Nos primeiros días de xaneiro de 2011 o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, estaba de viaxe no Brasil. Entre críticas da oposición, o Goberno galego aclarou que o periplo do presidente era privado, unhas vacacións sufragadas do seu peto que, non obstante, seguiron suscitando críticas polo que as forzas políticas distintas do PP vían como unha ausencia excesivamente prolongada. Aínda que o Goberno galego tentou quitarlle ferro ao asunto limitándoo á vida persoal de Feijóo, naqueles días presentou cun aquel de solemnidade un "código ético" para regular as viaxes institucionais. Ese esquema de acción-reacción vén de repetirse con matices nestes días, en plena vaga de novas sobre casos de presunta corrupción, sobre todo vencelladas ás revelacións do sumario da Pokémon.
A mediados do pasado marzo, cadrando coa saída á luz de novos datos da suposta trama corrupta, o propio Feijóo anunciaba que o seu Goberno se dispuña a aprobar un novo "código ético" para vetar os agasallos a cargos da Administración autonómica. Ese texto chegou pasou este xoves polo Consello da Xunta como paso previo a amosárllelo aos sindicatos e unilo ao texto sobre as viaxes. Se ben é certo que, segundo o avanzado polo Goberno -aínda non amosou o texto íntegro- queda prohibida a recepción de presentes para os altos cargos e demais persoal non o é menos que saltarse o código non terá repercusión legal ningunha.
A única restrición legal aos agasallos segue a ser a Lei de Transparencia do ano 2006
"Regúlase de forma concreta e restrínxese de xeito claro o que pode ser entendido como cortesía institucional", informa a Xunta, que deixa fóra da limitación "artigos de propaganda ou publicidade" de "escasa entidade" e que, en todo caso, non superen un "importe máximo de 90 euros". Alén desta indicación sobre agasallos, "dádivas, beneficios ou favores para si mesmos ou para o seu círculo familiar inmediato", a única repercusión legal será a derivada da Lei de Transparencia de 2006, que no seu artigo 15.2 indica que os cargos da Xunta, o persoal de gabinete e os dirixentes de empresas públicas "non aceptarán regalos que superen os usos habituais, sociais ou de cortesía, nin favores ou servizos en condicións vantaxosas que poidan condicionar o desenvolvemento das súas funcións".
Cando se aprobou a devandita lei, durante o mandato da coalición de PSdeG e BNG, os conservadores galegos, xa con Feijóo á fronte, consideraron que "a normativa aplicable ata o de agora na Administración pública galega regulaba de forma suficiente e clara a materia de que se trata" e vían que o texto non tiña "novidades" que o "xustificasen". Durante o trámite parlamentario chegaron a caricaturizar a norma como "lei da páxina web da Xunta", considerándoa "ridícula".
Indicacións sobre paraísos fiscais
Entre as novidades presentadas este xoves figura tamén que a "detección" de contas en paraísos fiscais será motivo de cesamento para o presidente ou os conselleiros e conselleiras. Ao tempo, estes mesmos cargos "non poderán recibir retribucións pola súa participación como relatores en congresos, seminarios, xornadas de traballo e cursos de carácter profesional", unha limitación que non afectaría ao resto do persoal.
A "detección" de contas en paraísos fiscais implicará o cesamento do presidente ou dos conselleiros, asegura a Xunta
No mesmo paquete a Xunta inclúe tamén a "homologación" das "normas de funcionamento" dos procesos selectivos no seo da Administración autonómica. Trátase, en síntese, de explicitar o cumprimento da lei en materia de "confidencialidade" dos exercicios das oposicións" ou da "custodia dos exames", aspectos que a propia Xunta xa anunciara e que agora se inclúen nun código ético que, avanza o Goberno, tamén terán que asumir as empresas que obteñan contratos públicos da Xunta.