"Putin busca reconstruír a área de influencia da Rusia imperial e cambiar unha orde global que considera inxusta"

Carro blindado destruído na batalla de Konotop CC-BY-SA ZomBear

A invasión rusa en Ucraína dura xa máis dunha semana, provocando xa unha gran cantidade de mortes e ao redor dun millón de persoas refuxiadas noutros países. Aínda que as tropas rusas realizaron avances no sur do país e nas proximidades de Kiev, o exército ucraíno está a amosar unha resistencia superior á esperada. Aínda que os países da OTAN e da UE deixaron claro que en ningún caso enviarán soldados ao territorio ucraíno, si que están a remitir unha importante axuda militar e de armamento, ademais de sancións económicas a Rusia das que, de momento, fica fóra o gas natural e o petróleo, que seguen a ser adquiridos pola UE a Moscova, a un prezo moi superior ao anterior ao inicio da guerra.

Falamos sobre o contexto que levou á acción militar co historiador Xosé Manoel Núñez Seixas, catedrático da USC e experto na análise comparada e transnacional dos nacionalismos subestatais e estatais europeos. No ano 2019 foi galardoado no Premio Nacional de Ensaio do Ministerio de Cultura e hai uns meses recibiu o V Premio Internacionald de Ensaio Memorial Walter Benjamin por Volver a Stalingrado. La guerra germano-soviética en la memoria europea (1945-2021).

"Putin busca reconstruír algo semellante a unha área de influencia da Rusia imperial, cambiar unha orde global que considera inxusta e humillar a Occidente"

Que busca Rusia coa invasión de Ucraína? Os seus obxectivos redúcense ao Donbas ou ao control do país, ou van mesmo máis aló, cunha chamada de atención á OTAN?

Parece que aquí Putin aproveitou un momento que el xulga de debilidade de Occidente, de división da UE e de liderados febles nos Estados Unidos, para levar a cabo unha acción que no longo prazo buscaría reconstruír algo semellante a unha área de influencia da Rusia imperial. Non xa da URSS, que era a continuación da Rusia dos zares, senón do que el considera que é o espazo histórico de Rusia, anexionando territorios e establecendo unha serie de estados títere ao seu redor. Isto creo que é a principal razón da guerra. Todo o demais: o incumprimento dos acordos de Minsk, a desnazificación de Ucraína ou o evitar o suposto xenocidio da poboación rusa no Donbas e en Crimea... todo iso son escusas, porque o obxectivo real é cambiar unha orde global que Putin considera inxusta, evitar que en Ucraína se constrúa unha democracia e, ademais, humillar a Occidente.

Poboación ucraína buscando refuxio nunha estación de metro en Kiev CC-BY-SA

"Rusia pode gañar a guerra, pero o que non pasou foi que os ucraínos, mesmo os rusófonos, aclamasen os rusos como liberadores"

Daquela, Putin decide lanzar agora este ataque porque considerou que contaba cun contexto favorable?

Si, el xulgaba favorable o contexto e consideraba que os custos agora serían menores que noutro momento. Hai que ter en conta que estamos no inverno e que Europa central depende do gas ruso. Paréceme en todo caso un paso moi arriscado que fundaba parte das súas perspectivas de éxito en que a ocupación de Ucraína ía ser moito máis rápida e que a resistencia dos ucraínos non ía ser tan enconada. Rusia pode gañar a guerra, pero o que non pasou foi que os ucraínos, mesmo os rusófonos, aclamasen os rusos como liberadores. Todo o que vai á guerra sempre vai pensando que vai gañar, que vai ser curta e que vai ter poucas consecuencias negativas para el. Pero ningunha guerra é así, as 'pequenas guerras espléndidas', como din os ingleses haiche moi poucas e esta non vai ser unha delas.

"Os seus plans pasan por anexionar Crimea, as rexións do Donbas e pode que algunha máis. E por converter o resto de Ucraína nunha sorte de estado títere cun autócrata á súa fronte, como é hoxe Bielorrusia"

Os plans de Rusia pasan pola ocupación e o control da totalidade da Ucraína, aínda que Putin rexeite publicamente esta posibilidade?

Eu penso que os seus plans pasan por anexionar de dereito non só as partes que xa ten anexionadas de feito como Crimea, senón tamén as rexións do Donbas e pode que algunha máis. E por converter o resto de Ucraína nunha sorte de estado títere cun autócrata á súa fronte, como é hoxe Bielorrusia. Creo que unha ocupación permanente do conxunto de Ucraína se podería enquistar, Rusia atoparía unha forte resistencia e podería converterse nun Afganistán multiplicado por dez. Suporía unha guerra de desgaste con enormes custos para toda Europa, pero sobre todo para Rusia.

Nese obxectivo de reforzar o dominio sobre a súa área de influencia, pode Rusia a medio prazo exercer presión ou mesmo invadir outros países, coma os estados bálticos ou outras zonas no Cáucaso ou Asia central?

Os países bálticos forman parte da OTAN e invadilos suporía declararlle a guerra directamente á OTAN e non sei se Putin daría ese paso. Si que podería dar algún paso máis no Cáucaso, en Asia Central ou pode que en Moldavia. A historia amósanos que rara vez que un autócrata que quere espallar a súa área de influencia decide parar se ten éxito.

Xosé Manoel Núñez Seixas © Universidade de Lisboa

"As sancións non van golpear tan forte nas arcas do Estado ruso. O fundamental é se Europa lle segue mercando a Rusia gas e petróleo ou non"

A expansión da OTAN cara ao leste, a pesar de prometer en varias ocasións que frearía este avance pode explicar a actual invasión de Ucraína?

