Este ano o Goberno galego subiu as peaxes un 2,5% e asumiu el outro tanto, e o próximo prevé conxelar os importes achegando ata 5 millóns de euros para o total de descontos que aplica nas autoestradas, que se suman aos máis de 80 millóns anuais das autovías con peaxe en sombra
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, anunciou este luns que o Goberno galego prevé “conxelar” as peaxes das dúas autoestradas de titularidade autonómica, a AG-55 A Coruña-Carballo e a AG-57 Vigo-Val Miñor. As concesionarias teñen dereito a que as peaxes suban segundo a inflación, que este ano supera o 10%, pero o Goberno galego asumirá con fondos públicos esa suba e os usuarios seguirán pagando os mesmos importes que ata agora.
Entre a conxelación das peaxes do próximo ano e o resto de descontos que se aplican nesas dúas infraestruturas, a Xunta prevé destinar entre 4,5 e 5 millóns de euros o próximo ano a compensar ás concesionarias, cartos públicos que se engaden aos máis de 80 millóns de euros que prevé pagar no mesmo exercicio polo resto de autovías con peaxe en sombra.
O pasado ano, cunha inflación inferior a actual, a Xunta decidiu que as peaxes das súas dúas autoestradas só subirían este 2022 un 2,5%, asumindo ela outro tanto, o correspondente co resto da inflación rexistrada, con cargo ás arcas públicas. E agora, segundo avanzou este luns a conselleira, o Goberno galego asumirá a totalidade da suba que debera aplicarse de acordo a unha inflación que supera o 10%. As dúas autoestradas de titularidade autonómica, salientou Vázquez, “seguirán sendo das máis baratas de España”.
A conselleira tamén cifrou entre 4,5 e 5 millóns de euros o que a Xunta destinará o próximo ano a asumir tanto esta conxelación das peaxes como o resto de descontos activos para as persoas usuarias que dispoñan de sistema de telepeaxe: do 25% na primeira viaxe de volta no mesmo día laborable e do 50% na segunda, do 50% nas viaxes entre as doce da noite e as seis da mañá, e a gratuidade nas viaxes de volta das familias numerosas.
Esa contía, en todo caso, é unha moi pequena parte do total de desembolsos que fai a Xunta cada ano por infraestruturas viarias xa construídas. O groso dos cartos vai parar ás concesionarias das autovías construídas nas últimas décadas con distintas modalidades de peaxe na sombra, nas que as persoas usuarias circulan de xeito gratuíto e é a administración quen paga. Segundo os orzamentos deste 2022, a previsión de pagamentos por esas infraestruturas para 2023 supera os 80 millóns de euros.