Máis de vinte cidades do Eixo ofrecéronse xa para a acollida, na que se priorizarán os reagrupamentos familiares con ucraínos asentados en Galicia e Portugal
Máis de vinte cidades do Eixo Atlántico ofrecéronse xa para acoller persoas refuxiadas da guerra de Ucraína. A asociación de concellos transfronteirizos asegura que ata este mércores a mediodía foran xa 22 os municipios que manifestaran a súa dispoñibilidade, aínda que se prevé que sexan máis os que o fagan nas vindeiras horas.
O Eixo Atlántico lembra que nas cidades galegas e do norte de Portugal xa viven un "número elevado" de ccidadáns ucraínos "perfectamente integrados", polo que se "priorizarán" os reagrupamentos familiares na acollida.

A presidenta do Eixo Atlántico e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou que este mércores tiña previsto contactar coas embaixadas de Ucraína en Portugal e España, así como co presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e primeiro ministro portugués, António Costa, para trasladarlles a disposición das cidades con capacidade para acoller persoas refuxiadas.
A Xunta traslada ao Goberno central a súa "total dispoñibilidade" para a acollida de menores ucraínos
"A rapidez coa que se están sucedendo os acontecimientos, a intolerable acción de Rusia e o elevado número de refuxiados que están fuxindo de Ucraína en menos dunha semana de conflito fixeron preciso que as cidades europeas responderan rapidamente para evitar o colapso dos servizos nos países limítrofes que se están prestando a iso", di o Eixo Atlántico.
Ademais, a Xunta trasladou tamén ao Goberno central a súa "total dispoñibilidade" para colaborar no acollemento de menores de Ucraína e a Consellería de Política Social ofreceuse a achegar todos os recursos á súa disposición. Nunha carta dirixida ao Executivo central, o departamento que dirixe Fabiola García ofrécese a colaborar no caso de que o Estado active algún mecanismo para a "chegada á nosa terra daqueles nenos, nenas e adolescentes do sistema de protección de Ucraína que, dada a situación de emerxencia que vive o país, sexa necesario trasladar a España”.
Ademais, Galicia trasladará tamén unha listaxe de recursos dos que dispón para acoller persoas refuxiadas tras poñer xa á súa disposición 432 camas nas sete áreas sanitarias galegas para prestar asistencia á poboación de Ucraína.
A Xunta, por outra banda, reclama que toda a axuda sexa coordinada desde o Executivo central e propón a apertura dun mecanismo permanente de coordinación para o envío de axuda humanitaria.
A Fegamp canaliza xa a axuda dos concellos galegos a Ucraína, aos que solicita desde aloxamento ata o envío de bens de primeira necesidade
Ademais, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) canaliza xa a axuda dos concellos galegos e tramita a primeira relación de axuda humanitaria dos concellos galegos ao pobo ucraíno, dentro da coordinación determinada polo Goberno do Estado en colaboración coa Xunta.
A Fegamp puxo a disposición do Goberno do Estado o mesmo operativo que empregou na organización de axuda solidaria aos afgáns ou na coordinación de material durante a pandemia, segundo destaca a propia Federación. Nesta ocasión, ademais de aloxamento, solicítase tamén o entívo de todo tipo de doazóns e bens de primeira necesidade ou medicinas, así como atención sanitaria, escolarización, ensino do idioma ou atención psicosocial no caso de acollida.