Un proxecto de cooperación galego que dificilmente se volverá repetir

Dominio Público Praza Pública

O proxecto Oxlajuj Tz’ikin desenvólvese en Guatemala, un dos doce países prioritarios para a Xunta en materia de cooperación. Precisamente de Cooperación Galega xurdiu a planificación en 2007, pero non foi ata 2009 cando se puxo en marcha. Trátase dun IDI -Intervención de Desenvolvemento Integral-, onde participan cinco ONGD galegas, nove locais, a administración galega e ministerios e municipalidades de Guatemala.

Moitos axentes para moitas patas do proxecto: educación, sanidade, vivenda, alimentación, cohesión indíxena, salubridade da auga, fortalecemento institucional e xestión de riscos, como as inundacións. “Pódese facer cooperación asistencial ou de microproxectos, pero coa cooperación en IDI trátase de repercutir na estrutura social e administrativa que provoca pobreza”, comenta María Paz, directora de Solidariedade Internacional de Galicia, unha das ONGD galegas que participan.

“Pódese facer cooperación asistencial ou de microproxectos, pero coa cooperación en IDI trátase de repercutir na estrutura social e administrativa que provoca pobreza”

En concreto, no proxecto hai involucradas 18 comunidades, con 8.000 destinatarios directos e 13.000 indirectos e desenvólvese nos municipios de Champerico e Retalhuleu, unha rexión cunha renda medio-baixa segundo os parámetros internacionais. Ante a pregunta de por que a Xunta decidiu intervir nesta rexión sen ser unha das máis deprimidas, a propia historia do proxecto despexa as dúbidas: entre as primeiras accións sobre o terreo estivo mellorar o porto da zona, unha vía de entrada para conserveiras e empresas pesqueiras como Calvo ou Pescanova.

Entre as primeiras accións sobre o terreo estivo mellorar o porto da zona, unha vía de entrada para conserveiras e empresas pesqueiras como Calvo ou Pescanova

Eses intereses comerciais tamén determinan que países son preferentes para o Goberno galego, ademais doutras razóns como a lingua ou a historia. “A cooperación bilateral vai sempre unida ás embaixadas e aos intereses patrios”, sinala Emmanuelle Lini, de Arquitectos sen Fronteiras, encargados da mellora das vivendas e da creación dunha fábrica de materiais de construción que garanta a continuación das melloras.
 

Os avances, en perigo

Precisamente é esa a preocupación das ONGD galegas que participan -xunto a SI e ASF, está Farmaceuticos Mundi, Educación sen Fronteiras e Acsur-, que tras finalizar o proxecto non se poida avanzar no conseguido. E iso está apunto de suceder. Aínda que o Goberno empezou a perfilar o proxecto en 2007, non foi ata 2009 cando se puxo en marcha e planificou un soporte económico para catro anos, o presente ano incluído. Unhas axudas que nun principio se calculaban en 5,5 millóns de euros, pero que a oito meses de finalizar este período as ONGD apenas recibiron pouco máis de tres.

Unhas axudas que nun principio se calculaban en 5,5 millóns de euros, pero que a oito meses de finalizar este período as ONGD apenas recibiron pouco máis de tres

Isto débese a que cando se incentivaron as Intervencións de Desenvolvemento Integral en 2006, contábase con manter o crecemento dos orzamentos dedicados a cooperación, que desde 2004 non deixaran de crecer. De 6.700.000 euros de 2006 a 11.600.000 euros de 2009, punto álxido da solidariedade gobernamental en Galicia. Xusto ese ano, a figura da IDI é retirada, pero o novo Goberno está obrigado a manter os proxectos que como o Oxlajuj Tz’ikin, xa estaban adxudicados.

A partir dese ano, a cooperación para o desenvolvemento comeza un declive non só monetario, senon tamén de categoría dentro da Xunta. Se co bipartito dependía directamente de Presidencia, en 2008 pasou a ser unha Secretaría Xeral e agora é unha subsecretaría dependente da Consellería de Presidencia. Non menos importante é a redución de fondos que sufriu: un 45% desde 2009. Actualmente o orzamento é de 6.600.000 euros e non se descarta que se modifique en función dos Orzamentos Xerais do Estado. En 2011 xa ocorreu que se foron modificando partidas ao longo do ano. “Todas as organizacións estamos en alerta, porque ninguén garante se se van a resolver as convocatorias de axudas tal e como están agora planteadas”, comenta María Paz, que ademais de dirixir SI forma parte da Coordinadora Galega de ONGDs.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.