"Quen me presento son eu": Rueda reivindícase ante a posible influencia de Feijóo na campaña galega

Alfonso Rueda no Consello da Xunta deste xoves CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O candidato a seguir na presidencia da Xunta asegura que vai "gobernar ata o último momento" e di que a data das eleccións, que só depende del, é unha "obsesión" da oposición

O presidente da Xunta e candidato popular á reelección nos próximos comicios galegos, Alfonso Rueda, reivindicouse este xoves a si mesmo ante o protagonismo que poida ter na vindeira campaña electoral o ex-presidente e agora líder do PP estatal Alberto Núñez Feijóo. Rueda tamén asegurou que vai "gobernar ata o último momento" e di que a data das eleccións, que só depende del, é unha "obsesión" da oposición.

Rueda na súa comparecencia tras o Consello da Xunta deste xoves CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Rueda foi preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta pola consideración da oposición de que a lexislatura xa está rematada así como polo grao en que escoitará as posibles suxestións que lle faga o ex-presidente Feijóo. O actual presidente dixo que a oposición, á que cualificou de "cuatripartito", ten unha "obsesión monotema" coa data electoral, mentres que el contrapón "certezas e estabilidade que nos van facer gobernar ata o último momento".

Rueda di que fronte ás "obrigas" que vai seguir "cumprindo" a Xunta, a oposición vai lanzar "promesas milagrosas"

Sobre o papel de Feijóo na campaña, cuxa presenza no PP xa dan por descontado que será constante, Rueda di que "por suposto" que escoitará "a todo o mundo", especialmente "a alguén que ten tanto coñecemento do que é a Xunta de Galicia e que foi elixido en catro eleccións consecutivas". "Pero quen me presento son eu e quen ten que tomar as decisións son eu", reivindicouse a continuación o actual presidente.

Consello da Xunta este xoves CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Rueda tamén asegurou que fronte ás "obrigas" que vai seguir "cumprindo" a Xunta, o resto de partidos lanzarán "promesas que milagrosamente van converter en realidade, ou iso nos van dicir".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.