Sen ter en conta cargos inferiores, como o secretario de Emigración, ou actos de promoción turística ou comercial, o presidente ou conselleiros desprazáronse nas últimas semanas a Arxentina, Uruguai, Brasil, México ou Suíza
No momento en que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, convoque as próximas eleccións galegas, o que debe facer con 54 días de antelación, non só quedarán prohibidas as inauguracións, como establece a normativa electoral estatal, senón que tamén estarán limitadas as viaxes institucionais dos membros do Goberno galego, segundo un código ético aprobado por Feijóo en 2014. No equipo do presidente xa se traballa coa expectativa de que convoque os comicios tras a aprobación ou entrada en vigor dos Orzamentos da Xunta para o próximo ano, o que ocorrerá durante o Nadal e situaría as eleccións no comezo da primavera.
Neste contexto, nas últimas semanas o propio Rueda vén lanzando todo tipo de anuncios de novas medidas e desenvolvendo unha axenda pública de marcado carácter preelectoral. Unha precampaña que tamén se está a desenvolver desde hai un tempo na emigración, de xeito que, nos catro últimos meses, nun de cada seis días un membro do Goberno galego estivo de viaxe nalgún lugar clave da diáspora galega, xiras que se están a acelerar ante a previsión de que terán que rematar contra o Nadal.
O código ético da Xunta establece que "desde a convocatoria ata a celebración de calquera proceso electoral que supoña o exercicio do dereito de sufraxio por parte daqueles cidadáns e cidadás inscritos/as no Censo dos electores residentes-ausentes", as viaxes institucionais ao exterior limitaranse a reunións de alto nivel do presidente ou conselleiros con mandatarios estranxeiros ou de institucións europeas ou a misións de marcado carácter económico e comercial.
Hai 475.000 galegos e galegas inscritos no censo de residentes ausentes, no que desde hai un ano xa non está en vigor o voto rogado que afundiu a participación da emigración na última década
Isto é, desde que se convoquen as eleccións non pode haber viaxes para estar en contacto coa emigración con dereito a voto. Un colectivo que ascende a preto de medio millón de persoas (474.445 a 1 de outubro) que desde hai un ano xa non teñen que empregar o complexo sistema do voto rogado que estivo en vigor durante a década anterior e que afundiu a participación electoral da emigración durante ese tempo. Medio millón de potenciais votantes nas próximas eleccións galegas que supoñen o 17% do censo total con dereito a voto, o que podería decantar o resultado dos comicios.
Segundo a axenda pública oficial da Xunta, nos últimos catro meses foron varias as viaxes nas que o presidente ou conselleiros tiveron ese contacto directo coa emigración que quedará prohibido cando se convoquen os comicios. Neste tempo tamén houbo viaxes comerciais ou de promoción turística de Galicia e reunións en Bruxelas. E actos moito máis habituais coa emigración de cargos inferiores como fundamentalmente o secretario xeral de Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda, que ocupa tamén a Secretaría do PP no Exterior na dirección estatal do partido desde a chegada á mesma de Alberto Núñez Feijóo. Só na última semana Rodríguez Miranda estivo en Arxentina, Uruguai e Venezuela.
Pero atendendo só ao presidente e conselleiros e conselleiras, estes foron os destinos das súas últimas viaxes directamente relacionadas coa emigración.
- 25-31 de xullo: a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou centros socio-asistenciais da emigración en Brasil, Arxentina e Uruguai.
- 19-22 de setembro: a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, estivo en México con actos tanto de promoción de empresas galegas como de contacto con empresarios galegos no país e coa emigración en xeral.
- 28-29 de outubro: o presidente Rueda visitou Suíza e Liechtenstein con actos exclusivamente festivos de contacto coa emigración.
- 27-31 de outubro: o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitou distintas entidades da emigración en Arxentina e Uruguai.
- 17-18 de novembro: a conselleira de Emprego, Elena Rivo, visitou varias localidades de Uruguai con actos relacionados coa emigración.
- 2 de decembro: a conselleira de Política Social, Fabiola García, visita centros galegos en Suíza.
Ademais das viaxes das últimas semanas, Rueda estivo en abril en Panamá, Venezuela e México e hai un ano en Arxentina e Uruguai
A estes 21 días con actos coa emigración na axenda oficial da Xunta hai que engadir o tempo que se emprega nas viaxes de ida e volta ou outros actos que estes cargos puideran ter neses destinos sen reflectilos na axenda oficial. Ademais, antes deste reconto de actos dos membros do Goberno galego nos últimos 120 días, o presidente Rueda tamén foi hai sete meses, do 12 ao 17 de abril, a Panamá, Venzuela e México.
Previamente, e desde que é presidente, Rueda xa estivera en Arxentina e Uruguai en outubro do ano pasado.