Rueda acelera a precampaña na TVG e cunha viaxe a Suiza e Liechtenstein só para visitar a emigración

Tras saír hai dúas semanas no programa 'Land Rober', Rueda apareceu este domingo no programa 'Os nosos maiores' da TVG © @AlfonsoRueda

Fronte a outras viaxes previas nas que se anunciaba unha axenda tripla, tanto de promoción económica de Galicia como de contactos políticos e coa diáspora, desta volta o Goberno galego só cita encontros coa última 

Tras un verán coa axenda política dominada polas derivadas das eleccións xerais do 23 de xullo, o 18 de setembro o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tentaba centrar o foco mediático en si mesmo cunha arenga aos altos cargos do seu Goberno. Se iso non foi suficiente para que os populares e o resto de formacións políticas se desen por avisados do inicio da precampaña das próximas eleccións galegas, o 31 de setembro Rueda iniciaba unha serie de actos en vilas por toda Galicia nos que pide á cidadanía que se achegue a tomar con el unha cervexa (sen alcohol) e conversar. 

Unha semana máis tarde, o 9 de outubro, o presidente aproveitaba o debate de política xeral para lanzar todo tipo de anuncios de axudas directas á cidadanía. E a pasada semana presentaba os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano que lle permitirán concretar esas medidas ás portas das eleccións.

Rueda en Malpica na súa xira para estar en contacto coa cidadanía tomando unha cervexa © PPdeG

Neste contexto, este domingo a Xunta anunciou unha nova etapa da carreira electoral cunha viaxe institucional de Rueda a Suiza e Liechtenstein programada só para visitar a emigración. Fíxoo nunha xornada na que a TVG emitiu un programa sobre persoas maiores activas que contou coa participación do propio Rueda apenas dúas semanas despois de acudir a outra emisión televisiva, a do programa Land Rober de Roberto Vilar.

A viaxe a Suíza e Liechttenstein, ao contrario do que vén acontecendo con outras viaxes presidenciais tanto de Rueda como de Feijóo, ten como única axenda actos coa emigración. Non hai, no avanzado pola Xunta, ningún acto de promoción económica de Galicia no exterior nin de contactos políticos con responsables doutras administracións. Será só, admite a propia Xunta, para "comprometer o apoio da Administración autonómica a todos os galegos residentes nestes países e particularmente aos centros que os acollen".

Rueda no programa 'Land Rober' de Roberto Vilar o 5 de outubro © @AlfonsoRuedaGal

Rueda tamén foi protagonista este domingo nun programa da TVG sobre persoas maiores, que chega dúas semanas despois de participar no máis xuvenil 'Land Rober'

O anuncio da Xunta chegou no mesmo domingo en que a TVG emitiu, dentro do seu programa Os nosos maiores, unha reportaxe que deu protagonismo a Rueda. A edición deste domingo puxo o foco en Avelino, o tigre de Carril, un home de 84 anos que fai "400 ou 500 quilómetros á semana" en bicicleta. E o que fixo o programa foi arranxar unha ruta ciclista con Rueda, coñecido afeccionado a ese deporte. 

A aparición de Rueda no programa da tarde do domingo sobre persoas maiores chega tras dar especial protagonismo a ese colectivo nos seus anuncios do recente debate de política xeral (bonos para persoas dependentes, carné de descontos para maiores de 65 anos...). E supón chegar a un público distinto do que puido velo hai dúas semanas no máis xuvenil Land Rober, o programa das noites dos xoves cun perfil máis "canalla".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.