Si, pero nada disto se pode entender como unha provocación da OTAN e o respecto á soberanía dos Estados está por riba do desexo de manter unhas determinadas áreas de influencia. Hai que ter en conta que os estados bálticos, Polonia e mesmo Xeorxia pediron entrar na OTAN como un paraugas para evitar precisamente o que hoxe está a acontecer en Ucraína. Non porque quixesen atacar a Rusia, ninguén está pensando en invadir Rusia.

As sancións económicas impostas pola UE e os Estados Unidos a Rusia poden ter efectos importantes?

As sancións van ter efectos a curto e medio prazo na vida da xente. A min coméntanme casos de alumnos e alumnas Erasmus de Rusia que están tendo problemas para sacar diñeiro porque os seus bancos en Rusia están bloqueados. Pero non van golpear tan forte nas arcas do Estado ruso. O fundamental é se Europa lle segue mercando a Rusia gas e petróleo ou non, porque esta é a súa fonte principal de divisas. De momento o gasoduto non se pecha, porque Occidente dáse conta que as consecuencias negativas para Europa serían bastante duras de facelo. Creo que Putin xa contaba con todas estas sancións e conta con reservas. Ademais, pode atopar novos mercados na China e noutros países. 

"Ucraína busca manter unha resistencia feroz que lle faga pagar caro a Putin a invasión e que antes ou despois o force a negociar"

Pero unha cousa é un cálculo para unha guerra que dura un mes e outra é un cálculo para unha guerra que dure cinco meses e as guerras son terriblemente custosas. Xa dicía Napoleón que para gañar unha guerra fan falla tres cousas: diñeiro, diñeiro e diñeiro. E esa é a carta que está xogando Ucraína: manter unha resistencia feroz que lle faga pagar caro a Putin a invasión e que antes ou despois o force a negociar, pero negociar de verdade, non o que vimos nos últimos días nesas conversas que tiveron lugar coas armas aínda disparando..

Situación da guerra en Ucraína, este domingo 6 de marzo CC-BY-SA Viewsridge

Que papel pode xogar China? Pode aproveitar o actual contexto para levar a cabo unha invasión de Taiwan?

China de momento está a poñerse de perfil. Teño a impresión de que eles están sobre todo interesados en que se respecte a súa política interior. Afirman que hai que respectar a soberanía dos estados do mundo e eles o que queren é facer negocios, que é o que garante o seu crecemento. E non hai nada tan prexudicial para maior parte dos negocios que a guerra e a inestabilidade das fronteiras. Efectivamente, está o tema de Taiwan. É un tema no que todo o mundo evita anoxar a China, non recoñecendo á illa. E China pode tomar nota do que está a facer Rusia para a posteriori facer o mesmo con Taiwan e invadilo. A resposta de Occidente sería dende logo menor, sobre todo porque Taiwan fica lonxe e en cambio Ucraína é unha guerra en Europa onde morren homes brancos

"Chama a atención que, ante a ameaza rusa, países que estaban a ter unha relación difícil coa UE, como Hungría e Polonia, se súpeto únense contra un inimigo común, a pesar de que Orban ten máis en común con Putin que con Macron"

Manterase a unidade de acción amosada ata agora polos países da UE, que ata hai unhas semanas mantiñan posicións moi diferentes sobre a política a seguir con Rusia?

Estar en contra de algo é máis doado que estar a prol de algo, sobre todo se do que se trata é de estar en contra dunha invasión militar, con morte de civís e milleiros de refuxiados. Vémolo por exemplo coa cuestión de aceptar a integración de Ucraína na UE, algo que seguramente contará con moitas reticencias, porque falaríamos dunha partilla diferente dos recursos, de pagar a reconstrución do país... Pero si chama a atención que, ante a ameaza rusa, países que estaban a ter unha relación difícil coa UE, como Hungría e Polonia, se súpeto únense contra un inimigo común, a pesar de que Orban ten máis en común con Putin que con Macron. Pero hai unha certa memoria histórica de que unha Rusia forte é unha ameaza para eses países.

Vehículos destruídos na estrada entre Kharkov e Kiev CC-BY-SA Viewsridge

"Pensabamos que coa fin da Guerra Fría se abría unha nova era, pero agora probablemente esa nova era pechouse e o que vén por diante non sei se é un mundo agradable para deixarlles aos nosos fillos"

A invasión da Ucraína racha a orde mundial que saíra da desaparición da URSS. Provocará no futuro inmediato máis efectos, como un rearme da OTAN ou un incremento das tensións militares entre bloques?

Moi probablemente. Hai xente que xa fala dunha segunda post-guerra fría, unha sorte de nova paz armada. Pero hai que lembrar que a paz armada posterior á Primeira Guerra Mundial acabou como acabou. Hai que ter en conta que isto xa non é só unha cousa de dous, Occidente e Rusia, senón que hai outros actores como China, a India e outros. Estabamos a ver cousas que pensabamos que pertencían ao século XX, pero está claro que o século XX non morreu de todo. Pensabamos que coa fin da Guerra Fría se abría unha nova era, pero agora probablemente esa nova era pechouse e o que vén por diante non sei se é un mundo agradable para deixarlles aos nosos fillos.

Efecto dos enfrontamentos en Ucraína CC-BY-SA State Emergency Service of Ukraine

Remate como remate a actual guerra, a UE e Rusia van comezar a vivir aínda máis de costas, como separadas por un novo telón de aceiro?

Non se sabe o que vai pasar, pero o nacionalismo ruso e boa parte das elites do país teñen a idea de que Rusia non pertence ao ámbito europeo, senón que é unha nación euroasiática, que se trata dunha civilización diferente, con raíces e dinámicas propias. Putin e os seus seguidores desprezan a Occidente e ao seu modelo de democracias representativas, considéranas febles e decadentes e cren que debilitan ás nacións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.