Oficial ao Desenvolvemento das administracións públicas e, en menor medida, polos efectos da crise económica nas doazóns das persoas particulares. "Actualmente, o groso dos fondos que manexan as ONGD galegas depende máis da vontade individual da cidadanía galega que da vontade política das administracións públicas", destaca a Coordinadora. En 2016 as ONGD galegas ingresaron 10,7 millóns de euros, dos cales un 64 % proveu de fondos privados e un 36% de financiamento público, unha tendencia no reparto que se repite a nivel estatal.
Dende o 2009 os sucesivos orzamentos dos Gobernos encabezados por Núñez Feijoo reduciron significativamente os cartos dispoñibles para os proxectos galegos de cooperación: 9.7 millóns en 2010, 7.8 en 2011, 6.4 en 2012, ata chegar aos 4.1 millóns en 2013. Despois chegaron dous exercicios de conxelación e a partir do ano 2016 unha leve recuperación, ínfima en relación coa cantidade que fora recortata entres 2010 e 2013.