"A mellor e máis eficiente forma de colaborar coa poboación ucraína é a través das ONGD que están a traballar na zona"
Nas últimas dúas semanas son moitas as iniciativas en marcha en Galicia para apoiar á poboación ucraína que foxe da guerra, enviar alimentos, roupa de abrigo, doazóns económicas e outros elementos de axuda. Tamén se reiteran os chamamentos para que o noso país acolla a amplos contixentes de persoas refuxiadas das case que 1,7 millóns que tiveron que abandonar os seus fogares dende o inicio dos enfrontamentos.
Porén, as ONGs advirten de que non todas as iniciativas de apoio son efectivas e realizan unha serie de recomendacións para que as persoas que queiran axudar o fagan da mellor maneira posible. O obxectivo da Coordinadora Galega de ONGD é conseguir "máis eficiencia nas súas accións solidarias" e subliña que "a mellor e máis eficiente forma de colaborar coa poboación ucraína é a través das ONGD que están a traballar na zona". As ONGD fortalecen ás organizacións locais e as súas capacidades e son quen mellor coñecen o contexto.
"É probable que na túa cidade exista algunha asociación de Ucraína. Contacta con ela e coñece as súas necesidades", recomenda
A entidade lembra que varias ONGD galegas xa están levando a cabo accións de axuda en diversos ámbitos (saúde, infancia, refuxio, acompañamento, alimentación…) nas fronteiras de Ucraína e cos seus países veciños. Agora mesmo, Médicos do Mundo, Entreculturas, Farmamundi, Axuda en Acción ou Educo, xunto as súas ONG amigas na zona, teñen equipos traballando nesta emerxencia.
A Coordinadora destaca que "a boa vontade non é suficiente" e que se alguén quere apoiar debe comprobar "que opta pola opción máis axeitada". "É probable que na túa cidade exista algunha asociación de Ucraína. Contacta con ela e coñece as súas necesidades", recomenda. Ademais, piden que "non se precipite a decisión". "Contrasta e elixe unha vez teñas distintas opcións", engade.
A primeira recomendación é facer achegas económicas en non en especie
A primeira recomendación é facer achegas económicas en non en especie. Os bens doados en especie en Galicia poden non ser axeitados ás necesidades da poboación e á situación humanitaria e loxística no terreo, que pode variar rapidamente en situacións de crise e debe ser avaliada constantemente, explica a Coordinadora. Ademais, supoñen custos e dificultades administrativas e loxísticas adicionais (necesidade de embalaxe, trámites nas alfándegas suplementarios, datas de caducidade…).
Polo tanto, resulta máis práctico comprar materiais sobre o terreo que activen a economía e emprego locais ou facendo uso de kits de resposta humanitarios estandarizados, no caso de que os produtos necesitados non estean dispoñibles localmente ou en países veciños. Así mesmo, no caso das medicinas é imprescindible respectar as regulamentacións internacionais para o seu envío e distribución.
A Coordinadora é tallante en que "a adopción de meniños e meniñas non é unha opción" pois "os esforzos céntranse en atendelos no propio terreo e en reagrupalos/as coas súas familias"
De igual xeito a Coordinadora é tallante en que "a adopción de meniños e meniñas non é unha opción" pois "os esforzos céntranse en atendelos no propio terreo e en reagrupalos/as coas súas familias". A entidade explica que "a acollida de persoas refuxiadas require dunha serie de procesos para garantir que non se vulneran os dereitos das persoas, que reciben á atención legal necesaria e que son conscientes de a onde se dirixen e cales van a ser as condicións a súa chegada". "Os gobernos e as ONGS son quen teñen os recursos para garantir o traslado e acollida das persoas refuxiadas", engade.
Finalmente, a Coordinadora fai un chamamento a que a xente se asegure de que as fontes de información que utilizan "son serias e honestas". "Non compartas bulos ou informacións que alimenten os discursos de odio ou novas falsas", rematan.