LESBOS - Enviados especiais
A dez quilómetros de Mitilene, vila máis poboada da illa de Lesbos, sitúase Moria, un Centro de Detención para Refuxiadas e Migrantes de titularidade europea e que hoxe xestiona o exército grego. O sol estampilla con temperaturas de máis de 40 graos. Nos arredores, só un deserto de oliveiras. Na entrada, tres postos de comida que teñen como únicas clientas ás refuxiadas do campo. Todo isto rodeado por arames de catro metros de altura de espiño e concentinas.
Todas as persoas que chegan de maneira irregular a Lesbos e non son casos vulnerables, permanecen detidas 20 días en Moria
Despois do Tratado entre a UE e Turquía o pasado marzo, todas as persoas que chegan de maneira irregular á illa de Lesbos e non están consideradas casos vulnerables son detidas durante 20 días en Moria. Unha vez transcorre este período, son postas en liberdade a condición de solicitar asilo nalgún Estado membro da UE ou deportadas a Turquía nas seguintes 24 horas.
Moria é coñecido internacionalmente como un punto negro no cumprimento dos dereitos humanos. O recinto ten capacidade para 2.500 persoas pero na actualidade hai máis de 3.600 vivindo en condicións inhumanas. Moitas veces non hai auga potable. Isto implica que, a pesar das altas temperaturas, moitas refuxiadas non poden beber cando o precisan. Tampouco poden usar as duchas. A comida é de mala calidade, repetitiva e non hai racións para todas. Tampouco hai latrinas suficientes. A opacidade con respecto ao que sucede no interior é total e ademais, o acceso está extremadamente limitado, mesmo para as OINGs e voluntarias. Esta circunstancia de extrema vulneración dos dereitos das solicitantes de asilo levou moitas axencias internacionais de axuda humanitaria como Médicos Sen Fronteiras ou ACNUR a abandonar o campo o pasado mes de xuño.
O recinto é para 2.500 persoas pero hai máis de 3.600 en condicións inhumanas: falta auga potable, non se poden usar as duchas e a comida é de mala calidade
As súas habitantes, aproveitan calquera visita de voluntarias ou xornalistas para denunciar as condicións de vida que existen no interior. Ahamad Shaka, refuxiado afgá leva 5 meses vivindo no recinto. “Somos refuxiadas non terroristas. Non cometemos ningún delito. Trátannos peor que animais. Por que nos teñen aquí?” declara a este xornal. “Hai pelexas diarias. A xente está moi tensa. Non comemos ben. Non podemos durmir polo calor que fai nas tendas. Aquí non somos seres humanos”.
“Somos refuxiadas non terroristas. Non cometemos ningún delito. Trátannos peor que animais. Por que nos teñen aquí?”
Testemuñas como as de Ahmad cóntanse por miles e ninguén fai nada. Refuxiadas e OINGs denuncian publicamente a situación de “políticas de segregación e políticas contrarias aos dereitos das solicitantes de asilo” como afirma Roberto Buttiglion, responsable do equipo loxístico de Médicos sen Fronteiras en Lesbos. Mentres, a UE e o Goberno grego pásanse a pelota sobre a responsabilidade da situación.
Un día máis, miles de persoas pasarán o día e a noite en Moria ante a pasividade e o desinterese das autoridades gregas e europeas facendo revivir estampas máis propias dun campo de concentración da Alemaña nazi que dun centro de acollida de persoas refuxiadas na UE. As fotografías que acompañan a información foron tiradas polos propios refuxiados dentro do campo.