Inflación, obras pendentes de pago e compensacións das administracións soben as peaxes en Galicia entre o 2% e o 3%

Unha peaxe da AP-9 © Audasa

Hai un ano as taxas das autoestradas permaneceron conxeladas na práctica, pero para 2022 volven medrar

A inflación elevada do último ano, obras pendentes de pagar que se repercuten nas peaxes e rebaixas e compensacións das administracións deixan para 2022 un panorama nas autoestradas galegas con subas de entre o 2% e o 3%. A suba máis baixa, de case o 2% será na estatal AP-53 Santiago-Lalín, nun punto medio quedarán as autonómicas AG-55 A Coruña-Carballo e AG-57 Vigo-Val Miñor, cun 2,5%, mentres que a AP-9 aumentará preto dun 3%. As propias autoestradas deben poñer a disposición dos seus usuarios información das novas tarifas actualizadas desde o mesmo momento da súa aplicación ás cero horas deste 1 de xaneiro.

Peaxes da AP-9 en 2022 © Audasa

Hai un ano a inflación negativa dos prezos rexistrada en 2020 e a obriga de redondear as peaxes de 5 céntimos en 5 céntimos fixo que a gran maioría dos treitos das autoestradas galegas, tanto de titularidade estatal como da Xunta, visen conxeladas as súas taxas, nalgún caso mesmo con algunha lixeira redución, especialmente para os vehículos pesados. Iso non foi así no caso da AP-9 porque a caída da inflación foi compensada polo aumento engadido do 1% anual das peaxes co que gobernos centrais de PSOE e PP decidiron compensar durante 20 anos á concesionaria, Audasa, polo custo de ampliación da ponte de Rande, inaugurada hai agora catro anos malia seguir pendentes de rematarse varias obras na súa contorna.

Durante o último ano esas peaxes non variaron, pero en verán comezaron a aplicarse na AP-9 as rebaixas para usuarios frecuentes implantadas polo Ministerio de Transportes que supoñen entre outras cuestións a gratuidade de calquera viaxe de volta realizada menos de 24 horas despois da de ida para calquera vehículo que dispoña de dispositivo de telepeaxe, ademais doutras rebaixas en treitos concretos.

A AP-53 Santiago-Lalín será a autoestrada que menos suba, un 2%, e a AP-9 a que máis, un 3%, coas autonómicas do Val Miñor e A Coruña-Carballo nun punto medio, o 2,5%

Agora, no caso das autoestradas de titularidade estatal, o Ministerio de Transportes vén de establecer, a partir de diversas variables entre as que a inflación é a principal, que as peaxes deben subir a partir do 1 de xaneiro de 2022 un 1,97% como porcentaxe xeral que en cada treito posible debe redondearse de cinco en cinco céntimos e en función de se no ano anterior o redondeo foi á baixa ou á alza. Esa suba xeral será a que experimente en Galicia a AP-53 entre Santiago e Lalín, a única autoestrada sen descontos.

Peaxes da AP-53 en 2022 © Acega

No caso da AP-9 a esa suba xeral o ministerio engádelle o outro 1% adicional acordado no seu momento como compensación pola ampliación da ponte de Rande e a entrada en Vigo, polo que a suba total será próxima ao 3%. O decreto co que o ministerio implantou no pasado verán o novo sistema de rebaixas na AP-9 contempla a posibilidade de que o Goberno de España decida cada ano se evita a aplicación dese 1% de suba adicional nas peaxes asumíndoo co que sobre de pagar o resto das rebaixas, opción que non se produce neste primeiro ano. 

Pola súa banda, nas autoestradas autonómicas a Xunta decidiu achegar medio millón de euros para que este ano, de xeito extraordinario, as peaxes non suban tanto como requiriría a inflación segundo as fórmulas empregadas para calcular as tarifas das dúas vías, a AG-55 A Coruña-Carballo e a AG-57 Vigo-Val Miñor. Aínda así, a suba nesas dúas autoestradas quedará nun punto intermedio ao das dúas autoestradas estatais, no 2,5%.

Peaxes da AG-55 e a AG-57 en 2022 © Autoestradas de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.