A líder do Bloque remite ao titular de Transportes unha copia do informe encomendado polo Bloque á UDC segundo o cal o rescate da autoestrada custaría uns 900 millóns e o Estado aforraría outro tanto
O Goberno de España respondeu este pasado 17 de setembro, xusto cando vencía o prazo, o ditame no que a Comisión Europea considerou ilegal a prórroga da concesión da AP-9 outorgada polo Goberno do PP de José María Aznar a Audasa no ano 2000. A extensión da fin da explotación por 25 anos, do 18 de agosto de 2023 ao mesmo día de 2048, razoa o executivo da UE, debeu facerse convocando un concurso público e non a dedo para cunha compañía que apenas tres anos despois o mesmo gabinete de Aznar privatizou.
Na súa resposta o Ministerio de Transportes deixa, de facto, nas mans da Comisión a posibilidade de levar a cuestión ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. "Analizaremos os seguintes pasos da Comisión Europea con este recurso para, chegado o caso, esgotar as posibles opcións de resposta", explicou o departamento que dirixe Óscar Puente, a quen a portavoz nacional do BNG insta a concretar xa esa resposta e facelo pola vía do rescate da concesión aproveitando "a porta aberta por Bruxelas".
A través dunha carta remitida este 18 de setembro, Ana Pontón sinala ao ministro que no Bloque "non se nos escapa que esta discriminación" cara a Galicia "ten responsables": "a prórroga da concesión de dez anos aprobada polo Goberno do PSOE de Felipe González" -non cuestionada pola UE neste procedemento- e a "posterior de 25 anos aprobada polo Goberno do PP de José María Aznar". Pero "alén do reparto de responsabilidades, agora é o momento de achegar solucións" e "facer xustiza con Galiza".
Tras a resposta do Estado ao ditame da Comisión Europea que ve ilegal a prórroga de Aznar, Pontón reclama evitar novas "dilacións"
Pontón valora os "descontos históricos" que Transportes está a aplicar na AP-9 -de ata o 75%- "grazas ao acordo de investidura entre o PSOE e o BNG", pero "é insuficiente, porque o que Galiza merece é ter unha AP-9 gratuíta e de xestión galega" e "para iso hai que rescatar a autoestrada". "Non é só unha cuestión de xustiza, ademais suporía un aforro enorme para as arcas públicas".
A líder do BNG apoia esta afirmación achegando a Puente unha copia do informe encomendado o pasado 2024 pola formación soberanista á Universidade da Coruña segundo o cal o rescate custaría 904 millóns cun aforro de 953 millóns para as arcas públicas. Neses cálculos, resume, aténdese a que "se a Comisión Europea declara ilegal a ampliación da concesión, non ha lugar ao pagamento do lucro cesante", o que Audasa deixaría de gañar pola fin anticipada do contrato.
Ademais, agrega, a operación suporía non ter que transferir máis de 2.800 millóns de euros á concesionaria ata a fin da concesión en 2048. Esa é a suma dos fondos xa comprometidos polo Estado para subvencionar os descontos nas peaxes e outros gastos coma os das peaxes na sombra -tramos nos que os usuarios non pagan por circular porque teñen financiamento público-. Por todo isto Pontón pide a Puente "que aproveite a oportunidade que ofrece Bruxelas" e que "lonxe de prolongar esta estafa que soportamos, opte sen máis dilación polo rescate da AP-9".
A Xunta di que "acudirá á vía xudicial" para ver o expediente
O Goberno galego, pola súa banda, que xa este mércores adxectivou como "inxusta" a peaxe da AP-9 derivada da prórroga da concesión aprobada polo Goberno de Aznar, agregaba este xoves a súa intención de "acudir á vía xudicial" se o Goberno de España non lle facilita unha copia "do expediente aberto pola Comisión Europea en relación coa xestión da AP-9". Isto é, do expediente que a UE impuxo ao Estado pola ilegalidade da prórroga de Aznar.

Nunha xuntanza con representantes de asociacións de transportistas a conselleira de Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asegurou non saber "absolutamente nada" do contido da documentación "a pesar de que Galicia é parte implicada". En realidade, o expediente ten unicamente como partes á Comisión Europea e ao Reino de España. Allegue reitera, asemade, que o seu departamento avoga polo "rescate da concesión e a eliminación de peaxes". O importe da operación, defende esgrimindo o estudo encargado pola Xunta, roldaría os 2.000 millóns.