O Goberno galego aumenta un 6,1% o gasto en persoal, por baixo do aumento do IPC no último ano, do 9,2% segundo o último dato coñecido hai uns días
O Goberno galego aprobou este martes os orzamentos da Xunta para 2023, que agora enviará ao Parlamento para o seu debate e aprobación definitiva co obxectivo de que estean en vigor o próximo 1 de xaneiro. As contas públicas galegas ascenderán a 12.620 millóns de euros, 993 millóns máis que os orzamentos deste 2022, aumento que logrará grazas aos maiores ingresos previstos procedentes de impostos directos (un 18% máis) e indirectos (23% máis) de recadación fundamentalmente estatal que acaban revertendo nas comunidades autónomas.
No apartado de gastos, as contas para o próximo ano prevén coma sempre que as principais partidas vaian destinadas a sanidade, educación e servizos sociais, principais competencias das comunidades autónomas, e aumentan un 9,3% os investimentos, ata os 1.575 millóns. Menos será o que aumente o gasto en persoal, un 6,1%, por baixo do crecemento da inflación rexistrado polo Índice de Prezos de Consumo (IPC), do 9,2% no último ano segundo a última cifra coñecida hai uns días. E máis, os gastos financeiros correntes, isto é, os xuros da débeda, partida que se dispara ata un 48% pola alza xeral dos tipos de xuro.
Os orzamentos agora aprobados pola Xunta, e á espera de coñecer o detalle cando os documentos entren no Parlamento este xoves, contemplan un total de gastos non financeiros de 12.620,3 millóns de euros, un 8,5% máis que os 11.627,4 millóns das contas anteriores. A cifra é 21 millóns máis alta que o teito de gasto aprobado o pasado agosto porque desde aquela, explicou o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, o Estado comprometeu máis fondos dos previstos anteriormente en diversas conferencias sectoriais coas comunidades autónomas.
O propio conselleiro de Facenda confirmou que o aumento dos ingresos será debido ao "forte incremento das previsións de ingresos por IRPF e IVE", dous impostos estatais polos que o ex-presidente Feijóo acusou a Pedro Sánchez de "forrarse" pero que acabarán beneficiando a Galicia
E será tamén a través de fondos do Estado como a Xunta conseguirá elevar tanto as súas contas para o próximo ano. Se nos dous últimos anos as contas foron marcando sucesivos récords grazas ás achegas extraordinarias do Estado ou da Unión Europea pola Covid-19 ou para a recuperación económica, o próximo ano eses recursos adicionais pola pandemia serán inferiores, pero pola contra aumentarán notablemente os ingresos por impostos directos e indirectos, un 18% os primeiros e un 23,4% os segundos.
Se as transferencias extraordinarias baixan de 1.350 a 700 millóns entre as contas deste ano e as do próximo, os ingresos por impostos aumentarán 1.236 millóns. O propio conselleiro confirmou que iso será debido ao “forte incremento das previsións de ingresos por IRPF e IVE”, dous impostos estatais polos que o ex-presidente Feijóo acusou a Pedro Sánchez de “forrarse” pero que acaban repercutindo na mellora das contas galegas mentres a Xunta incorpora novas rebaixas nos impostos que xestiona ela, como o do patrimonio ou a cota autonómica do IRPF.
No apartado de gastos, e fronte ao IPC por riba do 9% en cifras interanuais que vén de coñecerse, as contas públicas aumentan un 6,1% o gasto en persoal e un 8,1% o gasto en bens correntes e servizos. Os investimentos directos da Xunta ascenderán a 1.575 millóns, un 9,3% máis, pero este martes o Goberno galego tamén incluíu dentro dese apartado as transferencias de capital a outras administracións ou particulares para asegurar que o investimento ascenderá a 2.700 millóns.
A Xunta prevé que a taxa de paro baixará o próximo ano do 10,8% ao 10% e que o PIB medrará un 1,7%, fronte ao 3,6% deste ano
Canto ás cifras macroeconómicas, a Xunta prevé que o paro remate este ano en Galicia no 10,8% da poboación activa e se sitúe no próximo ano no 10%, mentres que o Produto Interior Bruto (PIB) que en 2021 medrou un 5,2% farao este 2022 un 3,6% e un 1,7% en 2023.
O detalle das contas -e da súa lei de acompañamento, coa que a Xunta adoita mudar todo tipo de normas sectoriais- coñecerase o xoves, pero na presentación amosada este martes polo Goberno galego puido verse algún dato concreto das mesmas. Como a previsión de que se destinen 33,4 millóns máis para o fortalecemento da atención primaria, con múltiples problemas por todo o país. Preguntado por esa contía reducida de incremento en comparación cos 4.967 millóns de euros que consumirá todo o sistema sanitario galego, o conselleiro de Facenca indicou que son fondos a maiores que irán destinados fundamentalmente a “persoal” e “investimentos”.
A Miguel Corgos tamén se lle preguntou pola supresión hai uns meses da denominada Tarxeta Básica que a Xunta, a través da Cruz Vermella, repartiu entre a poboación máis necesitada para adquirir alimentos e medicamentos. Segundo o conselleiro, as medidas previstas nos orzamentos, como o incremento da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), as axudas de emerxencia ou as axudas a asociacións que traballan con persoas en risco de exclusión “superan con moito” á Tarxeta Básica suprimida.