O Goberno galego aproba o teito de gasto dos Orzamentos do próximo ano, que incluirán os diversos bonos e axudas directas anunciados por Rueda esta semana, unhas contas que prevén que o desemprego baixe do 9,8% ao 9,4%
O Consello da Xunta aprobou este mércores o teito de gasto non financeiro para os Orzamentos de 2024, isto é, o máximo que poderá gastar o próximo ano en función dos ingresos. Serán 13.257 millóns de euros -637 millóns ou un 5% máis que o teito de gasto deste ano- para un 2024 marcado polas próximas eleccións galegas e que chega despois de novos anuncios de axudas directas e bonos lanzados polo presidente Rueda no debate de política xeral celebrado esta semana.
O propio presidente dixo que a cifra ofrecida é unha estimación xa que a Xunta segue sen coñecer as cifras de diversas achegas concretas que debe transmitir o Goberno de España, actualmente en funcións.
Xunto co teito de gasto a Xunta tamén fixo públicas as súas previsións dos principais indicadores económicos para o ano próximo. Segundo esas estimacións, o PIB rematará este 2023 cunha suba do 1,8% e o próximo ano o aumento será do 1,9%.
Canto á taxa de paro, a Xunta asume unha ralentización da redución do desemprego. Así, se 2022 rematou cunha taxa de paro do 11% da poboación activa, este 2023 rematará cun 9,8% e o próximo 2024 cun 9,4%.
O conselleiro de Facenda admite que o aumento dos ingresos ordinarios é froito fundamentalmente de máis achegas do Estado para dependencia e emprego
Segundo asegurou o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, Galicia seguirá "unha senda propia" de crecemento superior ao crecemento do global do Estado. Será tamén a primeira vez en 16 anos, segundo o conselleiro, que a Xunta non terá que recorrer a novo endebedamento para financiar as súas necesidades do ano. En todo caso, a Xunta ten xa comprometidos uns 18.000 millóns de euros para os próximos anos goberne quen goberne.
O propio conselleiro admitiu tamén que o aumento dos ingresos ordinarios é froito do incremento das achegas do Estado, como o pasado ano, neste caso para o cofinanciamento dos gastos da lei de dependencia e por fondos de axudas ao emprego. Corgos matizou que o aumento dos fondos de dependencia débese a que Galicia é unha das comunidades con máis dependentes.
Á espera de coñecer o detalle dos Orzamentos, previsiblemente cara ao final da próxima semana, o Goberno galego xa avanzou que manterá todas as rebaixas de impostos xa vixentes este ano, tamén as que nos últimos anos veñen beneficiando especialmente ás rendas altas. Uns beneficios fiscais cuxos efectos a Xunta admite que non avalía malia que así llo ven reclamando desde hai anos o Consello de Contas.