"Esiximos o cesamento do fogo inmediato, a retirada das tropas invasoras e a acollida urxente de persoas refuxiadas. De todas as persoas refuxiadas”, dicía o manifesto lido por Xurxo Souto
Unha masiva concentración esixiu este domingo na Coruña a fin da guerra en Ucraína, a retirada das tropas rusas e a procura dunha saída negociada "que impida máis dor, mortes e desprazamentos" naquel país. Varios centos de persoas (tres mil segundo a organización) atenderon no Obelisco a convocatoria lanzada polo movemento Acampa, que nos últimos días reuniu ao redor da súa proposta a unha corentena de organizacións sociais, políticas e sindicais.
Xurxo Souto foi o encargado de ler o manifesto acordado previamente por estas entidades, denunciando que “novamente temos que lamentar o horror de persoas mortas, sufrimento e desprazamentos masivos! Condenamos a intervención militar rusa en Ucraína. Opoñémonos a esta dinámica criminal. Esiximos aos gobernos de Rusia, Ucraína, EEUU e Europa a que senten a negociar a Paz de maneira inmediata, evitando o sufrimento innecesario da poboación". "Esiximos o cesamento do fogo inmediato, a retirada das tropas invasoras e a acollida urxente de persoas refuxiadas. De todas as persoas refuxiadas”, engadiu.
Nos días previos Acampa fixera un chamamento á sociedade civil da comarca da Coruña, sinalando que a cidadanía "ten que mostrar o rexeitamento á violencia en Ucraína, onde outra vez o pobo está a pagar coa súa vida polos intereses dos seus dirixentes".
Na concentración participou activamente un gran número de integrantes da comunidade ucraína da Coruña
Na concentración participou activamente un gran número de integrantes da comunidade ucraína da Coruña. Neste senso, Acampa fai un chamamento a colaborar no envío de axuda humanitaria a aquel país e recomenda a consulta dunha páxina web na que se detallan todas as organizacións e recursos que neste momento están en marcha para o envío de axuda. No Obelisco víronse faixas levadas por este grupo de ucraínos nas que se podía ler "non á guerra", "viva Ucraína" ou "parade a Putin".
A mobilización e o manifesto foron apoiados por máis de 40 entidades
A mobilización e o manifesto foron apoiados por máis de 40 entidades, entre as que están forzas políticas (PSOE, Marea Atlántica, BNG, Podemos, Esquerda Unida ou Equo), sindicatos (CIG, CCOO, UGT ou CGT), asociacións de veciños e outras organizacións, como a Coordinadora Galega de ONGs ou o Foro Galego de Inmigración.