"Unidos, os concellos temos moita capacidade de actuar en materia de cooperación"

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade celebra este xoves o seu vixésimo aniversario © Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade celebra esta semana os seus 20 anos de actividade. Esta entidade municipalista que agrupa concellos e deputacións provinciais de toda Galicia, naceu a finais de 1997 para impulsar dende as administracións locais, de forma cooperativa, proxectos de axuda ao desenvolvemento en todo o planeta. Dende entón levou a cabo máis de 150 proxectos en preto de 30 países, entre os que destacan Cabo Verde, Nicaragua, Cuba, Perú e, na actualidade, Mozambique. Hoxe o Fondo está integrado por 91 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo que traballan en rede para amplificar os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento e, ademais, levar a cabo un importante labor de sensibilización a prol da solidariedade internacional, a realidade do Sur, a equidade de xénero ou a situación das persoas migrantes e refuxiadas.

Coincidindo con este aniversario, o presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, vén de ser elixido presidente da Confederación estatal de Fondos de Cooperación

Coincidindo con este aniversario, o presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, vén de ser elixido presidente da Confederación estatal de Fondos de Cooperación, nunha xuntanza que tivo lugar este mércores pola tarde en Compostela e na que participaron representantes de Galicia, Euskadi, Andalucía, Estremadura, Cataluña, Valencia, Mallorca, Menorca e Eivisa.

Este xoves o Fondo conmemorará os seus vinte anos de andaina cun acto que combinará a reivindicación da loita contra a pobreza e a defensa dos Dereitos Humanos con actividades de carácter lúdico para concienciar fronte as desigualdades. Será ás 11 horas na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Ademais dos discursos oficiais a cargo a cargo de Juan González e da presidenta saínte da Confederación de Fondos, Meritxell Budó, entre outros, o evento contará coas intervencións da compañía de clown Pallasos en Rebeldía, que conducirá o acto, os contos da Tropa de Trapo, a lectura de poemas e relatos por parte da escritora Marilar Aleixandre ou a música de Batuko Tabanka. Falamos co presidente do Fondo Galego de Cooperación e, dende esta tarde, máximo responsable estatal.

Este xoves o Fondo conmemorará os seus vinte anos de andaina cun acto que combinará a reivindicación da loita contra a pobreza e a defensa dos Dereitos Humanos con actividades de carácter lúdico

Por qué e importante a existencia do Fondo?

É importante porque é a forma en que calquera concello, grande ou pequeno, pode facer accións de cooperación en países en desenvolvemento cun mínimo investimento.
Máis de 150 proxectos no exterior nestes 20 anos. Por separado sería imposible. Unidos, os concellos temos moita capacidade e posibilidades de actuar en materia de cooperación. E de facelo con accións reais en lugares que o necesitan moito, aos que podemos achegar moito. E tamén eles poden darnos moito a nós, hai moito que podemos aprender neste proceso. A cooperación e a solidariedade non funcionan só nunha dirección, nós non imos a eses países a ensinar, non somos mellores nin superiores que ninguén.

Vés de ser elixido esta tarde novo presidente da Confederación de Fondos a nivel estatal. Con que obxectivos comezas esta andaina? 

Dende Galicia imos achegar o noso gran de area para que a entidade siga traballando e o faga mellor se é posible. Este nomeamento é importante, pero non importante para min a nivel persoal, senón para o Fondo Galego. O importante é que todos os concellos que estamos adheridos ao Fondo Galego sexamos quen neste momento presidamos a cooperación a nivel español. É relevante porque nos vai dar máis forza e vai deixar ver que en Galicia estamos sensibilizados, que queremos desenvolver o noso territorio e ademais queremos axudar a que se desenvolvan outros. É un reto e unha responsabilidade. Imos aproveitar a oportunidade.

"É a forma en que calquera concello, grande ou pequeno, pode facer accións de cooperación en países en desenvolvemento cun mínimo investimento.
Máis de 150 proxectos no exterior nestes 20 anos"

O balance destes 20 anos é positivo, polo tanto?

"20 años no son nada", como di a canción. Pero hai que recoñecer sobre todo o labor de moita xente que traballou arreo para pór en marcha o Fondo. A conmemoración destes 20 anos é para celebrar a actividade da entidade para darlle as grazas a todas estas persoas que fixeron posible que hoxe o Fondo Galego sexa o que é e teña a importancia que ten e que xusto agora vaiamos acceder á presidencia estatal. Por exemplo, o labor de persoas como Xulio Ríos, que estivo sempre á fronte deste proxecto e segue estando aí, no IGADI, loitando para que o Fondo sexa unha realidade. É cousa da casualidade, pero a primeira reunión do Fondo Galego fíxose no Concello de Nigrán, na residencia de tempo libre de Panxón. 

Que se pode mellorar? No Fondo participan case un centro de concellos pero hai aínda moitos que non o fan, e tamén falta unha deputación...

Todo é mellorable. Nós sempre dicimos -e así llo comunicamos aos concellos- que estamos agardando cos brazos abertos a que máis localidades se incorporen ao Fondo. E tamén a única deputación que falta, a de Ourense, despois de que se incorporase a de Pontevedra o ano pasado. Cantos máis sexamos máis poderemos facer.

Ademais de impulsar proxectos en países en desenvolvemento, é importante tamén o traballo de sensibilización na propia Galicia? 

Calquera goberno local ten que ter como obxectivo a mellora da vida dos seus veciños, pero tamén a mellora da vida daquelas persoas que non teñen a sorte de vivir en países cunha situación coma a nosa. O que facemos tamén é sensibilizar na propia Galicia da necesidade de fortalecer a cooperación, de que con moi pouco podemos facer grandes cousas.

"A crise levou a unha redución moi importante dos fondos para cooperación de Xunta e Estado central, pero para o Fondo non supuxo gran cousa. A crise non nos paralizou porque somos moitos"

O discurso da cooperación e o financiamento público para estes proxectos resentíronse durante os peores anos da crise económica. Como enfrontou o Fondo esta situación? 

Para moita xente, sobre todo en época de crise, é difícil entender que a cooperación é tamén unha prioridade. Pero ao final necesítase moi pouco. Nigrán, un concello de case 20 mil habitantes, achega 2000 euros cada ano. Con esa cantidade tan reducida, que non supón desequilibrio de ningún tipo, dende Nigrán podemos facer cooperación internacional e ademais recibir xente do exterior que nos pode ensinar moitas cousas, facer actividades de sensibilización... E concellos máis pequenos acceden a isto con moito menos investimento. É certo que a crise levou a unha redución moi importante dos fondos para cooperación de Xunta e Estado central, pero para os concellos adheridos ao Fondo en realidade non supuxo gran cousa, e puidemos seguir facendo cooperación. A crise non nos paralizou porque somos moitos.

 

Juan González, alcalde de Nigrán CC-BY-SA Mrvalmi
Cartel dos actos de celebración do 20 aniversario © Fondo Galego
Xuntanza da Confederación Estatal de Fondos, este mércores en Compostela © Fondo Galego de Cooperación

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.