O PP aproba en solitario as contas da Xunta para 2024, con 13.200 millóns de euros, que BNG e PSdeG presentan como de "fin de ciclo" ante unha inminente convocatoria electoral
Volverán as deputadas e deputados sentar no hemiciclo do Parlamento de Galicia a mediados de xaneiro ou para daquela a Cámara xa estará disolta pola convocatoria das novas eleccións galegas? Esa dúbida paira esta semana sobre o derradeiro Pleno do ano do lexislativo galego, que este martes aprobou os Orzamentos da Xunta para 2024 e a sua lei de acompañamento, que muda outra trintena de leis previas. Unhas contas públicas que serán as últimas da lexislatura e que o PP presenta como exemplo do seu "sentidiño", mentres que a oposición de BNG e PSdeG aspira que sexan as derradeiras dos populares tras 15 anos á fronte do Goberno galego.
Oposición e populares levan semanas traballando coa expectativa dunha convocatoria inminente das próximas eleccións galegas, malia que hai marxe ata agosto para que poidan celebrarse. A decisión da data depende só do presidente, Alfonso Rueda, pero no seu equipo hai tempo que dan por suposto que o único fito pendente para anunciala era a aprobación e entrada en vigor dos Orzamentos da Xunta para o próximo ano. Esas contas foron aprobadas este martes e entrarán en vigor o 1 de xaneiro, así que pode que o Parlamento xa non volva a reunirse no novo ano.
Para o PP "Galicia non para" porque é unha "illa de estabilidade", mentres que para a oposición a Xunta "desaproveitou a oportunidade dunha transformación económica" cunha "mala xestión" certificada polo Consello de Contas
Sexa certa ou non a inminencia da convocatoria electoral, o feito é que o derradeiro Pleno do ano, iniciado este martes coa aprobación dos Orzamentos e que rematará este mércores co debate e votación doutras iniciativas e a sesión de control á Xunta, deuna por feita. O PPdeG aprobou en solitario os Orzamentos, de 13.200 millóns de euros grazas á boa marcha da economía, presentándoos como exemplo do "sentidiño e rigor" que, segundo a súa número 2, Paula Prado, representa Rueda. Un xeito de gobernar que augurou que continuará xa que, como din os lemas case coincidentes de Xunta e PP, "Galicia non para" e é unha "illa de estabilidade". Pola contra, para a oposición as contas públicas non son só as últimas da lexislatura senón tamén as derradeiras do PP na Xunta.
A portavoz económica do BNG, Noa Presas, asegurou que os populares "desaproveitaron a oportunidade dunha transformación económica" non só con estes orzamentos senón tamén cos dos últimos anos, desde a pandemia da COVID e a chegada de fondos de recuperación europeos. "Había consensos", dixo a nacionalista, "pero deixan vostedes unha Galiza á cola das estatísticas". "Van ir a un exame e non deberan ir coa conciencia tranquila", augurou Presas sobre as eleccións, para engadir que "saben que fallaron, non fixeron os deberes nestes anos".
Desde o PSdeG a súa vicevoceira parlamentaria, Begoña Rodríguez Rumbo, coincidiu en que as contas da Xunta dos últimos anos "non serviron para mellorar as vidas das galegas e dos galegos" e evidenciaron a "mala xestión" dos populares "posta de manifesto polo Consello de Contas". "Se os Orzamentos son tan bos, por que tras aprobalos non tardan nin un mes en modificalos e porque non son quen de executalos?", preguntouse a socialista salientando así dúas características reiteradas da xestión orzamentaria da Xunta. "Este goberno primeiro con Feijóo e logo con Rueda estivo máis preocupado do que sucedía en Madrid que de resolver os problemas de Galicia", asegurou Rodríguez, quen en todo caso amosou a súa esperanza en que ese xeito de gobernar xa non seguirá porque estamos ante un "esgotamento do ciclo".
Varias plataformas en defensa da sanidade pública manifestáronse ás portas do Parlamento, onde o PP culpou dos problemas nese eido á falta de médicos, que atribuíu a Pedro Sánchez
O debate do interior do hemiciclo sobre os Orzamentos e, de xeito implícito, sobre os 15 anos de gobernos do PP e a aparentemente inminente convocatoria electoral desenvolveuse este mates mentres ás portas da Cámara varias ducias de persoas de diversos colectivos se manifestaban en defensa de maiores recursos e mellor xestión para a sanidade pública. Nacionalistas e socialistas reclamaron durante as súas intervencións no Pleno unha actuación inmediata da Xunta. Porén, o PP tirou novamente do seu argumentario principal: o problema da sanidade é que non hai médicos e iso é culpa de Pedro Sánchez.