Hai, cando menos, unhas dúas décadas que o Goberno galego se amosou por primeira vez favorable a reclamar ao Estado o traspaso das competencias sobre a autoestrada AP-9. Foi a finais de 2005, cando apenas tres meses despois de chegar ao cargo, o presidente Emilio Pérez Touriño expresaba o "desexo" de lograr esa transferencia tras analizar un informe coas prioridades do novo Goberno de PSdeG e BNG en materia de autogoberno.
Dúas décadas despois de que a Xunta manifestase por primeira vez interese en obter as competencias sobre a autoestrada do Atlántico, a lei galega unánime lanzada tres veces para logralo vén de chegar máis lonxe ca nunca, pero cun longo camiño aínda por diante
Vinte e un anos despois daquel desideratum, o Congreso dos Deputados vén de aprobar o relatorio dunha lei orgánica para conceder á Xunta a "titularidade e competencias" da autoestrada do Atlántico. Fíxoo cos votos as prol dos grupos que a redactaron, PSOE, BNG e Sumar, e tamén co "si" de todos os demais agás dous, PP e Vox. Tan certo e que este paso é un indubidable avance como que á lei, que nunca chegara tan lonxe, aínda lle resta un amplo camiño por percorrer e, sobre todo, que chega tras innúmeros bloqueos e atrancos responsabilidade de máis dunha forza política a un proceso que formalmente foi lanzado tres veces e politicamente, moitas máis.
Naquela lexislatura con socialistas e nacionalistas no Executivo galego, quen na altura era novo líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou ser partidario da transferencia e mesmo a incluíu no programa electoral co que gañou as eleccións de 2009. Atopou reticencias no Goberno de España, o do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero, co que en 2010 anunciou o inicio de negociacións ao respecto, sen maior resultado.
O Goberno de Rajoy impediu dúas veces que a petición galega se chegase a debater usando unha interpretación forzada da Constitución e baseándose en cálculos económicos erróneos ou falsos
En 2012 o PPdeG de Feijóo logra a súa segunda maioría absoluta consecutiva e faino cun programa electoral no que aposta por unha "reformulación" da xestión da AP-9 sen prometer abertamente o traspaso. Ao longo da lexislatura galega, non obstante, os populares galegos darán apoio político a unha reclamación que o Goberno de España, xa nas mans do PP de Mariano Rajoy, rexeita por consideralo ilegal, en verbas da daquela ministra de Fomento, Ana Pastor.
Foi neste punto no que chegou o primeiro intento de lograr o traspaso pola vía que agora avanza, a dunha proposición de lei aprobada polo Parlamento de Galicia para o seu debate no Congreso. Sucedeu en outubro de 2015, cando nunha viraxe que causou sorpresa no lexislativo galego o PP decidiu votar "si" á proposición de lei formulada polo BNG. Pero ao chegar ao Congreso, a petición unánime galega bateu dúas veces co veto do Goberno de España aínda nas mans do PP.
En outubro de 2016, aínda estando en funcións tras non lograr maioría para unha segunda investidura, o gabinete de Rajoy fixo uso da prerrogativa gobernamental de frear leis no Congreso para, cunha interpretación forzada do artigo 134.6 da Constitución, impedir que a proposta galega chegase sequera a debaterse. En maio de 2017 o Parlamento volveu pedir o traspaso por unanimidade e en xuño do mesmo ano o Goberno de Rajoy volveuno vetar cun informe xurídico máis elaborado, pero co mesmo resultado. Polo camiño, tamén frearan unha iniciativa de En Marea no Congreso no mesmo sentido.
Tras a moción de censura en 2018 o Goberno de Sánchez ergueu o veto, pero a lei freou polos adiantos electorais de 2019 e 2023 e, sobre todo, por sucesivas prórrogas dos prazos de emendas para evitar que o trámite continuase
Estes tres bloqueos formais, baseados en cálculos económicos erróneos ou falsos, finalizaron en 2018. Pouco despois da moción de censura que desbancou a Rajoy, o Executivo do PSOE de Pedro Sánchez cumpriu a promesa de levantar o veto á primeira das peticións galegas, a de 2015, e no mesmo 2018 unha ampla maioría absoluta permitiu o inicio dunha tramitación que quedou interrompida polo adianto das eleccións xerais a abril de 2019.
Tras o paso polas urnas o Parlamento reiterou a petición unánime e, en 2021, o Congreso aprobou outra volta o inicio do trámite. E foi aquí onde chegaron os bloqueos doutro signo. A Mesa do Congreso, onde os socios do goberno PSOE-Unidas Podemos tiñan maioría canda outras forzas, aprobaron sucesivas ampliacións dos prazos para presentar emendas para dilatar un proceso que acabou caducando por outro adianto, o das xerais de 2023, despois de que as engádegas do Grupo Socialista ao texto orixinal desnaturalizasen en gran medida o seu contido.
Foi así como chegou a lei que agora, por fin, avanza. En xuño de 2024 o Congreso iniciou por terceira vez o trámite co único "non" de Vox, pero acto seguido volveu a demora pola vía das prórroga dos prazos para emendar, aprobada sistematicamente pola Mesa da Cámara Baixa, con maioría gobernamental. Cando finalizou esa dilación, o PSOE volveu presentar emendas para acoutar o traspaso a que a Xunta puidese propoñer melloras na xestión da autoestrada. Ese escenario de traspaso recortado quedou superado esta semana: o pacto dos socialistas co Bloque e Sumar dá o visto e prace esencial á transferencia e deixa as condicións concretas para un momento posterior, o da concreción do traspaso na Comisión Mixta de Transferencias Xunta-Estado.
A lei agora agora acordada por PSOE, BNG e Sumar segue adiante malia ao "non" de PP e Vox e, se chega a culminar, deixa as condicións concretas do traspaso para a súa concreción na Comisión Mixta Xunta-Estado
No primeiro test en forma de votación deixa dúas posibles lecturas. Unha, a posibilidade dunha maioría absoluta no pleno do Congreso -imprescindible nunha lei orgánica- malia ao "non" de Vox e mais dun PP que di opoñerse porque o texto deixa fóra parte do incluído na lei aprobada en Galicia. Tanto o BNG coma o PSdeG esixen ao PPdeG explicacións polo seu "non". Outra, que este avance non sexa máis ca o pórtico dun cuarto bloqueo.
Calquera das dúas lecturas vai acompañada dunha inevitable derivada, o xeito en que o goberno que finalmente acabe sendo responsable cotián da AP-9, o español ou o galego, aborde a gran cuestión relativa a esta infraestrutura. Trátase do futuro da súa explotación mediante concesión privada a Audasa, prorrogada se concurso ata 2048 polo Goberno de Aznar no que a Comisión Europea considera unha ilegalidade nun procedemento que segue aberto mentres continúan a subir as tarifas dunhas peaxes que, nos últimos anos e a partir de acordos PSOE-BNG, o Goberno de España vén paliando con plans de descontos para os que comprometeu máis de 2.000 millóns de euros.