Un panorama inédito e unha fronte bélica entre ecos da guerra fría. A Unión Europea acentúa a gravidade da súa resposta á invasión rusa da Ucraína no fondo e tamén nas formas, cunha comparecencia en domingo da presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, e mais do máximo responsable da política exterior da Unión, Josep Borrell. Ambos expuxeron que as sancións económicas e financeiras contra intereses rusos van agora acompañadas do financiamento para o esforzo de guerra ucraíno mentres Rusia exhibe a súa alerta nuclear.
Como informa o correspondente de elDiario.es en Bruxelas, Andrés Gil, o acordo dos 27 Estados membros da UE concrétase en destinar 450 millóns de euros -dunha partida xa existente nos Orzamentos comunitarios- para que Ucraína poida adquirir armas "letais". Ademais, achegará 50 millóns adicionais para que ese país poida abonar custos de subministros non directamente armamentísticos, coma o combustible.
Pero tamén hai outras derivadas militares. "Imos proporcionar armas; non só munición, tamén cazas", concretou Borrell, na liña do avanzado tamén polo presidente do Consello Europeo, Charles Michel. Defende Borrell que este é un "momento decisivo para Europa" e nese contexto encadra tamén outra das medidas anunciadas tamén pola Comisión, que Von der Leyen equipara con accións como veto aos voos rusos no espazo aéreo da UE: "Nun paso sen precedentes, imos vetar na UE a maquinaria mediática do Kremlin".
Xunto ás sancións financeiras e á asistencia para equipamento militar, a UE anuncia o veto ás emisións das televisións estatais rusas en territorio comunitario
Ese anuncio, avanzou a presidenta da Comisión, concrétase da cancelación das emisións dos medios estatais rusos en territorio da Unión. "Es estatais Russia Today e Sputnik" e as súas filiais "non van poder espallara súas mentiras para xustificar a guerra de Putin" e, di Von de Leyen, propiciar a "división" en Europa. Segundo Borrell, "consideramos que son fontes de desinformación e lavado de cerebro" e "queremos loitar contra iso", remarcou a preguntas da prensa.
Estas represalias pola invasión rusa de Ucraína engádense ás sancións de tipo financeiro. A UE subliña que "a metade das reservas financeiras do Banco Central de Rusia están en bancos do G7 (Canadá, Francia, Alemaña, Italia, Xapón, Reino Unido e os EUA)" e iso amosa o potencial duns bloqueos aos que se engade a expulsión dalgúns bancos rusos do sistema de comunicación financeira Swift.
Todo isto sucede mentres, da outra banda, o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, confirmaba que haberá unha xuntanza entre delegacións negociadoras do seu país e Rusia na fronteira ucraíno-bielorrusa, na beira do río Prípiat, se ben amosa escasa confianza nos seus posibles resultados. Ao tempo, o Kremlin difundía, a través dunha mensaxe televisada do propio Putin, que decidiu "trasladar as forzas de disuasión de Rusia a un réxime de servizo especial de combate", o cal inclúe o arsenal nuclear. Entrarían en xogo no caso dunha teórica agresión.