"Un ritmo extraordinario de desprazamentos". É como define a ACNUR, a axencia das Nacións Unidas para as persoas refuxiadas, o éxodo masivo que está a producirse na Ucraína dende que, hai unha semana, principiou a invasión rusa dese país e estourou o actual escenario de guerra. O alto comisionado da ONU neste eido, Filippo Grandi, sinala que "en só sete días", o departamento que dirixe xa ten documentado que arredor dun millón de persoas "fuxiron da Ucraína, desarraigadas por esta guerra sen sentido". A maioría son mulleres e menores de idade, dado que o groso da poboación masculina ten impedida a saída por parte do Estado ucraíno para a súa eventual incorporación á guerra.
"Levo case 40 anos traballando en emerxencias de refuxiados, rara vez vin un éxodo tan rápido", mantén o alto comisionado da ONU para as persoas refuxiadas
"Levo case 40 anos traballando en emerxencias de refuxiados e rara vez vin un éxodo tan rápido coma este", mantén Grandi en declaracións divulgadas pola ACNUR, quen advirte de que a "aterradora realidade da violencia" que se vive na Ucraína provoca que "hora a hora, minuto a minuto, teñan que fuxir máis persoas". "Agás que se poña fin ao conflito de forma inmediata", acrecenta, "é probable" que estas cifras se incrementen en "máis millóns de persoas".
Dentro da emerxencia humanitaria provocada pola invasión e a guerra, ACNUR agradece "a resposta dos gobernos e das comunidades locais para recibir este millón de refuxiados". "A solidariedade é reconfortante e conmovedora, pero nada pode substituír a necesidade de silenciar as armas" e de que "o diálogo e a diplomacia teñan éxito". "A paz é a única forma de deter esta traxedia", conclúe.
En apenas cinco días unhas 300.000 persoas xa cruzaran a Polonia. En Galicia, a Xunta amosouse favorable a acoller refuxiados e, no eido local, a Fegamp e o Eixo Atlántico están a coordinar a asistencia dos concellos
Unha parte relevante deses desprazamentos diríxense cara a territorio da Unión Europea pola fronteira con Polonia, autoridades ambas -comunitarias e máis aínda, as polacas-, que en anteriores crises humanitarias puxeran notables atrancos á acollida de persoas refuxiadas procedentes doutros escenarios de guerra, caso da Siria. Segundo datos da propia ACNUR, nos primeiros cinco días tras o comezo da invasión ordenada por Vladimir Putin, "máis de 280.000 persoas buscaran seguridade na veciña Polonia" a través de oito puntos fronteirizos.
A ACNUR, noutra nota oficial, agradece tamén a implicación da veciñanza das localidades fronteirizas, alén das medidas oficiais. Isto sucede, asegura, tanto ao longo da "fronteira de 500 quilómetros de Polonia coa Ucraína"; pero tamén en localidades máis afastadas, como Lublin, "onde hai un pequeno centro da Cruz Vermella inzado de doazóns de persoas que desexan axudar. Tamén existen, non obstante, desprazamentos dentro da propia Ucraína, milleiros de casos coma o de Tatiana Hunko, que compartiu o seu testemuño con Praza.gal.
Aínda que obviamente en menor medida, a asistencia ás persoas refuxiadas da Ucraína está a ter tamén eco en Galicia. Como en anteriores situacións -caso de Siria ou Afganistán, entre outras-, o Goberno galego amosouse favorable á acollida de refuxiados en coordinación co Estado. Dende o eido local, máis dunha vintena de municipios do Eixo Atlántico de Galicia e Norte de Portugal -que actualmente ten como presidenta á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez- ofrecéronse para a acollida. Na mesma liña, a Federación Galega de Municipios e Provincias canaliza xa a axuda a Ucraína dos concellos galegos, aos que solicita desde aloxamento ata o envío de bens de primeira necesidade.