Este mércores ao mediodía aterrou no aeroporto de Barajas un avión no que viaxaban dez persoas (dous homes, dúas mulleres e seis menores de idade) de nacionalidade siria ás que España concedeu asilo. Proceden dun campo do Líbano e serán acollidas a partes iguais entre Ourense e Zamora. Recibirán aloxamento, manutención, asistencia xurídica e psicolóxica, acompañamento a centros escolares, sanitarios e sociais, aprendizaxe do idioma e orientación para a súa formación profesional e reinserción laboral. Con estas 5 persoas elévase a 16 o número total de vítimas do conflito sirio que reciben asilo no territorio galego, despois de que o pasado mes de agosto chegasen outras 11 persoas, dúas familias con sete menores de idade, que se instalaron en Sarria.
En agosto chegaron outras 11 persoas, dúas familias con sete menores de idade, que se instalaron en Sarria
O número total de persoas reasentadas e reubicadas en España é de 687, en concreto 398 vía reubicación (procedentes doutros países da UE, sobre todo Grecia e Italia) e 289 vía reasentamento (procedentes doutros países, nomeadamente de Turquía e do Líbano). As previsións do Ministerio do Interior son que a finais deste 2016 se chegue a 900 persoas refuxiadas reubicadas en España, e outras 854 reasentadas. Algo que semella difícil de cumprir.
A cifra está moi lonxe de calquera dos compromisos adquiridos por España nos últimos meses ante a crise humanitaria xerada pola guerra en Siria
A cifra está ademais moi lonxe de calquera dos compromisos adquiridos por España nos últimos meses ante a crise humanitaria xerada pola guerra en Siria. Nun comezo, nun contexto de preocupación internacional polo que estaba a suceder, barallouse a cifra de 16.231 persoas, a parte proporcional que lle correspondería sobre as ao redor de 160 mil que a UE no seu conxunto prevía recibir. En dous Consellos europeos (20 de xullo e 22 de setembro de 2015) España aceptou recibir 1.300 e 8.023 persoas que xa se atopaban dentro das fronteiras dos 27. De igual xeito, aceptou reasentar 1.449 persoas en dous anos. En total, case 11 mil, unhas cifras moi cativas en comparación cos centos de milleiros que viven en Turquía, Xordania, Líbano ou Irak, coas chegadas a Grecia ou Alemaña ou mesmo coas 25 mil que xa acolleu Canadá (que prevé duplicar esta cifra nos vindeiros meses). E que, ademais, non se fixeron efectivas.