Paula Prado (PP) anima a "condenar rotundamente o réxime comunista soviético de Putin e o seu interese por volver á antiga URSS"
Cos tres grupos do Parlamento negociando aínda unha declaración institucional de condena e logo da presentación dunha proposta por parte do PSdeG, o PP atribúe a invasión de Ucraína por parte de Rusia á Unión Soviética, máis de tres décadas despois da súa fin.
Fíxoo a vicevoceira do Grupo Popular, Paula Prado, en rolda de prensa tras a xunta de portavoces. Animou a "condenar rotundamente o réxime comunista soviético de Putin e o seu interese por voltar á antiga URSS, vulnerando deste xeito a liberdade e soberanía do pobo ucraíno".
"A verdade é que os comunistas están invadindo un pobo soberano e libre como é Ucraína", di a viceportavoz do Grupo Popular
Nun intento por furgar en posibles desencontros internos no BNG -cuxa portavoz nacional, Ana Pontón, reiterou este luns a súa "condena rotunda á cruenta invasión de Ucraína"-, Paula Prado pediu ao Bloque "altura de miras" e o "apoio" ao texto que agora se negocia. "Agardamos que non faga coma sempre unha política cativa por non apoiar o pobo ucraíno para non dicir a verdade, e a verdade é que os comunistas están invadindo un pobo soberano e libre como é Ucraína". Putin lidera o partido ultraconservador Rusia Unida, co que chegaron a ter contacto directo membros do PP español en diversas ocasións.
Paula Prado asegurou, ademais, que o debate sobre a declaración institucional que pretenden pactar os tres partidos a partir dunha proposta do PSdeG é "cuestión de matices", pero advirte de que o PP cre "importante citar as bases da Constitución Española e da OTAN".
As declaracións institucionais que o PSdeG impulsará nos concellos galegos, anunciadas este martes polo seu secretario xeral, Valentín González Formoso, e a aprobada xa na Deputación da Coruña, lembran que a invasión de Ucraína por parte de Rusia é “unha agresión a un país soberano” e alertan de que pode virar nunha "traxedia humanitaria na zona e en Europa”. Ademais, reclámase o inmediato alto ao fogo e a retirada das tropas rusas do territorio ucraíno, “o respecto ao dereito internacional, aos dereitos humanos e aos Acordos de Minsk” e chama “a traballar pola resolución do conflito no marco da ONU e da OSCE” e ao “retorno á vía diplomática como única fórmula para resolver as diferenzas para acadar acordos de paz duradeiros”.
Desde o BNG, o seu viceportavoz parlamentario, Manu Lourenzo, volveu este martes amosar a súa "condena rotunda á invasión de Ucraína" e a mostrar a "solidariedade do BNG con toda a súa poboación". En días previos, e tras algunha diferenza interna sobre a primeira reacción á invasión rusa, a voceira nacional, Ana Pontón, insistira na idea e tamén na busca dunha solución impulsada pola ONU e a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) que, dixo, "deben frear este conflito".
Desde o PSdeG, González Formoso denuncia a intervención rusa como unha “violación flagrante do dereito internacional, da soberanía nacional e da integridade territorial de Ucraína” e polo que supón de “ataque frontal aos principios e aos valores –sinaladamente o compromiso coa paz- que teñen proporcionado anos de estabilidade e prosperidade en Europa”.