Na TVG, na emigración, de cervexas nas vilas... e agora tamén coas elites madrileñas: Rueda diversifica a súa precampaña

Almorzo informativo de Alfonso Rueda en Madrid este venres CC-BY-NC Xunta de Galicia

O presidente protagoniza un almorzo informativo presentado por Mariano Rajoy e centrado en criticar ao Goberno de Pedro Sánchez no que deixa entrever argumentos para un adianto electoral en Galicia

"As empresas moven o país". "Seguimos baixando impostos e tendo moi en conta o papel fundamental das empresas". "Os empresarios piden estabilidade e tranquilidade". Esas e outras varias frases similares foron pronunciadas este venres polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nun almorzo informativo organizado en Madrid, no Hotel Mandarín Oriental Ritz, por Nueva Economía Fórum, un acto ao que asistiron empresarios e dirixentes do PP na capital estatal, entre eles Alberto Núñez Feijóo, e que permitiu ao líder dos populares galegos diversificar a precampaña electoral que lanzou hai xa uns meses. 

Tras as súas aparicións na TVG, viaxes a visitar a emigración e actos nas vilas nos que convida a tomar unha cervexa con el, desta volta foron as elites madrileñas as destinatarias da súa estratexia de visibilidade para darse a coñecer e do seu discurso de "estabilidade" e "sentidiño".

Rueda nun almorzo informativo este venres en Madrid CC-BY-SA Xunta de Galicia

Rueda foi presentado no acto deste venres en Madrid polo ex-presidente Mariano Rajoy, que apenas dirixiu unhas poucas palabras de eloxio para o seu conveciño de Pontevedra, ao que cualificou de "moderado, sensato e equilibrado". Pola contra, Rajoy centrou a súa intervención en criticar os pactos de investidura de Pedro Sánchez. "Non estou de acordo en nada", dixo o ex-presidente.

Canto a intervención de Rueda, ademais de poñer o foco no mundo empresarial presente maioritariamente na sala, o popular centrou o seu discurso e as respostas ás preguntas que se lle formularon en criticar o Goberno de Sánchez polos seus acordos e por marxinar a Galicia. 

A intervención de Rueda tamén serviu para deixar entrever algúns argumentos para un adianto das eleccións galegas que se teñen que celebrar antes do próximo mes de setembro. O presidente salientou como principal obxectivo do seu Goberno a curto prazo a aprobación dos Orzamentos da Xunta para 2024, cuestión que quedará resolta a finais de decembro. 

Rueda con empresarios e cargos do PP no almorzo informativo deste venres en Madrid CC-BY-SA Xunta de Galicia

Rueda di que o principal obxectivo do seu Goberno é aprobar os Orzamentos para 2024, o que quedará resolto en fin de ano, e lembrou que as eleccións de 2020 "ían ser no mes de abril" antes de aprazarse pola pandemia

Despois, ante a pregunta de se os comicios coincidirán cos vascos -pendentes de fixarse- ou cos europeos -xa fixados para o 9 de xuño-, Rueda dixo que desta volta non é "fundamental" esa coincidencia. E deu aínda outro argumento máis para xustificar no futuro un adianto electoral en caso de producirse: as anteriores eleccións de 2020 "ían ser no mes de abril" e foron aprazadas a xullo pola pandemia da COVID-19. Isto é, veu dicir de xeito velado que unha convocatoria na primavera, realizada en xaneiro tras a entrada en vigor dos Orzamentos, non sería un adianto senón devolver os comicios ao momento en que se tiñan que celebrar hai catro anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.